Campo do Fragoso LXI

50 PUNTOS
Alejandro Menéndez, o cuarto adestrador desta tempada, conseguiu no seu primeiro encontro endereitar a deriva na que caera o Celta tras tres derrotas consecutivas. Acadar os 50 puntos, que deberían afastarnos de todos os perigos e fantasmas, é unha boa noticia para os seareiros celestes; mais a recuperación dunha certa disciplina táctica, dunha descoñecida capacidade goleadora e, sobre todo, dunha mellor actitude de todos os membros do equipo poden ser aínda mellores novidades. O encontro comezou co público máis pendente das evolucións de Gustavo López (apupado agarimosamente ao remate) ca dos nerviosos xogadores celestes. Xa aos catro minutos, os cadistas anunciaron cunha gran xogada que, a pesar das súas limitacións, viñan dispostos a dar batalla. Houbo que agardar un cuarto de hora para que o recuperado Quincy enviase o seu primeiro aviso a Limia e para que, poucos minutos despois, cabecease con moito perigo un bo servizo de Canobbio. Á media hora, o uruguaio (moi motivado) fabricou un magnífico pase interior que aproveitou Perera para abrir o marcador. A diferenza de encontros anteriores, o gol aguilloou aos celestes que a partir de entón reinaron con autoridade. Unha xenialidade espectacular de Quincy, catro bicicletas e unha rosca moi axustada ao pao esquerdo, supuxo o segundo tanto. Tras o descanso, cos de Procopio dispostos a intentar a remontada, os galegos defendéronse con xeito buscando contras que aproveitasen a sociedade dos seus tres veloces dianteiros. Deste xeito chegou o segundo gol de Perera, tras un servizo dende a banda dun inspiradísimo Quincy, demostrando que funcionaba a fórmula ideada por Menéndez: moita disciplina atrás, moita fantasía e velocidade diante. Un centro medido de Gustavo (que demostrou non ter esquecidas as súas mañas) foi ben rematado por Dani (unha das tradicionais bestas dos celestes). Este gol abriu esperanzas para os cadistas, porén foron estragadas axiña por outro golazo de Quincy, tras unha contra dirixida con gran tranquilidade por Jorge Larena na súa primeira xogada. Nos minutos finais marcáronse outros dous goles, o dos gaditanos tras un fóra de xogo sinalado polo asistente que o arbitro non atendeu, o dos celestes por un penalti cometido sobre Diego Costa que transformou Larena. Pechábase así unha merecida goleada do Celta que devolveu unha tímida ledicia á bancada e permite abrir esperanzas sobre a fiabilidade do técnico. Contar cun adestrador solvente podería ser a gran noticia do partido de onte.