Onte 634: A BSO das meigas de Lupa
É unha marabilla o que está sucedendo coa banda sonora orixinal que David Alonso Garzón compuxo e gravou para As meigas de Lupa, a novela xuvenil de María Solar. Seleccionada primeiro e logo declarada finalista nos premios Jerry Goldsmith do Festival Internacional de Música de Cine de Córdoba, na categoría de mellor creación libre, onte coñecimos un vídeo de presentación deste orixinalísimo traballo audiovisual, no que colaboran de forma desinteresada un equipo de máis de 20 persoas entre técnicos e o grupo Achádego de teatro, unidos pola inspiración e o estímulo da lectura da novela de María Solar. Do que soubemos onte foi da peza de seis minutos na que se adianta o que será o booktrailer e a banda sonora, que acompañará a novela cando apareza a segunda edición, a comezos do vindeiro outono. É obrigado expresar a nosa gratitude a David Alonso Garzón por este incrible traballo que incita a mergullarse na lectura recuperando unha lenda do noso patrimonio de tradición oral. Paga a pena seguir este proceso creativo tan estimulante.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir