Os alicerces de don Paco
No artigo da semana en Faro de Vigo ao fío da celebración do centenario do nacemento de Francisco Fernández del Riego lembro a súa primeira década en Vigo.
Hai unha semana celebrabamos o centenario do nacemento de Francisco Fernández del Riego, o home luz da cultura galega do século XX. Coa presentación dun libro colectivo, “Francisco Fernández del Riego. Vigo dende o corazón de Galicia”, coeditado pola Fundación Penzol, a editorial Galaxia e o concello de Vigo abríuse o programa de actividades deste ano do centenario no que se poñerá en valor o legado de don Paco.
Nacido en Vilanova de Lourenzá, dende 1939 don Paco asentouse en Vigo, cidade na que durante sete décadas desenvolveu a súa inxente actividade e á que tanto amou e gabou nos seus discursos. Recibíu a Medalla de Ouro da Cidade de Vigo (1988), foi nomeado o primeiro Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo (1992) e a Praza Elíptica, onde se colocou un busto de Álvaro Fernández de la Vega, tomou o seu nome en 2000. Por ventura Francisco Fernández del Riego recibíu en vida o recoñecemento e agarimo das institucións e da cidadanía viguesas ás que con grande xenerosidade doou en 1995 a súa valiosa colección de libros e cadros, reunidos hoxe na Biblioteca-Museo Francisco Fernández del Riego da primeira planta da Casa Galega da Cultura, debaixo da Biblioteca Penzol, a máis importante do mundo no que atinxe a cultura galega, que dirixíu de forma altruísta durante décadas até o seu falecemento en 2010.
Os libros, sempre os libros, foron o cordón umbilical que uniron a del Riego coa cidade de sal á que Valentín Paz Andrade o convidou a traballar. Cóntao o propio don Paco nun dos capítulos do seu libro de memorias, “O río do tempo. Unha historia vivida” (Ediciós do Castro, 1990): “Cando collín o tren para Vigo [outubro de 1939], en Compostela, levaba comigo unha maleta con roupa e libros”. Cando o tren parou en Redondela, baixou para mercar o “Faro de Vigo”, onde leu que fóra encarcerado o seu amigo Valentín. “Non podía voltar a Santiago, e en Vigo non sabería a quen me dirixir” relata para expresar a incerteza daquela súa chegada a Vigo, terra de oportunidades, onde lixeiro de equipaxe pretendía subsistir e fuxir das ameazas daqueles durísimos primeiros días de posguerra e terror. A previsión de Paz Andrade, que lle fixo chegar dende a cadea algunhas instrucións, permitíulle encarreirar as primeiras xornadas viguesas. Dispuña dun cuarto nunha pensión da rúa do Príncipe e comezou a traballar na rúa da Ronda, no bufete do propio Valentín, onde tamén escribía para a revista “Industrias Pesqueras”. Tarefas que máis tarde simultanearía coas de profesor de Literatura e Filosofía, primeiro no Colexio Mezquita e, logo, tamén no Colexio Labor.
Tras aqueles primeiros meses, del Riego xa comezaba a participar nas tertulias do Café Derby e visitaba con certa frecuencia a casa da rúa Cuba de Enrique Peinador Lines, o fundador do Balneario de Mondariz. Paseaba e xantaba co seu amigo Carlos Maside, en días de fame, de restricións, de prato único (“servíannos na mesa un guiso e tres anaquiños de pan”), no Bar Mundial da rúa Velázquez Moreno ou no Bar América da rúa Eduardo Iglesias. Despois, na primavera de 1940, casou con Evelina Herbella, instalándose na primeira casa viguesa de seu, un piso da rúa de Pi e Margall que lles cedeu o doutor Ovella, que acabara de inaugurar no Porriño a empresa Zeltia para aproveitamento do cornello.
Naqueles anos vigueses escuros, moi difíciles, don Paco desenvolveu unha actividade política clandestina intensa, que culminaría coa celebración en Coruxo, no mes de xullo de 1943, da Asamblea reconstituínte do Partido Galeguista, onde se implicarían no seu primeiro Comité Executivo. Don Paco desenvolvía, ademais, unha intensísima actividade epistolar, que como home ponte o mantiña permanente unido á Galicia do exilio e da diáspora americana, que lle permitiu o inicio do seu labor como correspondente da revista “Galicia”, editada polo Centro Galego de Buenos Aires, onde publicou máis de douscentos cincuenta artigos e cinco mil noticias referidas a accións culturais galegas, asinadas como Salvador Lorenzana, un dos seus coñecidos pseudónimos, xunto a outros como Cosme Barreiros, Adrián Solovio ou Adrián Soutelo.
Como home rede que foi, del Riego soubo tecer acordos, aglutinar vontades, contaxiar alento para acometer tarefas colectivas a prol da reconstrución do proxecto galeguista. En 1949, argallou o primeiro suplemento de artes e letras do compostelán diario “La Noche”, recabou e redactou cantas colaboracións foron precisas para o programa que en galego emitía, dende Londres, xa en 1947, a sección española da BBC. E xunto a Xaime Isla Couto, soubo atopar a fórmula idónea, a dunha sociedade mercantil, que permitise constituír unha empresa, prescindindo da oportuna autorización gobernativa, ao servizo dunha nova política cultural, a editorial Galaxia. Eis como se chantaron en Vigo os alicerces do labor hercúleo que del Riego desenvolvería nas seguintes seis décadas. Ben é lembralos ao comezo do seu centenario.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir