Campo do Fragoso XLII

DESCENSO MERECIDO
Fallounos o Rácing de Santander! A vitoria merecida do Celta diante do motivadísmo Xetafe foi insuficiente para que se producise o milagre. Co apoio da bancada petada e voluntariosamente algareira, os celestes saíron moi nerviosos sabendo que a súa sorte non se dirimía só sobre a lameira viguesa e boa parte das súas posibilidades de permanencia quedaban na capacidade dos cántabros de non perder diante do Betis. No arranque do encontro, a defensa de Stoichkov facía, outra vez, auga de forma clamorosa e a solución de Ángel como mediocentro amosábase ineficaz para impedir que os tres dianteiros do Xetafe atuasen a Pinto cunha facilidade estremecedora. Así chegou o gol de Redondo, quen sen marca ningunha aproveitou un rexeite na fronte da área. Paradoxicamente, o Celta soubo erguer o seu ánimo e con enorme facilidade conseguiu empatar, minutos antes do descanso, grazas a un contragolpe moi ben resolto por Bamogo, que realizou un dos seus mellores partidos. Tras a reanudación, os celestes saíron afoutos, decididos a resolver o encontro decontado. Anunciouno Gustavo López cun intelixentísimo saque de falta, que bateu no poste, e concretouno Lequi rematando de cabeza un saque de esquina. Desbordouse, por uns minutos, a euforia en Balaídos: o milagre no que ninguén acreditaba, semellaba posible. Porén, as noticias radiofónicas dos goles do ex-céltico Edu no Sardinero foron enmudecendo a bancada que respectou os vinte e cinco minutos finais nun silencio sobrecolledor, expresión da súa tristeza e decepción por un descenso xa inevitable. Os que acudimos durante toda a tempada ao estadio sabemos que este descenso foi tan merecido como doloroso. Un equipo que só conseguiu gañar catro partidos na casa non podía aspirar a continuar en primeira. Non hai dúbida de que o Celta, se pretende volver axiña a primeira, precisa refundar o seu proxecto deportivo partindo case de cero. Velaí un reto moi difícil do que falaremos en setembro.

Etiquetas: Celta_de_Vigo
5 comentarios
  1. Zerovacas
    Zerovacas Dice:

    Non foi unha boa tarde a de onte, non (falo do Celta e do Barça). Onte pagáronse os erros de todo o ano. Agora é preciso traballar, construír un novo proxecto, apostando por xente nova (¿a canteira?). Saír de segunda non é doado, e non depende (só) do investimento económico que faga un clube

  2. arume dos piñeiros
    arume dos piñeiros Dice:

    Todos os partidos en Balaídos a 2 euros. Esa si que é boa política. O da canteira é sempre unha saída, pero con eses bimbios está a Segunda chea. Uns cracks (o José Enrique que deixaron marchar, o Vela, o Silva do ano pasado que xogaba no Eibar) de recoñecido prestixio e contrastada eficacia (non Nené, por favor) son os que fan subir a un equipo.
    Que mala noite, en todo caso.

Los comentarios están desactivados.