Campo do Fragoso XXXII

Á DERIVA
A pesar de que acudimos a Balaídos ilusionados, a inapelable derrota diante do Espanyol volveunos demostrar que o Celta desta tempada padece unha grave doenza. As mudanzas no once inicial, incorporando as dúas discretas fichaxes de inverno, e a utilización, durante a primeira parte, dun novo esquema (4-4-2) modificaron moi pouco a fasquía dun equipo que volveu ofrecer un tristísimo espectáculo. As tenues melloras que supuxo esta estratexia fóronse ao garete aos vinte minutos cando Luis García marcou o primeiro gol dos periquiños, facilitado por tres erros consecutivos no despexe dunha defensa en permanente período de rebaixas. Tras o descanso, coa entrada de Gustavo López pola banda esquerda (á que lle é propia), a colocación no centro dun Canobbio moi activo e coa recuperación do seu esquema táctico tradicional (4-2-3-1), o Celta recuperou autoridade atacante e creou as mellores ocasións de gol de moitos meses. Un espellismo que durou só dez minutos. A incomprensible entrada de Nené (o que levou a Gustavo á dereita) e o gol de Pandiani, tras un contragolpe moi ben levado por Rufete, murcharon todas as esperanzas dos celestes de marcar. A partir de entón, amosaron a faciana da súa impotencia e a bancada a división que suscita a continuidade do adestrador. A indefinición na dirección técnica (onte demostrouse que Vázquez vacila por ónde tirar) e a falta de compromiso do cadro de xogadores (con algunhas honrosas excepcións, como as de Pinto e Oubiña) semellan ser os dous problemas principais deste equipo de cristal, que despois de vir amosando a súa preocupante fraxilidade nos tres últimos meses, esnaquizou nas dúas últimas xornadas toda a súa credibilidade diante dos seus seguidores. O Celta continúa á deriva, sen temón nin máquina dentro e fóra do campo. Nas vindeiras xornadas, a posibilidade do descenso vai pesarlle coma unha lousa. Que medo, mi madriña!

Etiquetas:
3 comentarios
  1. bouzafria
    bouzafria Dice:

    Coincido co seu post, e recoméndolle o de Armando Álvarez no Faro, sobre a percepción da “Esperanza” como un mal – seguindo aos clásicos gregos, por outra parte.

  2. Brétemas
    Brétemas Dice:

    Efectivamente. Os Celtarras defenderon a morte a Fernando durante todo o partido. Para min a posibilidade de substitución do destrador é só unha das posibilidades para saír do foxo. Sen o compromiso dos xogadores e sen maior claridade táctica dificilmente calquera pode saír deste estado tan depresivo de xogo.

Los comentarios están desactivados.