Campo do Fragoso XXIX

O INSTANTE DECISIVO
Esta tempada un extraño trasno debe habitar na estragada lameira de Balaídos trabando as botas dos dianteiros celestes e impedindo que se produzan eses instantes decisivos, eses alustros de duración apenas perceptible para os seareiros, que permiten a aparición da fantasía irrepetible do gol. Onte, o Celta volveu poñer sobre o terreo todos os ingredientes necesarios para que algún deses momentos máxicos aparecesen: a intención atacante, a intensidade defensiva, o manexo con sentido da pelota, o despregue en velocidade polas bandas, o toque preciso nos desprazamentos, a cooperación no contragolpe… A pesar de manexar con soltura todos estes conceptos do fútbol gañador, mesmo a pesar do conformismo do actual pechacancelas da liga, o conxunto galego volveu naufragar na casa por que foi incapaz de concretar as súas múltiples oportunidades nos instantes decisivos: un pexegazo moi ben intencionado de Jorge Larena á trabe, un punteirazo ao pao do sempre batallador Baiano ou as diversas melés a porta baleira que os dianteiros celestes non souberon resolver. Durante moitos minutos do partido, cun dominio tan apabullante, con ocasións tan claras e realizando un xogo combinativo moi aceptable, parecía imposible que os celestes non acadasen, por fin, a vitoria diante dos seus afeccionados. Porén, por mor da teimosa presenza do trasno da imprecisión nos instantes decisivos o gol non só non apareceu se non que volveu asomar a temible sombra da derrota. Cando avanzada a segunda parte o Celta comezou a decaer fisicamente, tras tres encontros nunha semana, afortunadamente os de Lotina careceron da convicción suficiente para levarse o encontro nun dos seus contragolpes. Para os dous conxuntos estivo claro que no fútbol, como na vida, non se pode gañar se non se aproveitan eses poucos instantes decisivos.

Etiquetas:,
1 comentario
  1. Anonymous
    Anonymous Dice:

    De tódolos xeitos, hai que recoñecer que o dos dianteiros é desesperante. Cantos balóns perden! Máis que imprecisión moitas veces non sabe qué facer. Velos protestar porque non lla pasan é un síntoma evidente de que non fan as cousas ben. A sorte é un factor importante, pero resolven mal case todo.

Los comentarios están desactivados.