O liderado de Vigo

Nas páxinas locais de Faro de Vigo publicou a miña reflexión sobre o rango de capitalidade para Vigo:

imgresSei que a proximidade das eleccións Xerais e Autonómicas axudou a que o Partido Popular aceptase a emenda de adición do grupo socialista ao texto da reforma de lei da Área Metropolitana de Vigo na que se establece un tratamento para Vigo, como capital da Área, semellante ao dunha capital de provincia. Da man da tantas veces reclamada Área Metropolitana de Vigo, unha conquista histórica para axustar o urdime institucional á realidade socioeconómica da rexión urbana de Vigo, chegará ademais un estatuto de capitalidade do que Vigo carecía desde 1822, o que constitúe unha excelente oportunidade para actualizar e, no seu caso, crear en Vigo as dotacións e servizos públicos deste rango correspondentes ás diversas administracións, central, autonómica e provincial.

Unha noticia que faría saltar da súa cadeira a moitos dos nosos maiores, como ao concelleiro Antonio Nieto Figueroa “Leri”, que contra vento e marea reivindicou durante décadas este estatuto de capitalidade, mais que tamén obriga á propia cidade, tanto aos responsables do goberno municipal como das institucións privadas viguesas, a traducilo nun liderado real tanto sobre o territorio metropolitano como sobre o eixo atlántico do noroeste peninsular. Máis alá das leas políticas, a cerna desta deboura non é que Vigo sexa capital metropolitana con institucións e servizos administrativos, xudiciais, mercantís ou culturais semellantes aos que posúe a cidade de Pontevedra, senón que este novo rango capitalino contribúa a aumentar o seu liderado no proxecto galego e na difícil competencia coas outras cidades da fachada atlántica vertebradoras de cadansúa rexión urbana, como Porto, A Coruña, Xixón ou Bilbao. Neste liderado é onde debería residir a auténtica capitalidade viguesa.

Non abonda coa letra impresa para contar con servizos capitalinos, como demostran casos como os da Biblioteca do Estado, aínda non iniciada por carecer de terreos, unha dotación cultural básica existente en todas as capitais de provincia (e, dende hai uns anos, tamén en Santiago de Compostela), para a que despois de moitos ires e vires se conseguiu do Goberno de España un compromiso de instalación en Vigo, recollido en diversos Orzamentos Xerais do Estado e finalmente retirado sine die. Como non abonda contar formalmente coa delegación de servizos administrativos, como sucede desque foi creada a “Delegación da Xunta de Galicia en Vigo”, onde non sempre se poden completar todos os trámites nin na actualidade se axeita ao modelo territorial metropolitano que será aprobado no vindeiro mes de xullo.

O estatuto de Vigo como capital metropolitana obrigará aos responsables municipais a liderar o modelo de planificación urbanística e estratéxica do conxunto da nova Área, o que cremos redundaría na recuperación do papel central do “Vigo metropolitano” no eixo urbano atlántico ibérico e facilitaría o abandono das estratexias curtopracistas nos eidos institucionais e socioeconómico. Non esquezamos, tampouco, que no marco da reorganización territorial e da probable supresión futura das deputacións provinciais ou polo menos da transferencia de moitas das súas competencias á Área Metropolitana, este liderado de Vigo obrigará ás diversas institucións públicas e privadas viguesas (Concello, Universidade de Vigo , Fundación ProVigo, Instituto de Estudos Vigueses, entidades sociais e veciñais…) a participar no deseño estratéxico dos sectores produtivos sobre os que se alicerza unha economía metropolitana, hoxe dependente en exceso da hibridación tecnolóxica do sector do autómobil e da fraxilidade endémica da industria naval, con todos os perigos que iso conleva.

Nese debate estratéxico fulcral, que xa non se pode adiar durante máis tempo e que debería liderar o propio concello, Vigo xoga o seu futuro para as dúas ou tres vindeiras décadas como un dos motores industriais e culturais da fachada atlántica. Benvida, pois, a capitalidade metropolitana viguesa. Transformala nun proxecto urbano atractivo e potente, capaz de asumir un liderado territorial e económico dunha ampla rexión urbana é un reto e unha oportunidade. Como lembra o noso admirado Eladio Santos, o tempo futuro xa está aquí.

 

Poema de hoxe 175: «Metal central» de Alfredo Ferreiro

Somos dun metal que se funde,
somos dun metal que nos funda,
(…)
Somos do metal central
do mundo

Alfredo Ferreiro, Metal central (Espiral Maior, 2009)

Onte 1709: Tras o Brexit

Tras o Brexit non é difícil afirmar que as mentiras fan hoxe a historia. Da existencia das armas de destrución masiva, que no cumio dos Azores avalaron a invasión do Iraq e o aniquilamento do réxime de Sadam Hussein, ninguén acredita hoxe, nin sequera algúns dos seus protagonistas. Como sabemos que tampouco son certos, algúns dos reclamos utilizados polos defensores do Brexit, que onte derrubou os mercados. Máis alá da previsibilidade das interpretacións sobre o Brexit, desacouga que o debate político sexa tan pouco rigoroso e veraz. Abonda con ler textos como os que publicaba onte Owen Jones en The Guardian para comprender a complexidade social e política agochada tras o resultado do referendum, moi arraizado sobre a situación de profunda desigualdade no RU. Non son adiviño, mais non é difícil aventurar que despois do Brexit veñen en Europa tempos apaixonantes de oportunidade, incerteza e ansiedade. Agardo que Galicia non perda este novo tren da historia.

Poema de hoxe 174: «A estación sen ti» de Daniel Salgado

A estas alturas nada colle nun poema,
todo semella tan ancho
que soborda
a cousa ruín dunha palabra.
A estas alturas
nada colle nun poema porque desencadeas,
amor,
a vida aberta fóra do papel.

Daniel Salgado, Sucede (Espiral Maior, 2004)

Poema de hoxe 173: «Ironía británica» de Manuel Rivas

Disque temos unha ironía británica. Mais o noso himno nacional, coa letra d’«Os pinos», supera en todo o «God save the Queen».

Manuel Rivas, Os Grouchos (Xerais, 2008)

Onte 1708: Brexit

BrexitO Brexit expresa o fracaso do proxecto europeo como comunidade política, incrementado dende o inicio da crise financeira tanto polo aumento da desigualdade e da xenofobia como polo retroceso dos dereitos sociais e cívicos da cidadanía. Tras a decisión do Reino Unido ábrese un debate ineludible sobre o futuro do soño europeo, tanto polas posibilidades de cohesión que abre liberarse do lastre do nacionalismo inglés, como polos perigos de desintegración efectiva da UE, se os partidos da ultradereita chegan a encabezar algún dos gobernos. Xaora, é innegable que o Brexit abre a axenda para a reunificación de Irlanda e para a celebración dun novo referendum para Escocia (onde gañou a continuidade do proxecto europeo), mais que tamén suporá unha nova política de inmigración, creando incertezas e medos para os milleiros de compatriotas que traballan e viven no Reino Unido como cidadáns da UE. Tras o previsible tsunami de medo, o Brexit abre apenas unha nova etapa da crise aberta por Lehman Brothers en 2008.

Poema de hoxe 172: «Galicia», colectivo Ronseltz

Galicia

Todo na miña terra é paisaxe
Menos traxe,
paxe
e garaxe.

Colectivo Ronseltz, Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados (Positivas, 1994)

Onte 1707: Culturgal 2016 en marcha

logo-footer-culturgal2Dende onte poden reservarse espazos e propoñer actividades para o Culturgal 2016, que se celebrará do 2 ao 4 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Como en edicións anteriores hai descontos, que poden chegar até o 36 % do prezo base, para as empresas e entidades que contraten os seus espazos antes do 31 de agosto. As propostas de actividades e presentación de produtos, servizos e novidades nos eidos do Libro, Música, Artes Escénicas, Audiovisual, Infantil…. están abertas até o 2 de outubro. O vindeiro seis de xullo presentaremos esta novena edición de Culturgal, cuxa exposición principal xirará arredor do eixo temático  «Artes e natureza». Culturgal 2016 conitnuará asumindo a  corresponsabilide de administracións e gremios, apostando pola diversidade de públicos e priorizando as propostas máis emerxentes e renovadoras da industria cultural galega.

Quesada, mestre da retranca

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a Fernando Quesada, mestre do humorismo gráfico galego falecido o pasado sábado.

quesadaCando souben do pasamento de Fernando Quesada lembrei aquela noite feliz da cea da Fundación Magar na que lle tocara no sorteo unha bolsa de produtos conxelados. Fernando, moi contento por tan valioso premio, lamentaba que se lle entregase apenas un vale para ir buscalo á tenda ao longo da semana. “Seguro que isto é unha coña de Magar” dicíanos aos compañeiros de mesa, escarallándose de risa.

Fora aquela unha noite feliz na que celebrabamos, tamén, a publicación de “Chispas de Quesada” (2007), o seu derradeiro libro antolóxico no que escolmou con paciencia entre as súas vinte mil viñetas, pouco máis de duascentas, unha pequena mostra da colaboración diaria que mantiña en Faro de Vigo dende o 3 de xuño de 1961, cando Díaz Jácome, daquela redactor xefe do decano, lle publicou o seu primeiro chiste político, sendo director do periódico Manuel Cerezales. Un libro que editamos en Xerais coa intención de continuar aqueloutros catro de “Chispas da roda”, publicados nos anos setenta con moito éxito na colección “O Moucho” de edicións Castrelos, así como os de Galaxia nos oitenta como “Xente de hoxe”, “Xente para todo” ou “Xente a esgalla”. Porén, despois da presentación das nosas “Chispas” no Corte Inglés, da man do seu amigo Ceferino de Blas, Fernando despediuse das páxinas de Faro no verán de 2011, case coincidindo co pasamento da súa compañeira Ana Legido, mergullándose na soidade dun escuro silencio.

Os que aprendimos a ler no Faro comezabamos o periódico polo chiste de Quesada, que nos achegaba o primeiro sorriso do día, un alustro de ironía en branco e negro, non exento dunha sutil dose de acedume, unha das marcas singulares da ollada retranqueira de Fernando. Aquelas viñetas iluminaron durante cinco décadas aos lectores de Faro polos aconteceres da actualidade política, social e deportiva de Galicia e, sobre todo, da cidade e do Celta de Vigo. Unha auténtica proeza xornalística, unha obra gráfica monumental dun humorista, debuxante e notable pintor figurativo que funcionou como o enganche imprescindible entre a primeira e xenuína tradición do humor gráfico galego desenvolvida antes da Guerra Civil por Castelao, Maside, Cebreiro e o ponteareán Ignacio Vidales Tomé e as xeracións posteriores de humoristas contemporáneos, tanto a dos anos setenta e oitenta formada por Siro, Xaquín Marín, Pepe Carreiro, Gogue, Bofill e Xosé Lois “O Carrabouxo”, como a máis recente, a do século XXI, a dos Davila, Aguilera, Kiko da Silva, Pinto e Chinto, Santi Gutiérrez e outros moitos. Nomes todos que se espellaron no mestre Quesada e que fixeron de Galicia a auténtica potencia da retranca que é hoxe.

Fernando Quesada foi o terceiro irmán dunha familia de pintores ourensáns. Comezou a publicar os seus primeiros debuxos na revista do Club Deportivo Ourense onde din tamén xogaba ao fútbol de forma xenial. Despois de rematados os seus estudos de Profesorado Mercantil e de ingresar en 1958 no corpo de xestión da Facenda Pública (onde traballou ata a súa xubilación en 1998), chegou a Vigo en 1961, iniciando as súas publicacións en “Faro de Vigo”. Colaboración que ampliaría, dende 1964, nas páxinas da prensa madrileña, primeiro en “Arriba” e, logo a partir de 1969, no vespertino “Pueblo”, onde os seus chistes adquiriron gran popularidade, e noutras moitas revistas como “La Codorniz”.

Quesada contoume como daquela mandaba o seu chiste a Madrid polo tren que saía cada tarde de Urzaiz ás oito e cuarto. Xeralmente non había problema, mais algunha vez, cando non secara o entintado dos seus caricaturizados (Nixon, De Gaulle, Mao Tse Tung ou Golda Meir) ou non lle atopara decontado os tres pés ao gato, o maquinista do expreso debía recollelo en Redondela ou Porriño, estacións ás que Fernando saía disparado no seu seiscentos para entregarlle a viñeta que comezara a preparar nas horas da sesta, despois dun día na oficina. Anécdota que demostra que aquel tren levaba, ademais do mellor peixe fresco Ría, outras delicias non menos exquisitas, os “pasatempos e filosofías, brincadeiras e retrancas” do Quesada.

Coa tímida apertura da censura dos anos setenta, Fernando Quesada foi gañando peza a peza os límites da temática dos seus chistes explorando a cotidianidade da cultura tradicional e empregando, xa dende 1970, a lingua galega como a principal das súas viñetas, o que en palabras de Francisco Pablos “permitiulle reinventar un país”. É entón cando aparecen os seus personaxes máis característicos e divertidos: os labregos mestres da retranca, os afiadores que levan media hora pedindo paso, os emigrantes sentados nas súas maletas, os albaneis e os canteiros que manexan petrodólares, os gameleiros que adiantan en cambio de rasante ou os maquinistas que botan terra a un asuntiño… Quesada foi un tipo xenial de aspecto incontrolado, un “coñeiro” que atopaba os furados agochados do cotián, un mestre da retranca que hoxe choramos e nunca esqueceremos.

Poema de hoxe 171: «Contrabanddo de amigo» de Antón Reixa

Sentada estou na illa de San Simón
esperando, meu amigo, ai, que volvas do Gran Sol
e pola ponte de Rande van e veñen sen parar
moitos coches, meu amigo, que non veñen do Gran Sol.

Antón Reixa, «Contrabando de amigo» (Viva Galicia beibePositivas, 1994)