Onte 207: Ardeume

As dimensións espectaculares do incendio desta fin de semana nas fragas do Eume –segundo a Consellaría de Medio Rural afectou a 750 hectáreas, aínda que outras estimacións, como a da Consellaría de Medio Ambiente chegan as mil e a do alcalde da Capela as 1.500– provocan desolación tanto polas perdas irreparables neste patrimonio da humanidade, como polo seu perigo para os veciños e concellos das fragas e para as súas formas de vida. Sobre este incendio pairan algunhas cuestións polémicas que Núñez Feijoo, Rosa Quintana, Agustín Hernández ou sequera do director Xeral de Montes (do que nada se sabe nesta crise) deberán aclarar diante do parlamento e da opinión pública galega: se tras a diminución orzamentaria dos fondos destinados a políticas de prevención (20 millóns de euros) e extinción (2 millóns), existiron medios suficientes para atacar o incendio; se houbo coordinación axeitada na súa utilización entre a Xunta de Galicia e o Goberno; se a autorización en 2010 da apertura dunha mina a ceo aberto de andalucita, ás portas do parque natural, un proxecto que fora rexeitado polo goberno de Pérez Touriño, puido ter algunha influencia. Non abonda con lamentarnos polas perdas ocasionadas por semellante catástrofe nun dos nosos paraísos naturais nin facer rogativas para que mude a dirección do vento ou chova axiña. A cidadanía galega ten dereito a saber.

Campo do Fragoso CXX

CELTA GALEGO

Nove xogadores da Terra, a maioría formados na canteira da Madroa, formaron o equipo inicial dun Celta que confirmou con claridade a súa candidatura ao ascenso directo. A aliñación máis galega que lembramos en décadas, que nin sequera mellorou aqueloutra do ascenso da tempada 68/69, na que xogaban Costas, Manolo, Luis Villar, Lito ou Suco, entre outros xogadores galegos, ou nas de tempadas posteriores nas que se incorporaron Juan, Castro, Rodilla e Fernández Amado. Unha estatística incrementada pola presenza na lameira de Balaídos de Diego Mariño, o excelente porteiro vigués do Vilarreal B, formado de picariño nas canteiras do Santa Mariña, Rápido de Bouzas, Sárdoma e Areosa, auténticos berces do fútbol vigués. Un éxito do traballo paciente coa canteira, que comeza a dar o seu froito. A galeguización celeste de Herrera debeuse á incorporación ao equipo inicial de Jonathan Vila, Borja Oubiña, Toni, o voante que xunto con Joán Tomás utilizaba decote como revulsivos das segundas partes. O Celta saíu moi intenso, disposto a encarreirar axiña o partido. Nos cinco primeiros minutos dispuxo de tres saques de recanto. Mesmo Orellana puido marcar gol olímpico no segundo –como contaba meu pai que facía o canario Roig a finais dos corenta– o que impedíu Mariño cunha gran pombiña. A presenza de Oubiña, que volvía tras a lesión, fixo esquecer as dúbidas do triste partido das Palmas. O Celta recuperaba o seu xeito atacante e combinaba procurando paredes e axudas. No minuto dez Iago Aspas protagonizou os acontecementos determinantes no partido. Tras un caneo de artista o de Moaña quedaba só na área diante do porteiro, o que evitou por detrás o xigante Lejeune cun entradón mói inxenuo. Penalti e tarxeta vermella de libro. Porén, pretendendo adornarse cunha estraña reviravolta, Iago fallou o lanzamento da pena máxima de forma clamorosa, enviando o biqueirazo á base do poste. Esa xogada gafou a súa participación no partido, coma se dun esconxuro se tratase. Durante a primeira parte errou un par de goles feitos, un de cabeza, tras un centro moi bonito de Hugo Mallo, outro cando xutou ao corpo de Mariño, cando o porteiro xa estaba no chan. A mala tarde de Aspas, contaxiou aos seus compañeiros que fronte a dez foron perdendo o fío dun partido que se enlentecía e perdía intensidade até niveis de pretempada. Tras o descanso, o golazo temperán de Orellana encarreirou o partido. Foi un xute coa luva de seda que utilizan os mestres, en carreira dende a esquerda da área para coarse pola escuadra dereita, xusto alí onde o felino Mariño non podía chegar. Co marcador por diante, Joán Tomás demostrou que o seu son as segundas partes. Unha das súas marabillosas asistencias entre liñas, neste caso un pase moi profundo, foi aproveitada por Iago Aspas, cando faltaba aínda media hora de partido, para marcar o segundo tanto e de paso pechar o gafe que o perseguíu durante todo o serán. O Celta deu por rematado o seu traballo de ataque e deixou que fose o Vilarreal B quen se estricase un chisquiño. Os amarelos tiveron un par de chegadas ben combinadas, mais foron ben resoltas por Sergio. Un pobre balance ofensivo para un equipo filial moi temido en Balaídos, que se amosou inferior ao de tempadas anteriores. Con esta cómoda e tranquila vitoria, o Celta asegura que chegará ao derbi en postos de ascenso directo, o mellor escenario que podíamos imaxinar ao comezo da tempada.

Onte 206: Nova Escola Galega, Pedrón de Ouro 2012

Nos días difíciles é cando máis se agradecen as boas noticias. Nova Escola Galega recibirá o domingo 20 de maio o premio Pedrón de Ouro. Recoñécese así o seu labor de tres décadas a prol da galeguización educativa e da renovación pedagóxica en todas as etapas e eidos do sistema educativo. Expreso a miña gratitude aos membros do Pedrón, unha institución galeguista que mantén rexo o seu ideal, que sei comparte o medio milleiro de membros de Nova Escola Galega que ao longo da nosa vida profesional e dende diversos eidos contribuímos con discreción, paciencia e humildade a pular contra vento e marea polo modelo de escola pública galega. Para NEG este Pedrón constitúe un aliciente e un compromiso para continuar a procura dunha escola instalada na lingua de noso, innovadora e renovadora, aberta en diálogo con tempo contemporáneo, iluminada na construción compartida do coñecemento polas luces da razón e polos valores da paz. Beizóns.