Premios Xerais 2011, as entrevistas


Blogaliza.tv realizou unha magnífica cobertura dos Premios Xerais 2011. No blog de Xerais podemos atopar todas as entrevistas que Alfredo Ferreiro fixo aos gañadores, membros do xurados e algúns dos asistentes. Un material documental ben interesante.

Eis a relación e os seus enlaces:

Juan Farias, in memoriam

David Pintor enviounos este fermoso retrato de Juan Farias, que preparou para a homenaxe que lle fixeran ao ferrolán o pasado ano en Villaviciosa de Odón. Farias foi un grande de literatura infantil e xuvenil, un rebelde permanente, que rompeu tantas barreiras de temas e de enfoques para  un xénero que el axudou moito a crear entre nós.  Beizón!

#Xerais11

Esta foi a fin de semana dos Premios Xerais. No blog da editorial fixemos xa anotacións abondas sobre un serán que resultou intenso, interesante e festeiro. A grande novidade deste ano foi, sen dúbida, a irrupción de Twitter. No hastag #xerais11 pode seguirse todo o que se dixo e a conversa que se mantén aberta. O agarimo de todos os amigos e amigas que participaron e a inxección de optimismo que nos contaxiaron son, nestes tempos difíciles, moi de agradecer. Beizón para todos e todas!

Campo do Fragoso CX

UN ÉXITO DA CANTEIRA

O valor dos mellores futbolistas, aqueles poucos capaces de marcar diferenza, dirímese nos encontros transcendentais, eses escollidos que se xogan a vida ou morte como son as finais, os «play-off», os derbis ou os clásicos. No primeiro partido da promoción fronte ao fachendoso Granada de Fabri, vinte mil celtistas en Balaídos (sen esquecer aos milleiros espallados polo mundo, que o viviron diante da televisión ou do ordenador) comprobamos que foi a canteira celeste quen marcou a diferenza. Moi ben arroupados pola veteranía de Sergio Ortega, dirixindo con autoridade a defensa, e polo esforzo extraordinario no medio campo dese valadar chamado Cristian Bustos –quizais o mellor xogador celeste desta tempada– e do seu noble escudeiro López Garai, oito canteiráns, uns formados dende noviños na Madroa, outros procedentes do filial, acadaron coa súa ambición e esforzo na media hora final senllas proezas: manter a portaría a cero e conseguir un golazo. Un resultado que deixa intactas todas as esperanzas para acceder á segunda e definitiva eleminatoria da promoción. O primeiro tempo foi moi táctico e de xogo enguedellado, mesmo aborrecido, entre dous rivais que se temen. Fabri conformouse con protexer a súa portaría e aproveitar a posibilidade dos temibles contragolpes da súa restra de figuras como Benítez, Orellana ou Collantes. Herrera apostou pola seguridade da súa defensa de cinco e polo seu tridente de figuras, tan exitoso durante a primeira volta. O puxilato dos adestradores durante esta primeira parte rematou en táboas. O Celta posuía o control do balón de forma escandalosa, mais os seus dianteiros non atoparon espazos nin posicións da vantaxe, coa excepción dalgún escintileo dun Trashorras moi vixiado ou dos espríns de Quique De Lucas, até que consumiu o seu combustible. No primeiro cuarto de hora da segunda parte, como o panorama non mudaba e os contragolpes andaluces eran cada vez máis frecuentes e perigosos, en boa medida froito do cansazo dos mediocampistas celestes, Herrera colleu o touro polos cornos e nun plis plas mudou toda a súa dianteira. Acertou de cheo con decisión tan arriscada de levar as súas tres figuras ao banco e confiar o ataque no tridente suplente, o dos canteiráns Aspas, Michu e Abalo. Todo o Celta foi, entón, capaz de meter unha marcha máis de intensidade e compromiso no seu xogo. Decontado comezou a percibirse na lameira os efectos do fulgor electrizante de Aspas –un xogador xenial e imprevisible ao que lle presta traballar nos perigos do arame– e a súa capacidade de asociarse cos ollos pechados con Abalo; comezou a sentirse a capacidade de chegada de Michu, un futbolista en estado de graza, capaz coa súa potencia de abrir espazos e provocar o temor das defensas rivais. Foron eses os vimbios da xogada dun gol que pode ser decisivo na eliminatoria. Aspas recuperou no centro un balón que abriu cara á banda, Mallo percorreuna até a liña e dende alí centrou moi raso, Abalo arteiro deixouno pasar entre as pernas e Michu chegou á carreira para trallar a rede cunha convicción incrible. O máis difícil do chollo quedara feito. No interminable cuarto de hora que restaba, os nosos resistiron con moita cabeciña e tesón e non perderon a súa concentración defensiva, mesmo nos saques de falta laterais, un dos seus puntos máis fracos durante os meses de devalo. A primeira fase desta eliminatoria fora superada cunha nota excelente. Un éxito da canteira e dunha forma de entender o celtismo. No entanto, o camiño cara primeira continúa sendo moi difícil; debemos conter o noso entusiasmo, xa que na noitiña do mércores o Celta apenas deu un pasiño na procura do seu soño.

«Unidos podemos»: aí o vídeo épico preparado en Granada para recibirnos mañá.

Bravo, mestre Muti!

Hoxe recibín por correo electrónico o enlace con este vídeo. Magnífica arenga cívica do mestre Riccardo Muti previa a interpretación de “Va pensiero”, o coro do terceiro acto do Nabucco de Verdi,  no Teatro dell’Opera di Roma. Antes da representación, Gianni Alemanno, o alcalde de Roma, antigo ministro de Berlusconi, pronunciara un discurso denunciando os recortes gobernamentais ao orzamento de cultura. Estas foron as palabras de Mutti pronunciadas o 12 de marzo de 2011 en presenza de Berlusconi, que ocupaba un dos palcos:

“Eu non teño trinta anos e, polo tanto, xa vivín o que tiña que vivir. Pero hai moito que…. como italiano… viaxando polo mundo… sinto moita dor polo que está pasando. E, por tanto, se fago, a petición vosa, un bis de “Va pensiero”, non o fago tanto, ou só por razóns patrióticas…

Esta noite, mentres o coro cantaba magnificamente “oh miña patria, tan bela e perdida”, pensei que se asasinamos a cultura sobre a que foi fundada a historia de Italia, realmente a nosa patria será bela e estará perdida.

[Ovación, incluída a dos membros do coro que permancían ne escea]

Polo tanto, como estamos nun clima moi itálico… e moitas veces Muti calou… durante tantos anos…, gostaría que fixeramos unha excepción: estamos na nosa casa, non? o teatro da capital. O coro cantou maxistralmente, a orquestra acompañouno estupendamente, e vos, se queredes vos unir tamén, facémolo todos xuntos. A ritmo!”

Eis unha mostra de como podemos expresar a nosa indignación colectiva. Emociona comprobar como unha representación operística ou teatral, un concerto, ou unha presentación dun libro son actos cívicos por excelencia. Efectivamente, como denuncia o bravo mestre Mutti, como el recoñece “tantos anos calado”, se asasinamos a cultura, a nosa patria será fermosa, mais inevitablemente perdida. Non podemos permanecer calados. Unha lección que non debemos esquecer.

VPA: Galicia como tarefa

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da elección de Valentín Paz Andrade como autor do Día das Letras galegas 2012, fago unha semblanza do poeta e emprendedor vigués.

A Real Academia Galega elixiu a Valentín Paz Andrade (VPA) como o persoeiro do Día das Letras Galegas de 2012. O empresario e escritor vigués, nacido na pontevedresa parroquia de Lérez, representa a concepción de Galicia como tarefa, como angueira permanente e inacabada, como encrucillada dos eidos da cultura, da economía e da política, imprescindibles para sacala do atraso e da marxinación na que viviu durante séculos. Nestes tempos tan difíciles para Galicia, onde para vergonza da cidadanía as súas institucións propias viran as costas ao patrimonio esencial do país, é oportunísimo que a institución presidida por Ferrín promova a figura deste emprendedor galeguista, un cosmopolita que viaxou polo planeta case enteiro e nunca perdeu os seus alicerces chantados nos portos de Bouzas e do Berbés e nas rúas de Vigo, a cidade do mundo para el máis querida.

En 1922, tras licenciarse en Dereito e participar na guerra de Marrocos, aquel xornalista noviño chegou a Vigo coa intención de fundar un xornal de inspiración liberal, independente e galeguista. Contando co apoio económico de Ernesto Cádiz Vargas, e coa axuda, entre outras persoas, do seu tío, o poeta Juan Bautista Andrade, VPA conseguiu que o 25 de xullo aparecese o primeiro número de Galicia, un novo xornal da mañá que levaba por subtítulo Diario de Vigo. Aquel proxecto do que VPA foi o seu primeiro redactor xefe e logo director –no que participaron mártires do xornalismo galego como Roberto Blanco Torres ou Manuel Lustres Rivas, ou no que mestres do humor gráfico de noso, como Castelao, Álvaro Cebreiro, Carlos Maside ou Fernández Mazas, publicaban os seus debuxos e caricaturas– uniuno para sempre co mundo do xornalismo e cunha cidade que consideraba como o motor principal da Galicia moderna. Así o expresou nun extraordinario artigo, «El porvenir de Vigo en el porvenir de Galicia»: «Mientras Vigo no sea lo que merece (…), Galicia vivirá incapacitada para la vida intercontinental». Unha idea que reiterou en traballos posteriores nos que presentou a Vigo como o músculo empresarial, obreiro e mariñeiro necesario dunha Galicia consciente de que «a súa frontalidade marítima debía converterse en lei de vida e clave do seu destino». Unha idea que traduciu no seu periplo vital na tarefa de facer Galicia dende o mar de Vigo.

O xornalismo foi a súa gran vocación profesional. Tras o Galicia, un proxecto que durou catro anos, mais cuxo fulgor librepensador mantivo acceso de por vida na súa alma mareira, en 1927 comezou a asesorar xuridicamente á sociedade «La Marítima» de armadores de Bouzas e a escribir en Industrias pesqueras, a revista técnica fundada por José Barreras da que logo sería director dende 1942. Aí naceu a súa vinculación co sector da pesca, do que foi un dos máis destacados coñecedores e dinámicos emprendedores, fose como experto internacional en economía pesqueira ou como participante en proxectos empresariais tan destacados como os de Pescanova e a súa primeira flota conxeladora ou a organización en Bouzas, en 1973 e dende a iniciativa privada, da primeira Exposición Mundial da Pesca.

A política tampouco lle foi allea. Pertencente á xeración dos xigantes do galeguismo, como Otero Pedrayo, Bóveda e Castelao, contando con apenas vinte e un anos participou na segunda Asemblea Nacionalista Galega de Santiago, sendo o primeiro presidente do Grupo Autonomista Galego fundado en Vigo en 1930. Membro do Partido Galeguista, foi candidato ao parlamento republicano e tras o alzamento militar sufriu desterro en varias ocasións. En 1974 foi designado como representante galego na Xunta Democrática creada en París, despois formou parte, representando a Galicia como independente, na Comisión Negociadora da Oposición Democrática, sendo elixindo senador pola Candidatura Democrática Galega nas primeiras eleccións democráticas.

Poeta de espírito reflexivo e sentimental, biógrafo de Castelao, modelo de integración de inquedanzas e saberes, VPA foi unha figura poliédrica e renacentista, onde as súas preocupacións arredor da economía e da empresa enxartábanse na mesma tarefa de desenvolver un proxecto político e cultural que sacase a Galicia da marxinación e o abandono, como sinalou nese libro fundamental da súa longa bibliografía La marginación de Galicia (1970). Toda a súa vida, pois, resúmese no compromiso expresado polo sintagma Galicia como tarefa, o título, tamén, dun dos seus ensaios máis emblemáticos, publicado en 1959 pola editorial Galicia do Centro Galego de Buenos Aires.

Esta acertada elección da Academia Galega permitirá recuperar a obra literaria e facilitar o coñecemento popular desta figura moderna que soubo poñer en diálogo permanente a tradición e os retos do seu tempo. Unha aposta de futuro.

Unha semblanza didáctica interesante preparada polo IES Paz Andrade.

Campo do Fragoso CIX

FORZA CELTA

A contundente goleada fronte ao Cartaxena abre a xanela das esperanzas de ascenso e coloca ao Celta nunha óptima posición para encarar a primeira eliminatoria de promoción. Case totalmente recuperado da fochanca na que caera durante os tres meses pasados, un equipo inédito, formado de saída por oito xogadores galegos ou da canteira nosa, noqueou con asombrosa facilidade ao seu rival. Os murcianos deberon abrir o marcador nos primeiros seis minutos de xogo, tras unha cantadiña lamentable da defensa nosa toda, que levou o balón ao pao e agoiraba volver ás de sempre. Porén, aquela malfadada xogada inicial serviu aos nosos de lección e, dende entón, a sobriedade de Túñez e Ortega e a autoridade de Oubiña serenaron o xogo defensivo celeste, esmagando así as chegadas pola esquerda dos dianteiros albinegros. Herrera concibiu o partido como un banco de probas da promoción. Deixou algúns dos seus imprescindibles no banco e probou as variantes tácticas que lle permitan recuperar o seu catro-tres-tres con xogadores menos habituais como a de Oubiña, Alex e Michu no medio, ou a de Abalo, Iago e Joán Tomás adiante. O éxito da experiencia foi rotundo. Oubiña, recuperado e centrado, amosou o valor enorme da súa experiencia, sobre todo pola súa colocación con capacidade estruturante que facilita a disciplina táctica de todo o equipo; ao que engade o valor do exercicio da súa capitanía sobre os seus compañeiros, aos que agarima, apoia, acouga ou recrimina xusto cando é preciso; un liderado que faltou ao longo de toda a tempada e que pode ser decisivo nesta vindeiras eliminatorias a vida ou morte. Michu reivindicouse como un xogador imprescindible neste treito, tanto pola súa vontade como pola súa autoestima inquebrantable, demostrada nun gol enorme, o que abriu o marcador, conseguido tras superar por potencia aos seus tres marcadores e xutar logo coa esquerda con enorme convicción e forza. Outrosí sucedeu con Álex López, a revelación celeste da tempada, que ilusionado comeza a saír da fase depresiva na que caera para asumir a responsabilidade da condución do ataque. Semellante é o caso de Iago Aspas, eléctrico e hiperactivo, referencia ofensiva do conxunto, capaz de elaborar xogadas extraordinarias e asociarse de forma imprevisible, sobre todo, con Dani Abalo, o seu mellor amigo, que non pasa polo seu mellor momento. Con todo, a sorpresa do serán foi a de Joan Tomás que, probablemente, conseguiu o mellor gol celeste da tempada, tras un sombreiro ao porteiro e un remate de cabeza que enviou o balón á rede. Un gol importantísimo, fermoso, de alta escola, que devolvía a ilusión a unha bancada disposta a soñar e a sufrir co seu equipo. Na segunda parte, co marcador cómodo, o Celta dirixido pola batuta de Oubiña xogou moi relaxado. A entrada de Jota foi outro alento de esperanza. Estoutro rapaz da canteira aproveitou os minutos ofrecendo xogadas de moitos quilates, especialmente un pase interior debuxado con tiraliñas que soubo finalizar Abalo para marcar o terceiro. A inusual goleada foi unha festa para a bancada. No entanto, o máis importante que deixou o partido foron as boas vibracións que supón manter a porta a cero, amosar unha seguridade defensiva nas xogadas a balón parado, recuperar o liderado do capitán Oubiña ou participar da cobiza gañadora de xente como Michu e Iago. Non vai ser doado superar a eliminatoria a cara de can fronte ao prepotente e poderoso Granada. Mais non teño dúbida que se durante eses 180 minutos o Celta xoga coma onte, os fachendosos andaluces van quedar as portas do seu soño. Forza Celta!!!

Magníficas imaxes do partido: Xornal de Galicia, La Voz de Galicia.