Adiante, Blogaliza!

Levamos unha grande ledicia cando soubemos onte que o premio Rosalía de Castro de Lingua, outorgado pola Deputación da Coruña, fose para Blogaliza. O xurado recoñeceu en Blogaliza «un esforzo de creación de espazos socializadores emerxentes para o galego, que xunta o esforzo persoal e de investimento na creación dun soporte de internet», que foi creado por en 2003 por Pedro Silva e que dende 2008 pertence a Algueirada SL, desenvolvida polo propio Pedro Silva (Goretoxo), Tati Mancebo e Alfredo Ferreiro. Un premio merecidísimo polo labor xeneroso do equipo de Blogaliza, tecendo laboriosamente a rede na nosa lingua e proporcionando un servizo formidable de forma completamente altruísta. Dende hai ano e medio estou moi orgulloso de formar parte activa desta comunidade e contar coa amizade de Goretoxo, Tati, Alfredo e Pawley, os nosos primeiros capitáns. Beizóns para todos eles. Adiante BLOGALIZA!

O libro desaparecido

Vía Trafegando ronseis (manantío inesgotable, grazas, moitas grazas) chego a esta peza que forma parte dos materiais publicados por Leer.es,  espazo magnífico do Ministerio de Educación de fomento da lectura destinado a docente, familias e mediadores. Neste lánguido Ano da Lectura en Galicia boto en falta sequera algunha iniciativa na rede coma esta. Mais coa que está caíndo sobre nós, iso xa é «pataca minuta». Para rematar esta triste semana, recomendo este relato visual de catro minutos e medio sobre o valor da lectura, tenche intriga, un puntiño didáctico asumible e unha música ben xeitosa. Funciona.

Apróbase o «Decreto Feijóo»: día triste para o futuro do idioma

O anuncio de Feijóo, tras a reunión do Consello da Xunta, da aprobación do «Decreto de Plurilingüismo» que reduce a utilización do galego como lingua vehicular no sistema educativo non universitario, a pesar de que non nos pillou por sorpresa, esmaga o noso ánimo. Coa excepción da retirada (polo momento) da consulta aos pais, motivada polo contundente lección do Consello Consultivo, Feijóo anunciou hoxe escasas novidades.

Sen menoscabo dunha lectura atenta do documento (que aínda non localizamos na rede e que parece se publicará no DOG nos vindeiros días), semella polas infromacións de prensa que máis ou menos todo seguirá como se presentara no borrador: o emprego do galego retrocede na Primaria e Secundaria (as matemáticas e as materias científico-técnicas en galego serán as grandes sacrificadas); en Infantil a «consulta» ás familias transfórmase en «pregunta sobre a lingua materna»; aválase o desafío do alumnado ao criterio pedagóxico e á autoridade do profesorado na aula, en base a esa suposta «liberdade» para dirixirse ao profesorado e realizar os exames na lingua que lle pete.

Non imos insistir na opinión que semellantes medidas nos merecen nin nos argumentos que manexamos dende hai un ano neste espazo para rebatelas nin enunciar aqueloutros emanados da autoridade de institucións como a RAG, o Consello da Cultura Galega ou o Consello Consultivo. Feijóo, refén dos sectores negacionistas do seu partido, non quixo escoitar estas voces autorizadas e preferiu aprobar un decreto nefasto para o futuro da lingua en completa soidade, sen contar nin sequera cos parabéns dos colectivos negacionistas aos que sempre pretendeu conformar. Algo que, polo menos, debería axudalo a reflexionar sobre o enfoque errado de todo o proceso.

Coa implantación deste decreto, enxérgase un futuro aínda máis gris para o galego e un conflito longo e complexo que continuará nos Tribunais de Xustiza, onde o «Decreto de Feijóo» (así pasará á historia da lingua nosa) pasará un moi difícil exame. As feridas quedan moi abertas no seo da sociedade civil galega,  decepcionada pola ruptura que o Partido Popular de Galicia realizou dun consenso de tres décadas arredor das políticas de «normalización» (unha palabra a reivindicar, tras a lección do Consello Consultivo no seu informe) do galego. Hoxe, parafraseando o que lle temos escoitado noutro contexto ao profesor Alonso Montero,  os milleiros e milleiros de cidadáns galegos que acreditamos na lingua de noso fomos derrotados, mais sabemos que defendemos unha causa tan noble coma invencible. Nesa teima seguiremos de forma entusiasta até o lirismo os galeguistas, conscientes de que a nosa tradición pacífica, liberal, universalista e democrática é o mellor argumento para a defensa das razóns do galego.

Fume, moito fume

Prolingua expresouno onte á noite con toda claridade: «Pacto do Courel? Fume de palla!». Os «inxenuos» que poderiamos conservar unha mínima esperanza de que vencese a racionalidade e puidese ser retirado o decreto quedamos esta mañán ben desenganados: «Feijóo exclúe do pacto polo galego do idioma escolar». O ofrecemento do Courel quedou apenas nun fume, moito fume inane que nin sequera chegou a formar nube. Como sinala o mestre Fermín Bouza, continuaremos teimando en que a saída para o futuro do idioma reside en recuperar o consenso forxado arredor do Plan Xeral de Normalización da Lingua de 2004 e na Lei de Normalización de 1983. Velaí o punto de encontro dende o que volver pular por políticas normalizadoras capaces de atallar esta hemorraxia. O demais é fume, moito fume.

O pacto debera ser a retirada do decreto

Xa o comentei onte na tertulia da noite da Radio Galega. A oferta dun pacto pola lingua realizada por Feijóo no contexto dos actos da homenaxe a Novoneyra é un xesto que non debemos rexeitar, aínda que ben coñezamos que os contidos ofrecidos non son outros que os recollidos na redacción do artigo número 5 do Estatuto de Autonomía: o galego como lingua propia de Galicia, a cooficialidade entre os idiomas galego e castelán, acción positiva cara o fomento da extensión e uso do galego e a aplicación do principio de non discriminación por razón de lingua. Con todo, o máis valioso da declaración de Feijóo en Parada do Courel non é o que expresa, catro principios estatutarios que ten obriga de defender, senón o que cala, abandonando así o discurso das mentiras da imposición do galego e da liberdade de elección de lingua, que no día anterior empregara con semellante vehemencia Alfonso Rueda, o secretario xeral do seu partido. Entón, en que quedamos: cal é o discurso do PPdeG que vale?  É comprensible que os responsables do chamado «Decreto de Plurilingüismo», tras os paos recibidos polos diversos ditames institucionais (o máis recente, o do Consultivo foi durísimo), pretendan procurar unha saída decorosa para a tremenda lea na que se meteron, engaiolados uns polos cantos de serea negacionistas e outros pola estratexia política de reconstruír un novo centralismo. Eles mesmos deben andar amolados pola soidade na que quedaron e sorprendidos pola fortaleza da resposta cívica galeguista. No entanto, a saída para o conflito continúa estando onde os responsables do Goberno Galego ben coñecen: na retirada do documento (como hoxe propón con toda a claridade Agustín Fernández Paz) e na convocatoria decontado  dos tres grupos políticos para reiniciar en sede parlamentaria os traballos da posta ao día do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Velaí, como sinalabamos o domingo, un pacto perfectamente posible.

私の大好きなガリシア

Da manifestación de hoxe quedo con esta foto que fixen nas Orfas.

Como é adoito nestas casos convén visitar as fotogalerías de Galicia hoxe, Xornal de Galicia, A Nosa Terra, Vieiros ou Galiciae. Axudan a comprender mellor a magnitude da mobilización na que participamos.

«O galego abraza»

No artigo da semana de Faro de Vigo volvo sobre a que entendo é situación decisiva na que se atopa o conflito arredor da política lingüística. Insisto en que o futuro vai depender de nós:

Ese futuro vai depender de nós. O futuro do que lle aconteza a esa lingua na que residimos como pobo (dixo Novoneyra) está nas mans da cidadanía deste país, se o queremos continuar chamando Galicia. Este futuro é unha cuestión estratéxica que require tanto as maiores doses de acordo entre as forzas políticas e entidades sociais, como a creación dunha nova civilidade arredor do uso do seu idioma. O galego é a nosa forma de estar no mundo, o mellor xeito que temos de abrazar, de expresar o noso agarimo e a nosa leal discrepancia. Velaí o fulcral do dilema político actual arredor do idioma. Ou recuperamos as políticas de consenso forxadas no Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004 e actualizamos e desenvolvemos cada unha das súas medidas, creando así unha nova civilidade para unha lingua que sabemos é de todos, ou xebramos de vez a baralla e transformamos as políticas lingüísticas en liñas de confrontación política e o que sería aínda máis lamentable, de separación e confrontación entre os propios cidadáns galegos.

O futuro da lingua líbrase no terreo do compromiso persoal e no combate cívico colectivo. Hoxe viaxaremos a Compostela para expresar a nosa esperanza.

Pregón da Feira do libro de Vigo 1982: Uxío Novoneyra e os libros

Recollemos do blog da Biblioteca do IES As Mariñas esta extraordinaria anotación sobre o pregón pronunciando por Uxío Novoneyra na Feira do Libro de Vigo en 1982. Un grande documento para a historia da edición en Galicia.

«O libro, certos libros facilítanlle ó home a máis crítica e veraz información frente os medios de comunicación de masas dominados polo poder ou polos intereses dos que o detentan. Claro que a información nos libros ás veces chéganos demasiado tarde pra asistirnos no intre dunha urxencia de decisión que si a demoramos pode vir demasiado tarde. Pero hai tamén decisiós ou tomas de postura pra longo que nos deixan tempo. E aí sigo o sitio do libro reflexivo e máis fiable.

Libros contra a soedade do home.
Libros contra a desinformación.
Libros contra a malformación.
Libros contra libros.
Libros pra soñar i adiantar o posible.
Libros pra saber que as nosas dores non son solo nosas e pra mover a solidaridade que a nós tamén alcance.
Libros pra avantar.
Libros pra volver ó orixen.
Libros pra ler unha vez.
Libros pra ler máis veces.
Libros pra ver outro camiño, que pudo ou que pode ser o noso.
Libros pra erguerse.
Libros pra sentir indignación.
Libros pra sentirse culpabre.
Libros pra sentir o novo que está surxindo noutro sitio e que nos pode chegar, que nos chegará.
Libros pra suscitar.
Libros pra alentar.
Libros pra non cair baixo a trivialidade do exterior cotidiano.
Libros pra ser libres (importante).

O libro tamén teñe unha especial siñificación si pensamos concretamente en Galicia, na reivindicación da nosa patria e da nosa lengua, na verdade depositada na nosa lengua. A moderna cultura galega, a moderna concencia galega, fíxose primordialmente a base de libros.» Uxío Novoneyra

Os nosos maiores parabéns para o blog da Biblioteca do IES As Mariñas tanto pola recuperación de tan formidable texto de Novoneyra como polo traballo de promoción do libro galego que veñen promovendo.

Outra formidable anotación sobre Novoneyra é estoutra que publica hoxe Xosé Manuel Pereiro.

De Amnistía Internacional: Dedicado aos «Ordenados»

Velaí o verdadeiro rostro do racismo. Como me ten dito un grande amigo que me recomendou este vídeo impresionante de Amnistía Internacional, se fixeran unha versión galega, terían que engadir: “y a los que hablan gallego, lejos!”.

Vía Trafegando ronseis.