Manuel Rivas, a entrevista de David Cantero
Recuperamos a longa entrevista (55 minutos) que David Cantero fixo a Manuel Rivas para TVE.
O documento de febreiro de 2010 é moi interesante.
Recuperamos a longa entrevista (55 minutos) que David Cantero fixo a Manuel Rivas para TVE.
O documento de febreiro de 2010 é moi interesante.
Non hai dúbida de que o anuncio realizado por Roberto Varela esta mañá no Parlamento Galego, cando comparecía na comisión de orzamentos, sorprendeunos a todos, dende aos partidos da oposición aos diversos sectores profesionais da Cultura. A creación dunha Dirección Xeral do Libro e Bibliotecas supón elevar de rango administrativo e político o libro, apostando por priorizar as políticas de lectura, o que constitúe un motivo de esperanza. No entanto, a pesar do espectacular e inagardado anuncio, que ende ben supón unha reestruturación da Consellaría de Cultura, ao que non pode ser allea, tampouco, a próxima inauguración da Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura, a chave reside nos recursos humanos e económicos cos que contará esta nova Dirección Xeral do Libro e Bibliotecas. Velaí o cerne da deboura, como adoitabamos dicir hai trinta anos, cando comezaba o proceso autonómico. A de hoxe pode ser unha grande noticia ou unha grande decepción (como nos aconteceu co chamado «Ano da Lectura» que saudamos con ledicia). Polas noticias que apareceron ao longo da xornadas as esperanzas axiña poden esmorecer, xa que a consellaría de Varela en 2011 reducirá o seu orzamento nun 33%, cifra que duplica a redución do conxunto da Xunta. Ogallá Varela, que con esta decisión recuperou moita iniciativa, tomase boa nota do modelo da Dirección General del Libro y Bibliotecas do Ministerio de Cultura, un dos poucos departamentos do Goberno de Zapatero que non reduce o seu orzamento en 2011. Varela sabe que o libro e a lectura son un proxecto estratéxico, agora, tamén para o seu futuro e a súa credibilidade.
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/Pw5LlSKKG3M" width="740" height="480" wmode="transparent" /]
A cadea de tendas de Bookmans de Arizona (venden libros, dvds e outros produtos de lecer usados) fan sempre unha publicidade moi orixinal.
No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da celebración do bicentenario e da inauguración da oliveira de Silverio Rivas, recompilo algunhas das metáforas e definicións que os autores e autoras da literatura galega teñen feito da cidade de Vigo.
O 27 de outubro foi a data escollida pola Alcaldía para celebrar o bicentenario da declaración por parte do Consello de Rexencia de España e Indias de Vigo como “Cidade, Fiel, Leal e Valorosa”. A concesión deste título foi a máis importante honra que nos deixou a Reconquista, ao tempo que a publicación deste decreto sinala formalmente a epifanía da nosa cidade facendo xustiza ao esforzo da súa veciñanza (daquelas xa unhas catro mil persoas) para lograr a súa liberación e a de toda Galicia, xa que tras a vitoria popular de Vigo, se organizaron as forzas que venceron na batalla de Pontesampaio. Cidade bicentenaria cunha historia milenaria –non esquezamos que os xacementos catalogados proban a existencia de asentamentos humanos sobre os brazos estendidos da ría e do Val do Fragoso dende o Paleolítico–, Vigo foi modelando ao longo destes dous séculos o seu celme de vilar mariñeiro chantado no Berbés e de comunidade agraria estendida sobre as farturentas terras do Val do Fragoso até ofrecer a súa actual fasquía de cidade metropolitana atlántica, especializada nas industrias do automóbil e da construción naval, con vontade inequívoca de liderar o proxecto de modernización e de benestar de Galicia.
É un gran acerto que se chantase no que foi un dos recantos do Campo de Granada, o noso campo da feira, a oliveira de aceiro creada por Silverio Rivas para lembrar a efeméride do Bicentenario e o esforzo colectivo desta cidade que tras sufrir crises e penalidades soubo inventarse e reinventarse manténdose leal e fiel consigo mesma. O escultor, autor tamén da formidable porta pétrea da praza das Travesas, representa coa rotundidade xeométrica desta oliveira metálica, que dialoga nas súas formas coa árbore xa centenaria do paseo de Afonso e co propio escudo da cidade, tanto o carácter de “cidade en estrépito”, sintagma co que Méndez Ferrín definiu a vertixe da nosa transformación urbana da segunda metade do século XX, como o de “cidade en bisbarra”, co que Otero Pedrayo salientaba a importancia que para Vigo teñen cada unha das súas vinte e tres parroquiais, presentes nesta árbore inoxidable co seu nome escrito en cadansúa póla.
Foron moitos os creadores de noso que trataron de representar o código do ADN de Vigo, tratando de aunar o carácter industrial e portuario do Berbés coa cultura agraria do Fragoso. Entre os escultores, Francisco Leiro atopou ese xenoma na fraxilidade do seu Sireno, metade home, metade peixe; Xoán Oliveira na potencia dos seus cabalos en desequilibrio ou Ramón Conde no esforzo dos seus traballadores empurrando unha rede que sae da profundidade da terra.
Os escritores tamén se esforzaron en acuñar coa beleza das palabras ese polímero urbano fragmentado: “volcán de dinamismos” (Méndez Ferrín), “cidade revolcada” (Xela Arias), “abella da ribeira” (Manuel Lueiro Rey), “cidade, puro milagre” e “cidade teorema” (Celso Emilio Ferreiro), “Barcelona atlántica” (Castelao), “cidade pedramol” (Fran Alonso), “o porto dos portos” (Xurxo Souto), “o ímpeto creador” (Xosé María Álvarez Blázquez), “Vilagrande do sur” (Xosé Fernández Ferreiro), “a cidade nova e activa que quere ser o motor do noso país” (Suso de Toro), “capital das altas undas” (Anxo Angueira), “mar da brétema gris” (Helena de Carlos) “[cidade] de grúas asombradas” (Antón Reixa) ou “a cidade do horizonte” (Alfonso Pexegueiro), por citar só algunhas das definicións ou metáforas das últimas décadas.
Con esta mesma intención de esculcar dende o eido literario na alma viguesa, a Fundación de Vigueses Distinguidos publicou o libro “Vigo é palabra”, a primeira antoloxía poética protagonizada por esta cidade bicentenaria. Un volume esencial para a historia literaria local no que trinta e tres dos nosos poetas alongan o patrimonio da metáfora viguesa: “o triunfo do metal” (María Xosé Queizán), “[cidade] en revolución ascendente”, (Mónica Bar Cendón), “cidade que recende a salgado” (An Alfaya), “o sorriso do barcos” (Román Raña), “[cidade] de oliveira e orballo” (Alfonso Álvarez Cáccamo), “unha cidade que nunca quixo morrer” (Antonio García Teijeiro), “a cidade dos agoiros” (Anxo Quintela), “[cidade] de carácter Feroz” (Iolanda Zúñiga), “[cidade] abismo e paraíso” (Manuel Forcadela)… Patrimonio enriquecido coa achega de Ánxel Vázquez de la Cruz, o autor de Luz de Tebra (Xerais 2010), que dedica un capítulo das súas historias médicas á súa estancia a finais dos anos sesenta no Hospital Municipal do Regueiro. “O xardín equívoco” é o título dun texto no que o doutor tudense realiza unha das máis excepcionais gabanzas literarias realizadas a Vigo, cidade para el, “de reiteradas xeometrías fabrís, mariña e montesía, [que provoca] esquizofrénica fascinación”. Unha acaída coda literaria para este bicentenario.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).