Os blogs xa non son o que eran

Arturo Losada de Xornal de Galicia tivo a amabilidade de facer unha reportaxe con motivo do quinto aniversario destas brétemas e dos blogs do meu amigo Jaureguizar. Os blogs (e, loxicamente, os blogs en galego) mudaron de fasquía e funcionalidade non hai dúbida ningunha, mais non morreron e nunca tantos se actualizan cada día na nosa lingua. O meu maior agradecemento para Xornal de Galicia e as miñas desculpas por seu houber algún autobombo nas miñas palabras.

O noso idioma á intemperie

No artigo dominical de Faro de Vigo, publicado hoxe, valoro o enfoque político do borrador do decreto de plurilingüismo no sistema educativo. Tempo haberá de debullar os contidos do documento no referido a cuestións educativas e editoriais.

Refén do compromiso co seu electorado de rematar con «la imposición del gallego» e consciente da debilidade política dos candidatos do seu partido ás alcaldías das grandes cidades, o actual presidente da Xunta destilou durante meses o que pretendía fose un elixir que entusiasmase aos sectores sociais que reclaman non ter contacto ningún co galego na súa vida cotián (un caladoiro electoral onde o PPdeG pretende atopar a súa vitoria en Vigo ou na Coruña) e conformase aos sectores menos esixentes na defensa da lingua das institucións culturais e do PSdeG-PSOE.

Abandonada a posibilidade de recuncar no consenso de todos os partidos e sectores sociais arredor do Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004 e asumida a necesidade de afastarse de posicións galeguistas (as que se identifica co extremismo da «imposición do bipartito»), a ninguén pode extrañar que Feijoo presentase con estudada equidistancia un documento que afonda na utilización partidaria do conflito sobre o emprego das linguais cooficiais no sistema educativo. O que nos achega unha primeira e importante conclusión, por vez primeira en tres décadas de autonomía, a política lingüística desta lexislatura será a imposta polos criterios e intereses dun partido, non a consensuada por todas forzas políticas en base a criterios de país e á defensa de intereses xerais.

Vestido coas roupas do «espazo internacional do plurilingüismo» e amparado nos resultados da enquisa ás familias da fin de curso, o documento propón recurtar a utilización do galego como lingua vehicular nas dúas etapas do ensino obrigatorio; deixándoo á intemperie, aos ventos dos arraigados prexuízos sociais e das «decisións vinculantes» que cada catro anos tomen as familias sobre o seu uso en determinadas materias. Non hai dúbida que se entra en vigor este decreto, o emprego escolar do galego retrocedería de forma moi significativa, tanto por que de facto sería reducido a materias onde se empregan con menor intensidade todas as competencias lingüísticas como pola laxitude do seu uso por parte do alumnado, que terá a posibilidade de escoller, tamén nas aulas, a lingua cooficial da súa preferencia para súas manifestacións orais e escritas; unha solución inaudita e rocambolesca, secomasí que unha materia sexa impartida nunha ou outra lingua só obrigará ao profesorado (a grande vítima deste documento), que perderá parte da súa autoridade pedagóxica diante do seu alumnado en formación.

Un retroceso indiscutible (por moito que teimen en negalo os redactores do documento) que impedirá conseguir os obxectivos previstos nos documentos curriculares en vigor, nos que se fixa que todo o alumnado deberá acadar idéntica competencia en ambas linguas cooficiais ao remate de cada unha das etapas. Un retroceso que, ademais, contravén o sentido de progresividade e da necesaria protección da lingua propia establecido na Lei de Normalización de 1983 (velaí o artigo 13.2.: «As Autoridades educativas da Comunidade Autónoma arbitrarán as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego no ensino». Este tratamento aparentamente «igualitario» que o documento concede as tres linguas no horario escolar é, ademais de meramente publicitario (coa marca de «plurilingüismo» trátase de vender mellor o novo decreto), discriminatorio para a lingua galega, xa que en todos os manuais de Sociolingüística aplicada ao ensino aparece que a lingua minorizada debe contar cun tratamento curricular preferente, algo que non nos pode resultar novidoso xa que é o modelo que aínda temos en vigor. O que nos achega a segunda conclusión, tras tres décadas de presenza progresiva do galego na escola, con este modelo provocaríase por vez primeira un importante retroceso do seu uso e consideración educativa, mais aínda cando a fraca saúde do noso idioma requeriría accións aínda máis enérxicas de fomento e protección.

Mención áparte na valoración do documento merece o delirante e confuso proceso de toma de decisións proposto no que se transfire toda a responsabilidade na abordaxe do conflito aos consellos escolares dos centros e se proporciona ás familias –asumindo case ao pé da letra as propostas dos colectivos galegófobos (a pesar das súas declaracións premeditamente sobreactuadas, os grandes inspiradores deste documento)– capacidade decisoria sobre cuestións curriculares que son unha competencia ineludible das Administracións Educativas. Unha deixación de funcións incompatible coas sentenzas do Constitucional sobre esta cuestión e inadmisible politicamente xa que o dereito á educación afecta á toda a cidadanía e como outros asuntos de interese xeral debe ser regulada polos poderes públicos democráticos. Feijoo continúa errando na solución do conflito do galego.

Campo do Fragoso LXXXVII

NADA NOVO

Mágoa que algún dos ranchos de Reis, como foi tradición durante tantos e tanos anos,  non desfilase onte no primeiro partido do ano en Balaídos. Con certeza que os seus ritmos de chascarraschás e as espectaculares evolucións dos seus bandeiras animaría un chisco á cada vez máis minguada bancada celeste que comeza outro ano cun deplorable espectáculo do seu equipo. Tras as viaxes, os turróns e os cantos dos manueles, nada novo ofreceu Eusebio Sacristán para, tras catro partidos sen coñecer a derrota, iniciar unha remontada definitiva na táboa clasificatoria e enfocar o remate desta primeira volta con certo acougo. Iso si, os celestes como é adoito neles amosaron moita contención mediocampista (grazas a un traballo teimudo de Bustos e López Garai), tiveron o habitual “erro defensivo imperdoable” (o que provocou o gol de Natalio, na única subida trenzada dos pementoneiros) e, sobre todo, os seus atacantes exhibiron unha desesperante incapacidade (paliada in extremis, xa no tempo de desconto, polo magnífico gol de Joselu Sanmartín que en momento tan comprometido tivo a afouteza de superar ao porteiro cun expléndido zurdazo cruzado). Sorprende que Eusebio deixara no banco a Dani Abalo e Trashorras, apostando por adiantar a Botelho e colocar a Iago Aspas como primeiro dianteiro e a Michu como o seu gardacostas. Este esquema resultou un rotundo fracaso. Durante a primeira parte ningún dos dous equipos mereceu nada e todo o espectáculo correu a cargo do colexiado canario Antonio Pérez Riverol que lidou o que quixo cos xogadores para demostrar quen mandaba sobre o terreo de xogo. O Celta dominaba, en realidade, aburría co seu toque e retoque sen profundidade, razón pola que foi capaz de crear apenas dúas oportunidades, se se pode denominar como tales, a un xute pola esquerda de Botelho e a un inocente peiteado de Michu (onte apático e desafortunado na díficil responsabilidade de enlazar cos mediocampistas). O Murcia, mentres, agochadiño no seu campo, non lle custaba facer que facía e agardar o coñecido “erro defensivo imperdoable” dos vigueses. E meu dito, meu feito, transcorrido un cuarto de hora despois do descanso, Vasco Fernandes errou na súa marca e permitiu un centro que Natalio rematou a pracer. Aí comezou outro encontro, o Celta noqueado, puido recibir, un minuto despois, un segundo tanto noutro dos seus agasallos defensivos. Apupados polo resultado, os visitantes construíron un valado que os nosos non sabían superar, mesmo cando os murcianos quedaron en inferioridade tras unha rigorosa expulsión de Álvaro Mejía. A falta de cinco minutos, Eusebio caíu da burra e meteu a Trashorras no terreo de xogo. Daquela, todo baixo a batuta do de Rábade, a nosa capacidade atacante mudou coma da noite ao día, apareceron os primeiros pases interiores, aproveitáronse os saques de recanto e producíndose nese período e no engadido máis oportunidades de gol ca no resto do partido. Así chegou o golazo de Joselu (que ogallá axude a recuperar a súa confianza) e o merecido empate, o resultado ao que semellan aboados os de Eusebio. No obstante, fóra das vacilacións tácticas do adestrador e do seu debate inacabable sobre o papel dos xogadores de valía, este Celta precisa coma auga de maio un dianteiro nato, unha referencia arriba na que todo o conxunto poida confiar cegamente. Esa prometida fichaxe xa non se pode adiar moito máis.

Quinto aniversario

Hoxe estas brétemas chegan o seu quinto aniversario. Dende aquela primeira anotación levamos publicadas 2.623 (383 neste quinto ano)  e recibidos 7.308 comentarios, cifras que amosan unha certa ralentización do ritmo de publicación con respecto a anos anteriores. Un feito ao que sabemos non son alleas nin a nosa intensa participación no blog de Xerais (que nun ano e medio de vida superou o milleiro de anotacións) e, sobre todo, a nosa incoporación ao longo deste último ano as redes sociais de Facebook e Twitter, onde comezamos a participar con certa intensidade. A identidade dixital vaise tecendo coa conversa activa que mantemos na rede por medio de diversas ferramentas e redes o que inevitablemente está levando a unha reformulación do papel dos blogs (da súa lectura e da súa escritura). Nesa lideira andamos, participando activamente, dende finais do mes de febreiro, na fantasía de Blogaliza, que hoxe proporciona soporte a unha parte moi significativa e activa da rede de oito mil blogs existentes en galego (xa non me atrevo a chamala blogomillo para non entrar en debates cos máis entendidos no fenómeno ou na conformación de tendencias).

Repasando mes a mes os contidos deste ano recollo algunhas anotacións que merecen ser recuperadas por moi diversas razóns. No mes de xaneiro, «Autonómiccas: ollo con Pontevedra!»,  que agoiraba importantes dificultades para os membros do Bipartito. En febreiro, «Rotundo fracaso de Galicia Bilingüe», no que, a pesar de errar no titular da anotación, apuntaba a semente de división social que aquela manifestación supoñia. En marzo, «Comeza o ano Piñeiro», na que recollo as ideas principais da conferencia do profesor Alonso Montero sobre o protagonista das Letras Galegas 2009. En abril, «A discreción do editor», unha breve anotación ao fío dunhas palabras do meu compañeiro Juan Blanco Valdés que resumen moi ben o meu xeito de entender o meu oficio. En maio, «Feijoo no labirinto», longa anotación que abría esa longa serie dedicada ao seguimento do conflito da lingua, a nosa primeira preocupación (obsesión) deste ano. En xuño, «Do libro electrónico á lectura dixital», unha anotación recompilatoria das novidades sobre esta cuestión, o tema do ano da edición internacional. Dos meses de verán, «O futuro de Cultur.gal», texto que reclamaba a creación dunha fundación para dar estabilidade a nosa feira da sindustrias culturais. E dos últimos meses do ano, «Abandonados», un des meus artigos dominicais en Faro de Vigo nos que volvo a denunciar a situación dos sen teito.

A todas as persoas que participan no blog, en Twitter e en Facebook (espazos onde, xeralmente, enlazamos as anotacións do blog), as miñas beizóns e recoñecemento pola deferencia de reparar nelas. Se o tempo, ese ben tan difícil de xestionar, non nos falta seguiremos o noso percorrido, explorando nas brétemas de esperanza.