Frankfurt 2008 e os futuros do libro

A pesar dos efectos da «crise financeira» da economía globalizada, a Feira do libro de Frankfurt continúa sendo a Babel da edición contemporánea e a máis importante cita mundial de todos os profesionais da industria editorial. As cifras desta 60ª edición, na que Turquía foi o país convidado, falan de seu: participaron máis dun centenar de países, sete mil expositores e mil autores (entre eles, Orhan Pamuk, o premio Nobel 2006); exhibíronse máis de 400.000 mil títulos; realizáronse 2.700 actos e foron máis de trescentos mil os visitantes que durante os cinco días da feira encheron os 172.000 metros cadrados dos seis pavillóns da «Buchmesse».
Frankfurt xa non é só a primeira plataforma mundial na que se comercializan títulos, licenzas e traducións de libros impresos, senón que dende hai varias edicións inclúe, ademais, a de guións e adaptacións cinematográficos (no Forum Film & TV), a de software para aprendizaxe de linguas, a de audiolibros, libros electrónicos e libros de vello ou a dos máis diversos produtos impresos (papelaría, cartelaría, almanaques…). Con todo e a pesar das facilidades proporcionadas ao sector pola comunicación electrónica (dende o correo electrónico á información web), a principal función da feira continúa sendo a de ser o punto de encontro anual dos editores, axentes literarios, «scouts» e xornalistas literarios que acoden alí para atoparse, para negociar cara a cara, para follear as novidades da competencia, para identificar tendencias na presentación e promoción dos produtos ou simplemente para sentar a tomar un café xuntos e aliviar durante uns minutos a presión (cada vez maior) que viven en todos os países (sen excepción) os profesionais deste sector cultural. Máis alá das cifras de negocio acadadas ou da poxa entre axentes e grandes grupos polos «supostos grandes best sellers» de cada tempada, para a maioría dos visitantes profesionais o maior valor de Frankfurt reside, pois, nas posibilidades relacionais que lles ofrece. Os editores van para verse e ser vistos. Aí é onde reside boa parte do éxito e da tradición desta feira alemá.
Nesta edición de 2008, o maior ruxe-ruxe da feira foi, sen dúbida, o grande peso que adquiriu o debate sobre libro electrónico, cuestión que centrou as intervencións nos fórums (sempre moi concorridos), mais que, coa excepción das presentacións espectaculares realizadas por Amazon do seu «Kindle» e de Sony do seu «Reader», non conseguiu contaxiar ao resto dos expositores. Falábase en todos os pavillóns do libro electrónico e do seu imparable ascenso (unha enquisa realizada entre un milleiro de profesionais concluía que no ano 2018 desbancará ao impreso nas preferencias dos lectores e na facturación do sector), mais, paradoxicamente, se expuxeron moi poucos (busqueinos canto puiden, abofé!) destes aparellos móbiles de lectura nos diferentes estands. A información publicada polo enviado do xornal El País, que estimou en só o 42% o material impreso exposto na feira, pareceume excesivamente «entusiasta» sobre a presenza real acadada polos medios dixitais. No entanto, entre os editores internacionais (sobre todo os anglófonos) semella existir un importante consenso na actual definición do libro na que prevalecería o contido sobre o soporte, así como na necesidade ineludible de dixitalización dos fondos impresos e da inevitable coexistencia no mercado editorial, durante un período de tempo sen determinar, entre os produtos impresos e os de tinta electrónica. Para acomodarse a este proceso de cambio radical (diante do cal os editores españois se amosan, en xeral, pouco entusiastas e escasamente preprados) é imprescindible unha profunda transformación da estrutura da empresa editorial tal como hoxe a entendemos, tanto no que atinxe aos procesos de creación editorial e produción, da xestión dos dereitos e da retribución dos autores, como da comercialización e promoción. En definitiva, hai un consenso no mundo da edición internacional, de que o sector debe afrontar de inmediato unha profunda reconversión, tanto do produto como da súa cadea de valor, aínda que polo momento non existen modelos de negocio que garanticen éxitos inmediatos. O futuro do libro sería, polo tanto, os futuros do libro, recollendo unha afortunada expresión do editor Joaquín Rodríguez.
En semellante Babel como este Frankfurt non é doado facerse notar. Como atinadamente expresou o escritor Miguelanxo Murado na súa intervención de presentación de Telling Stories from Galicia (unha antoloxía de narradores galegos, editada pola Consellaría de Cultura e Deporte), «Galicia é unha nación oculta» á que lle faltan doses da autoestima necesaria para proxectar a súa literatura. Unha doenza que, por fortuna, semella irse curando grazas ao esforzo dos seus editores (presentes en Frankfurt, a pesar das escasas axudas coas que contamos, dende hai dúas décadas) e da vontade política do novo equipo da Consellaría de Cultura e Deporte que asumiu esta proxección como unha das súas prioridades na política do libro.
É un feito obxectivo que a presenza galega en Frankfurt (como no resto das feiras internacionais) gañou en espazo, dignidade e visibilidade nas tres últimas edicións. O espazo expositivo da Consellaría de Cultura presenta un deseño moi atractivo e funcional (con certeza, o mellor das Comunidades Autónomas españolas). Aumentou na Feira de forma significativa a presenza de editores galegos (mesmo algúns, como Kalandraka e Nova Galicia edicións, alugando espazos propios e a súa cifra de negocio (sobre todo o daquelas empresas que venden libros ilustrados). Porén, non podemos dicir o mesmo, da visibilidade da literatura galega e da venda de dereitos de tradución. Eis, a grande asignatura pendente que temos en vindeiros Frankfurt, que non se vai aprobar só coa presenza dun par de autores nin coa edición dunha antoloxía preparada coas presas da última hora nin sequera con revistas de promoción. Aprendendo da exitosa experiencia catalana (foron cultura convidada en 2007), deberiamos contar cunha estratexia de país para proxectármonos, consensuada entre a Xunta de Galicia e os axentes do sector do libro, e unha ferramenta pública (sexa a Oficina do Libro e a Literatura galega no exterior, sexa o Instituto Rosalía de Castro) que a xestione ao longo de todo o ano.

(Artigo publicado en Protexta 08, outono 2008)

Batume, blog de Manuel Lourenzo González

Acabamos de coñecer a primeira anotación de Batume, o blog aberto por Manuel Lourenzo González ao fío da publicación d’ O xardín das pedras flotantes, premio Xerais de Novela 2008. Un moi prometedor blog literario. Beizóns e longa travesía!

Congreso Álvarez Blázquez

Unha moi boa noticia: haberá Congreso Álvarez Blázquez. Organizado pola Real Academia Galega, coa colaboración da Consellaría de Cultura e o concello de Tui, celebrarase os días 11, 12 e 13 de decembro no Teatro Municipal de Tui. O programa semella excelente e completísimo. Alí estaremos coa causa de don Xosé María.

Carlos G. Reigosa, premio Torrente Ballester 2008

A vida do outro de Carlos G. Reigosa é a obra gañadora do Premio Torrente Ballester de Narrativa 2008 dado a coñecer no día de hoxe. «Que me fixo a min a Transición?» é a pregunta que trata de responder, aos cincuenta e seis anos, o protagonista da obra, o director dun xornal madrileño (de orixe galega), cando despois de ter un amago de infarto se decata que non se coñece a si mesmo. Escrita toda ela en primeira persoa, A vida do outro é, en palabras do autor, «unha novela sobre o xornalismo e a vida». Carlos G. Reigosa, autor dunha longa obra narrativa e ensaística toda ela en galego publicada por Xerais, agarda estes días a publicación de Laxeiro por si mesmo, no que recupera a entrevista, aínda inédita, que lle fixera hai vinte anos ao xenial pintor de Botos. Case vinte e cinco anos despois de obter o primeiro Premio Xerais de Novela por Crime en Compostela, Reigosa recunca nun dos máis prestixiosos premios literarios das literaturas galega e castelán. Os nosos maiores parabéns para el.

Aconsellamos escoitar a entrevista que hoxe lle fixeron no «Diario Cultural» da Radio Galega.

«O libro das viaxes imaxinarias»

A verdade é que poucas veces tivera a fortuna de quedar tan satisfeito da edición dun libro coma deste. En realidade o noso maior temor era malograr un texto literario e un traballo de ilustración valiosísimos, concibido coma unha síntese de lectura e relectura. Afortunadamente, xa imos coñecendo as primeiras lecturas, como esta marabilla de Pawley. O libro presentarémolo o vindeiro xoves, as 20:00 horas na Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña.

Morreu Camilo Gonsar

Acabamos de coñecer a noticia do falecemento hoxe do académico Camilo Gonsar (Camilo González Suárez-Llanos), membro da xeración da «nova narrativa» e un dos escritores galegos máis elegantes e discretos que teño coñecido ao longo destes últimos anos. As nosas condolencias para os seus.

O futuro do transporte de ría

No artigo da semana reflexiono sobre o futuro do transporte de ría de Vigo. O anuncio unilateral por parte de Mar de Ons da supresión dos servizos das fins de semana e dos festivos de Moaña abre unha crise na que debe intervir a Consellaría de Política Territorial para asegurar o futuro dun servizo estratéxico para a mobilidade na área metropolitana de Vigo.

Bookopoly

Pode adquirise en Amazon por 24,90 $.
Vía: Livro e afins.

Mais o que si está en galego na rede é o scrabble.gz.