Palabras para cambiar o mundo

Moito agradezo a Marcos que recollese o texto do pregón co que Agustín Fernández Paz inaugurou a Feira do Libro de Ourense o pasado 31 de maio. Recollo os derradeiro parágrafos, preciosos:

“Todas as persoas necesitamos de historias, de soños, de palabras. Para entender o mundo e para entendernos a nós mesmos. Para soñar outras vidas, para loar todo o que a vida nos dá, para vencer o espanto da morte. É curioso: as vellas palabras de Cunqueiro volvémolas atopar hai pouco en boca do estadounidense Paul Auster ao recibir, hai agora dous anos, o premio Príncipe de Asturias: “Necesitamos historias case tanto coma o comer, e sexa cal sexa a forma en que se presenten –na páxina impresa ou na pantalla da televisión- resultaría imposible imaxinar a vida sen elas.

Coma o comer, como beber auga, xaora que si. As persoas non poderiamos vivir sen o alento da imaxinación e dos soños. E, aínda que unha boa parte desa sede, desa fame, a saciamos a través das múltiples pantallas coas que convivimos, non podemos esquecer que a orixe de todas as historias está nos libros. Pois os libros conteñen os soños, as paixóns, os medos, as risas: neles están a imaxinación, os sentimentos e experiencias das persoas, das que viven agora en calquera lugar do mundo e das que desapareceron hai moitos anos. José Ángel Valente escribiu, nun poema memorable, “el que da una palabra, da un don”. Pois iso son os libros, ríos de palabras que se nos ofrecen con xenerosidade para axudarnos a aprender mellor o oficio de vivir.”

Campo do Fragoso LXII

SAN ESTEBAN
A pesar da decepción do empate co Tenerife, tras levar unha boa vantaxe de dous goles, este Celta de Alejandro Menéndez ten mellor cara que o dos adestradores anteriores. É máis equipo, xa que desenvolve un xogo máis solidario e sacrificado, ao longo do encontro desenvolve máis variantes tácticas polas bandas e, polo menos, amosa un chisco máis de orgullo. Novidades todas que, despois da pobrísima actitude que mantivo ao longo da tempada, son de salientar. Foi o partido moi entretido e intenso dende o comezo. Xa no primeiro cuarto de hora houbo oportunidades nas dúas portarías. O gol de Perera chegou axiña, no minuto dezaseis, tras unha elegante apertura de Fabián Canobbio sobre o recanto da banda dereita, desde a que Núñez enganchou sen deixar botar a pelota, para que o noso pichichi, tras buscarlle as costas á defensa canaria, cabecease ás redes. Un gol magnífico. Despois do tanto, os celestes souberon modular o ritmo do encontro desarborando aos rivais (sobre todo por mor dun traballo tan excelente como calado de Michu), ata que no minuto 43 unha nova parvada de Diego Costa (un reincidente que non madura) levouno a autoexpulsarse. Dende entón, o partido mudou completamente a súa deriva. Apenas comezada a segunda parte, Nino (o goleador tinerfeño) estragou un penalti que, como sucedera a pasada semana, soubo atrapar un xenial Esteban, que conseguira antes meter unha man milagreira tras un duro remate a queimarroupa. A partir desta parada decisiva, o partido gañou en intensidade. Un magnífico Núñez recuperou unha pelota case no medio do campo, galopou a banda toda, caneou o defensa na área e con acougo soubo cruzar o balón á saída do porteiro. Outro gol estupendo. O partido semellaba gañado. Porén, os canarios, moi voluntariosos, souberon insistir na súa presión sobre a frontal da área nosa, convencidos que alí poderían aproveitar a súa superioridade numérica. Desgraciadamente para os galegos así foi, ao que contribuíu un troco, que cremos errado, de Sales por Perera. O Celta perdeu así a capacidade intimidatoria dos contragolpes do seu mellor dianteiro e, mermado polo sobreesforzo, foise afogando na súa impotencia. A ninguén estrañou que en tales condicións chegase a igualada, un resultado xusto tras un partido moi competido, onde os dous equipos tiveron semellantes opcións de vitoria. Con todo, a diferenza doutras ocasións, o público que queda nas bancadas deu o resultado por bo: San Esteban coas súas paradas decisivas agasallounos con outro puntiño.

Finalistas Premios Xerais 2008

Os xurados declararon hoxe as obras finalistas.

Blogs e lectura

Mañá, xoves, 29 de maio, estaremos ás 18:30 na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, no Campus da Zapateira, para manter un encontro co alumnado sobre “Blogs e lectura”.

"Votos de riqueza", de Ignacio Castro Rey

En duascentas sesenta e catro páxinas, Ignacio Castro Rey, utilizando unha voz indignada e empregando unha lente sociolóxica, inserida nunha tradición filosófica (ancorada en Nietzsche e nos seus epígonos contemporáneos, Foucault, Deleuze e Baudrillard), debuxa un panorama bastante desolador e feroz do noso tempo, o do capitalismo real. Pois diso trata Votos de riqueza, de analizar o paso do capitalismo produtivo ao capitalismo especulativo actual, centrado nos sectores de servizos, no que a primeira produción é a informativa e a materia prima, en palabras do filósofo compostelán, “é a propia humanidade”.
Artellada a obra con semellante propósito, empregando unha certa mentalidade tráxica, como voz transversal que moumea nas páxinas, non é esaxerado cualificar o libro como feroz, vehemente, intenso, denso, ácedo, máis tamén luminoso, divertido e profundamente irónico. Unha voz afirmativa e pouco pudorosa, interpela ao lector dende o prólogo, onde se adianta os propósitos do ensaio: criticar a cultura do consumo como manifestación primeira e máis acaída da pulpa do presente. Castro propón un acceso crítico á nosa cotidianidade procurando deste xeito una achegamento sistemático a unha esencia excluída. A voz que nos fala e a lente que utiliza pretende achegarse, dende a indefinición común, ao presente que vivimos e ao malestar que produce.
Para achegarse a unha existencia consumista e á banalidade exasperante que a caracteriza, utiliza como metodoloxía a intuición recorrente. Ignacio Castro pretende achegarse ao consumo (unha forma dinámica do odio e do rexeitamento), dende diversos espazos e ámbitos temáticos. Comeza coa prohibición do tabaco nos espazos públicos (unha “manifestación do fascismo de balneario”, chega a dicir). Continúa con varios capítulos dedicados ao medo, nas súas diversas manifestacións, sexa baixo a forma de terrorismo, da crise económica, das catástrofes naturais, do cambio climático, da SIDA ou das guerras rexionais televisivas. Profundiza a súa análise no eido da publicidade e das marcas (ás que lles concede os capítulos centrais), para proseguir coa arquitectura, o urbanismo (e os seus “sen-lugares”), a “violencia verde” (criticando contra corrente o ecoloxismo político actual), a mocidade e a educación (para min os mellores capítulos), o deporte (e a súa obsesión vigoréxica) e a televisión e o seu “star system”. Ata chegar ao apoteósico capítulo dedicado á sexualidade, concibida como un mecanismo de control individual.
En todos os capítulos reitérase a crítica á violencia comunicacional postmoderna, o que Agamben, un dos autores máis citados no ensaio, denomina “estado de excepción”, ou a concepción do “mundo como supermercado”, roubándolle a metáfora a Houllebecq, outro dos autores máis citados por Castro.
Esta disección rabuda do mundo presente no “Polo Norte” do planeta remite a cinco grandes cuestións:
1. A fragmentación envolvente do tempo actual, no que pasamos irremisiblemente da condición de cidadáns á de consumidores.
2. Fragmentación bipolar que provoca a ruptura do relato das nosas vidas e o rexeitamento de calquera tipo de finitude, de diálogo real e de disenso. Perdemos a conversa. As consecuencias deste fenómeno sobre as identidades individuais e as construcións colectivas son aterradoras: o desarraigo e o illamento das individualidades, paradoxicamente hiperconectadas e hipercomunicadas a distancia por medio das tecnoloxías dixitais.
3. Illamento confortable e portátil que se amosa coma síntoma dunha cultura da descontinuidade e do desarraigo, do ruído dixital das pantallas (refugando un silencio, que é aterrador para unha sociedade de televidentes), da velocidade (onde non existe tempo nin espazos para pausas ningunhas) e da impaciencia xeralizada no traballo e mesmo nun lecer absolutamente terciarizado.
4. Descontinuidade que alicerza un individualismo atroz, unha cultura do consenso infinito, unha sociedade de totalitarismo democrático, onde non existen fronteiras entre a dereita e a esquerda, onde a sospeita e o medo son permanentes.
Tras semellante análise, Ignacio Castro non propón conclusións, nin sequera terapias para aliviar este malestar. Apenas continuar nesta indagación crítica e desenvolver unha ética da desaparición, da resistencia –diría eu–, onde teña cabida a finitude, a proximidade e o acougo. Deter esta vertixe, parar a ler con vagar, conversar, recuperar a rúa, gozar dos silencios, arriscarse ao compromiso de amar, aliviaría esta enfermidade do presentismo? Votos de riqueza contén unha proposta ética, mais non un programa de rexeneración política. A Ignacio Castro Rey abóndalle que as súas palabras estean comprometidas co que está por chegar.

[Fragmentos da intervención na presentación de Votos de riqueza. La multitud del consumo y el silencio de la existencia, Marco, Vigo, 27 de maio de 2008]

A lectura en pantallas


Hai días que tiña interese en recoller a reflexión de Juan Varela sobre a lectura en Internet. “En Internet non se le, escanéase”, ou noutras palabras, a lectura da maior parte dos internautas sobre as pantallas é fragmentaria, rápida, fráxil, rota, incompleta, desordenada ou “zapeada”. Os datos proporcionados polo informe de usabilidade de Jakob Nielsen amosan que os internautas só len o 20% do texto das páxinas, aínda que, tamén, despois das duascentas palabras, a lectura descende menos. Ao que habería que engadir que en boa parte dos casos, o lector en pantalla atende sobre todo aos hiperenlaces que contén o texto. Estamos diante dunha nova lectura que moi pouco ten que ver coa tradicional sobre soportes impresos á que se atende nos sistemas educativos. Que consecuencias pode ter esta nova realidade?
Esta constatación, ademais das súas consecuencias sobre a necesaria alfabetización informacional, non debe levar só aos habituais “consellos de blogueiros” sobre a necesidade de publicar na rede textos breves (ese famoso pantallazo de 200 palabras), xa que o internauta non lería máis, senón á reflexión fulcral que sobre a mesma cuestión propón Txetxu: “non tería máis sentido pensar e investir en novos contidos máis adaptados ao medio y ver logo qué alianzas de significado poden chegar a existir con outras canles e soportes? Se toda a lectura sobre pantallas vai ser zapeada e fráxil, pode adaptarse esta textualidade a calquera tipo de contido ou aqueles que precisan de maior vagar e reflexión? Aí poden estar algunhas das maiores limitacións da literacidade electrónica.
A lectura e a edición (tanto a analóxica como a dixital) requiren acougo, tempo e tranquilidade; requisitos imprescindibles para unha abordaxe tanto crítica como gozosa, como cognitiva (habería que engadir, como ben sinala a anotación de Joaquin Rodríguez) da textualidade. Nun momento de cambio de paradigma e de evolución do sector do libro (na coexistencia ou integración de textualidades e soportes), a clave, como temos sinalado tantas veces, está nas políticas de lectura e na necesidade de formación do criterio lector en ambas as dúas textualidades, a impresa e a electrónica (que requiren estratexias diferentes).
Nesta intervención de Txetxu (oito minutos) nas xornadas sobre “Ler en pantallas” poden estar outras claves prospectivas sobre o futuro dunha edición racional e sostible (sobre todo o novo proceso multimodal de creación e lectura sobre os contidos).