"O Globo de Shakespeare", premio Terra de Melide 2008

Anunciouse onte a obra gañadora do VIIIº Premio de Narrativa Terra de Melide: O Globo de Shakespeare de Santiago Jaureguízar. O xurado do certame, formado por Xesus Manuel Marcos, Xaquín Vázquez, Anton Pedreira, Óscar Sánchez e Manuel Bragado, entre as vinte e unha obras participantes, apostou por esta obra que propón unha viaxe tras o primeiro manuscrito de Hamlet que, supostamente, estaría agochado nun pazo de Ribadeo. O Globo de Shakespeare, alén dunha homenaxe ao teatro shakespereano (como o que mellor reflite as paixóns humanas), supón, tras unha trama de intriga, unha reflexión sobre o espectáculo, do escape das vidas, da soidade e dunha sociedade onde non hai posibilidades para o amor. O monifaterio Ricardo e o seu pai, o pintor Leandro, tras a tola e valleinclanesca procura do manuscrito agochado, emprenderán unha viaxe que, irremediablemente, rematará cuna apoteósico final tráxico. Creo que Jaureguizar con esta novela ambiciosa dá unha importante volta de torca na súa narrativa. A novela será publicada por Xerais no mes de outubro.
O Premio Terra de Melide será entregado hoxe en Melide, tras a merecidísima homenaxe a Xosé Vázquez Pintor, un dos nosos máis grandes escritores. Mágoa que non poidamos acompañalos, xa que hoxe estaremos enleados co fallo dos nosos premios.

Diálogos literarios en Mariñán

Mañá estaremos participando nos Vº Diálogos literarios de Mariñán organizados pola Fundación Carlos Casares. Moderaremos o debate sobre “Letras da vida” que manterán dous bos amigos Xosé Miranda e Gustavo Martín Garzo.

A proeza de Barreras

Esta mañá abrindo o Faro quedei pampo coa nova proeza de Barreras. Este buque de prospeccións sísmicas, o primeiro de proa invertida (ou en forma de torpedo) construído en España, é unha mostra da formidable capacidade técnica do primeiro asteleiro privado galego. O actual proxecto empresarial de Barreras, baseado na competitividade proporcionada pola innovación tecnolóxica, aposta pola confianza nas propias posibilidades: “canto máis difícil sexa o proxecto, mellor, maior valor engadido”, afirma Francisco González Viñas, presidente da compañía. Este modelo empresarial semella que cunde, xa que outros asteleiros da ría comezan a emular a estratexia. Así, o sector naval vigués ten carteira completa de pedidos ata 2013, un feito incrible para un sector industrial que, non o esquezamos, sufriu a comezos dos anos oitenta unha durísima reconversión. Mañá, Barreras botará outro buque, neste caso un ferry ultrarrápido de Balearia para cubrir a liña Denia-Ibiza-Palma. Outra marabilla. Os éxitos de Barreras amosan as posibilidades de poñer en valor os nosos sectores produtivos. E unha última reflexión: se somos dos poucos países do mundo que sabe e pode facer embarcacións de todo tipo, que agarda o goberno Zapatero para desbloquear Navantia Fene?

Bidibooks

Esta noticia de hoxe é interesante. Aproveitando a lectura dos códigos bidimensionais, os chamados bidibookseditados pola editorial coruñesa Netbiblo– pretenden completar a lectura sobre un soporte analóxico coa dixital proporcionada por unha pantalla de teléfono móbil. Un intento de fusión entre libro impreso e móbil, unha lectura hipertextual apoiada na rede e nas súas aplicacións. Semella que esta nova tentativa recolle algunha das experiencias xaponesas de lectura sobre móbiles e o desenvolvemento da conectividade da telefonía de nova xeración. Ademais, esta é unha noticia moi significativa de como se move en Galicia a edición dixital. Con todo, e a pesar da evidente utilidade dos bidibooks para tipoloxías de edición específicas (como o das guías de viaxe), o sistema de lectura paréceme un chisco rebuscado. Porén, estoutra noticia, referida á aposta dalgúns grandes grupos de edición polo kindle paréceme máis significativa (polo que ten de tendencia).

Palabras para cambiar o mundo

Moito agradezo a Marcos que recollese o texto do pregón co que Agustín Fernández Paz inaugurou a Feira do Libro de Ourense o pasado 31 de maio. Recollo os derradeiro parágrafos, preciosos:

“Todas as persoas necesitamos de historias, de soños, de palabras. Para entender o mundo e para entendernos a nós mesmos. Para soñar outras vidas, para loar todo o que a vida nos dá, para vencer o espanto da morte. É curioso: as vellas palabras de Cunqueiro volvémolas atopar hai pouco en boca do estadounidense Paul Auster ao recibir, hai agora dous anos, o premio Príncipe de Asturias: “Necesitamos historias case tanto coma o comer, e sexa cal sexa a forma en que se presenten –na páxina impresa ou na pantalla da televisión- resultaría imposible imaxinar a vida sen elas.

Coma o comer, como beber auga, xaora que si. As persoas non poderiamos vivir sen o alento da imaxinación e dos soños. E, aínda que unha boa parte desa sede, desa fame, a saciamos a través das múltiples pantallas coas que convivimos, non podemos esquecer que a orixe de todas as historias está nos libros. Pois os libros conteñen os soños, as paixóns, os medos, as risas: neles están a imaxinación, os sentimentos e experiencias das persoas, das que viven agora en calquera lugar do mundo e das que desapareceron hai moitos anos. José Ángel Valente escribiu, nun poema memorable, “el que da una palabra, da un don”. Pois iso son os libros, ríos de palabras que se nos ofrecen con xenerosidade para axudarnos a aprender mellor o oficio de vivir.”

Campo do Fragoso LXII

SAN ESTEBAN
A pesar da decepción do empate co Tenerife, tras levar unha boa vantaxe de dous goles, este Celta de Alejandro Menéndez ten mellor cara que o dos adestradores anteriores. É máis equipo, xa que desenvolve un xogo máis solidario e sacrificado, ao longo do encontro desenvolve máis variantes tácticas polas bandas e, polo menos, amosa un chisco máis de orgullo. Novidades todas que, despois da pobrísima actitude que mantivo ao longo da tempada, son de salientar. Foi o partido moi entretido e intenso dende o comezo. Xa no primeiro cuarto de hora houbo oportunidades nas dúas portarías. O gol de Perera chegou axiña, no minuto dezaseis, tras unha elegante apertura de Fabián Canobbio sobre o recanto da banda dereita, desde a que Núñez enganchou sen deixar botar a pelota, para que o noso pichichi, tras buscarlle as costas á defensa canaria, cabecease ás redes. Un gol magnífico. Despois do tanto, os celestes souberon modular o ritmo do encontro desarborando aos rivais (sobre todo por mor dun traballo tan excelente como calado de Michu), ata que no minuto 43 unha nova parvada de Diego Costa (un reincidente que non madura) levouno a autoexpulsarse. Dende entón, o partido mudou completamente a súa deriva. Apenas comezada a segunda parte, Nino (o goleador tinerfeño) estragou un penalti que, como sucedera a pasada semana, soubo atrapar un xenial Esteban, que conseguira antes meter unha man milagreira tras un duro remate a queimarroupa. A partir desta parada decisiva, o partido gañou en intensidade. Un magnífico Núñez recuperou unha pelota case no medio do campo, galopou a banda toda, caneou o defensa na área e con acougo soubo cruzar o balón á saída do porteiro. Outro gol estupendo. O partido semellaba gañado. Porén, os canarios, moi voluntariosos, souberon insistir na súa presión sobre a frontal da área nosa, convencidos que alí poderían aproveitar a súa superioridade numérica. Desgraciadamente para os galegos así foi, ao que contribuíu un troco, que cremos errado, de Sales por Perera. O Celta perdeu así a capacidade intimidatoria dos contragolpes do seu mellor dianteiro e, mermado polo sobreesforzo, foise afogando na súa impotencia. A ninguén estrañou que en tales condicións chegase a igualada, un resultado xusto tras un partido moi competido, onde os dous equipos tiveron semellantes opcións de vitoria. Con todo, a diferenza doutras ocasións, o público que queda nas bancadas deu o resultado por bo: San Esteban coas súas paradas decisivas agasallounos con outro puntiño.