Ediçoes Nelson de Matos: ler para crer

Levaba varias semanas buscando un oco para preparar unha anotación en condicións sobre a posta en marcha das Ediçoes Nelson de Matos, a nova editora literaria promovida polo noso amigo e grande editor Nelson de Matos. Despois de vinte e tres anos á fronte de ediçoes Dom Quixote, converténdoa na editora portuguesa de referencia, logo da súa recente aventura como editor literario de Ambar, Nelson desenvolve agora o seu proxecto editorial máis persoal e minucioso. Coa convicción do papel ético do editor como creador dun catálogo, concibido como espazo de creación cultural, e da necesidade do seu traballo constante co texto ao carón dos autores, os primeiros títulos da nova editora de Nelson aparecen organizados en cinco coleccións: “Mil horas de leitura” (Literatura), “Textos literarios” (apoio ao ensino), “Historia hoje” (historia e actualidade), “Outras direcçoes” (lecer) e “Pensar*Navegar (ensaio). Un catálogo ben estruturado e organizado que recupera a centralidade do papel do editor de cultura independente, posición tan difícil e complexa en Portugal (como tamén en España) fronte á tiranía que establecen no mercado a actual concentración tanto da edición como da distribución en librarías.
Todos os libros da nova editora levan a marca do editor coidadosa e experto: un formato común e moi manexable, un deseño de interiores magnífico e unha liña de cubertas limpa, onde o branco identificará a imaxe da editora. Dos primeiros títulos que coñecemos debemos salientar O Lavagante, o inédito de José Cardoso Pires, título xa reeditado no mesmo mes da súa aparición, o que constitúe unha mostra clara das posibilidades de éxito da nova editora. Como tamén me pareceu moi interesante Infância, quando eles eram pequeninos, un gozoso libro de entrevistas de Sarah Adamopoulos sobre a recuperación da memoria da infancia de trinta e catro personaxes portugueses. A primeira acollida dos libros non pode ser máis entusiasta e xa son moi numerosas as referencias aparecidas na prensa portuguesa.
Este novo proxecto dun editor freelancer (como gosta definirse o propio Nelson) amosan que aínda hai un oco para a edición de cultura. O traballo artesanal do editor na confección das coleccións, as tarefas minuciosas de lectura dos manuscritos, o compromiso na comunicación editorial constitúen as claves deste novo proxecto. Beicemos a afouteza deste mestre de editores para continuar na fantasía da edición cultural. Seguiremos dende Galicia estas Ediçoes Nelson de Matos, como un facho de esperanza.

Etiquetas:

Expertos versus creación colectiva

Julián Gallo ofrece unha anotación moi suxestiva sobre as dúas tendencias, aparentemente contraditorias, existentes no actual desenvolvemento do coñecemento na rede: a baseada nun novo e reforzado papel dos expertos e a promovida pola creación colectiva.
Gallo, citando este artigo de Newsweek (“A venganza dos expertos”), onde se suxire que os contidos xerados polos usuarios de youtube ou da Wikipedia axiña serán substituídos polos contidos xerados e asinados polos expertos en cada eido do coñecemento, recolle dous exemplos da primeira da tendencias: a Knol de Google e o BigThink.com (o chamado “youtube das ideas”, onde se presentan entrevistas con destacados intelectuais e investigadores de ámbitos concretos.). Como exemplo da segunda, a baseada na creación colectiva, Gallo propón este vídeo de Charles Leadbeater para presentar o seu libro We Think, no que se desenvolve a idea de creación colectiva (“niño de ave”). O debate que propón Gallo é interesantísimo, xa que sitúa a reflexión sobre a calidade do contido publicado en Internet que, ata agora, e a diferencia do contido analóxico (das enciclopedias en papel) non estaba canonizado pola “autoridade” dun único editor.
Non hai dúbida que o modelo da Knol (aos poucos exemplos publicados nos remitimos) intenta mellorar a calidade do contido e da edición visual dos artigos da Wikipedia, aínda que abre moitos interrogantes sobre a súa viabilidade (aparecerá publicidade) e sobre a posibilidade do control que sobre o coñecemento puidera introducir.
Como tampouco, hai dúbidas que a creación colectiva en Internet, defendida por Leadbeater, pode achegar froitos moi positivos utilizada no mundo non virtual (sexa nas escolas, nas empresas ou na organización das cidades). A tese de Leadbeater non pode ser máis ilusionante e esperanzadora: “as novas formas de colaboración creativa en Internet anuncian a chegada dunha sociedade onde a participación sexa a idea dominante”.
Seguiremos estes dous fíos tan suxestivos.

Etiquetas: ,

NaBai e a gratuidade do libro de texto

NaBai demostra que outra política de gratuidade do libro de texto é posible. Ben sería que os responsables do Goberno Galego e os membros do novo Consello Asesor do Libro (onde, inevitablemente, nalgún momento se abordará o problema) utilizasen estes sólidos argumentos.

Porén, sobre as posibilidades de modificar a modalidade de gratuidade do texto en Galicia, continúo sendo pesimista. A dúas probas me remito. Estas semanas atrás, coa intención claramente electoral, a Consellaría de Educación irrigou polos medios electrónicos publicidade salientando que as principais medidas da súa política de cambio educativo foron os “Libros gratuítos”; “Aposta polo multilingüismo” [sic]. O presidente Touriño e a conselleira Laura Sánchez Piñón, a pesar das boas palabras que expresaron nalgúns momentos, aférranse electoralmente e de forma populista a unha modalidade de gratuidade cada vez máis criticada e máis lesiva para o conxunto do sector do libro. Dende a outra banda do goberno galego, os nacionalistas, despois dos seus compromisos iniciais de apoiar ao sector do libro nesta cuestión, promovendo a creación dunha Mesa Técnica, cairon nun mesto silencio como se este problema non fose con eles nin afectase ao futuro do sector do libro. Ben estaría que esta posición de NaBai axudase a lembrar compromisos adquiridos por PSdeG-PSOE e BNG co sector do libro galego e a propoñer un novo modelo de gratuidade dende a esquerda.

Consultar a posición de NaBai é, ademais, unha boa oportunidade para visitar o seu web (non saltar o flash, paga a pena) e comprobar o seu esforzo por ofrecer outra cultura de comunicación política.

Grazas a Txetxu pola información.

Etiquetas:

Keitai shousetsu, novelas no móbil

Hai meses en Trafegando ronseis (para min hoxe un dos mellores blogs en galego) dábse conta do fenómeno dos keitai shousetsu, novelas por entregas que os mozos e mozas xaponeses (de quince a vinte anos) baixan e len no móbil. Dicíanos que se trataban “en xeral, de historias cotiáns escritas con frases moi curtas nas que destaca unha linguaxe elemental e diálogos contundentes, influídos polos dos “manga”. Contan historias de alto contido romántico aliñadas con prebe de melodrama. E todo isto con personaxes moi planos e situacións bosquexadas sumariamente”. A anotación de ronseis remataba salientando que estas noveliñas cando eran, despois, editadas en papel acadaban vendas enormes.
Onte Bibliómano e Libros & Tecnología (outros dos meus blogs preferidos) volvían a facerse eco do fenómeno “keitai” salientando que en Xapón (un país con 78 millóns de móbiles) constitúe o fenómeno principal da “cultura telefónica“. O móbil serve para atender chamadas, escoitar música, enviar mensaxes de texto e de imaxe, ler novelas por entregas, utilizarse como moedeiro electrónico, tirar fotografías e vídeos ou mesmo recibir alertas en caso de terremotos… En definitiva, unha multiplataforma comunicacional de peto.
A verdade estes keitai shousetsu (habería que traducilos por novelas celulares) a pesar da súa importancia no mercado editorial, non semellan literariamente moi atractivos (apenas outra versión de produtos de lectura de consumo). Porén, este fenómeno xaponés sinala, outra vez, a tendencia da integración das utilidades de comunicación nun aparello portable multiplataforma, onde a lectura tería, por pequeno que fose, tamén o seu oco. O debate sobre os libros do futuro continúa.

Etiquetas:

Iraq e Internet





Hoxe que se cumpren cinco anos do comezo da guerra de Iraq, merece a pena reflexionar con este longo documental (en dez vídeos) preparado por un internauta arxentino só con imaxes dispoñibles na rede, algunhas delas gravadas por soldados americanos e británicos participantes na invasión. Algunhas, por coñecidas non son menos impactantes e grotescas; outras (moi duras, como as do segundo e o terceiro), para min inéditas, deixáronme cao. A pesar das declaracións de Aznar, esta vergonza para a humanidade continúa. Como darlle unha oportunidade para a paz? Estes vídeos amosan, ademais, as posibilidades da rede para desvelar o que se nos trata de ocultar.

Etiquetas:

Cifras e letras en Telemadrid

O bo do noso amigo Paco Lodeiro quedou pampo. Non hai dúbida que o seu programa serve para ampliar vocabulario.

Os filmes de Agustín

Beizóns a Martin Pawley que cumpre os seus cinco primeiros anos de mestre blogueiro. Agasállanos cunha nova sección “Os filmes de…”, comezando cos do mestre Agustín. Hoxe, pois, todos somos dobremente afortunados.

Unha oportunidade para Galicia

Os resultados do BNG nas Xerais son moi enganosos. Por unha banda amosan serias dificultades para consolidar o seu voto nas contornas urbanas e para recuperar o seu teito electoral, obtido nas Xerais 2000 (306.000 votos, un 18% do electorado), o que constitúe un feito, indubidablemente, insatisfactorio para as súas posibilidades de converterse nalgún día, como agardamos os nacionalistas, na forza hexemónica do país. Porén, pola outra, a súa probada capacidade de resistencia e a fidelidade do seu electorado (dende hai doce anos situado sempre por riba dos 200.000 votos, aproximadamente un 12% do electorado galego) permiten agora que o valor dos seus dous deputados poida convertela nunha das forzas decisivas para a gobernabilidade do estado, o que constitúe, unha magnífica oportunidade para a modernización de Galicia, ademais dunha posibilidade de reforzamento do seu autogoberno.
Manexar con realismo e humildade este resultado contraditorio é o reto que teñen por diante os responsables do BNG. Sería un erro que tratasen de agachar as carencias e dificultades de crecemento do BNG nas contornas urbanas (onde se produciron algúns resultados claramente adversos, como en Ferrol ou Pontevedra ); como tamén o sería presentar o carácter decisivo das súas actas (moi lonxe aínda do obxectivo razonable de contar con grupo parlamentario propio, como sempre tiveron as outras dúas forzas de Galeuscat) como un “triunfo sensacional” do nacionalismo galego. No entanto, a posibilidade de que estes dous votos do BNG poidan condicionar a formación e a estabilidade do goberno Zapatero ao longo da lexislatura, é unha oportunidade sen precedentes para Galicia que o BNG pode e debe capitalizar diante do seu electorado e do conxunto da cidadanía galega. Eis, é onde pode atopar o BNG o seu maior éxito nestas Xerais, transformando a súa febleza nunha magnífica fortaleza ao servizo do país.
Como ten manifestado Francisco Jorquera nunha recente entrevista na Crónica da Radio Galega, os condicionantes que proporá o BNG na negociación co equipo Zapatero han xirar arredor de catro cuestións de interese xeral para Galicia: os investimentos e as infraestruturas (consolidando os compromisos de investimento do 8% e os calendarios de finalización de AVE, Eixo Atlántico de Alta Velocidade, portos e aeroportos); o desenvolvemento do autogoberno (especialmente no que atinxe as transferencias de Seguridade Marítima e tráfico, aprobada por unanimidade do Parlamento de Galicia); o respecto aos intereses económicos do país (con atención primeira as posibilidades de futuro de Astano e do desenvolvemento do sector leiteiro); e, por último, á modificación da “Lei Electoral” (sobre todo no que atinxe ao regulamento do voto en urna do residentes ausentes). Un programa absolutamente razonable, que contribuiría decisivamente á mellora da calidade de vida de todos os galegos. Xestionando con intelixencia esta magnífica oportunidade para Galicia o BNG pode atopar finalmente un éxito considerable nestas Xerais.

Etiquetas:

Campo do Fragoso LVI

TRISTE, MOI TRISTE
Onte remataron as entelequias de Mouriño: tras o bacará fronte ao Albacete, o Celta está obrigado a mudar o obxectivo do ascenso a primeira polo de evitar o descenso a segunda división B. Acadar doce puntos de trinta e nove posibles será, a partir de agora, o obxectivo razonable para un equipo que na tempada pasada xogou a Champions League e que na presente conta co máis alto presuposto da categoría. Todo un baño de realismo. O troco de adestrador serviu para que o equipo perdese a pouca orde táctica que imprimira López Caro. A revolución disciplinaria de Antonio López, que deixou fóra da convocatoria a dous dos dianteiros dispoñibles (Costa e Quincy), e a incorporación do canteirán Michu (fixo un partido moi aceptable) na media punta non abondaron para impedir a caída libre na que semella estar inmerso o Celta durante este 2008. O noso é un equipo que segue carecendo de alma gañadora, dunha mínima estrutura no centro do campo (un auténtico desastre) e, sobre todo, da solidariedade defensiva imprescindible para ser un conxunto competitivo na segunda división. Ao Albacete, un dos colistas, abondáronlle dezasete minutos de xogo para que Barkero atopase un furadiño na esmirrrada defensa celeste e batese a Esteban. Aí remataron todas as esperanzas. A partir de entón, os nosos derrubáronse coma un castelo de area e, como na época Stoichkov, deixaron que fosen os centrais (Lequi e Rubén) os que dirixisen o xogo de ataque enviando pelotazos á área, onde Perera loitaba soíño fronte a cinco defensas. Coa excepción de dous remates con perigo do noso bota de ouro (no minuto 24 da segunda parte), pouco xogo celeste de ataque podemos relatar. A falta total de sentido, o disparate táctico e caos posicional, a falta de compromiso dos xogadores, os trocos desafortunados e a destempo do novo adestrador producíronse diante da maior indiferenza dunha afección (cada vez máis minguada) que, por fin, rebentou pedindo, durante a segunda metade, a demisión do presidente. Protestas lexítimas dunha bancada que comproba como o seu equipo se precipitou ao abismo desque está nas mans de Mouriño e de Ramón Martínez, responsables da composición deste pobrísimo e carísimo cadro de xogadores e técnicos foráneos. Se non se lle pon axiña remedio (e non vai ser doado con estes vimbios), esta desfeita pode levar a que Vigo quede sen fútbol de primeira división durante moitos anos. Triste, moi triste.

Etiquetas: