Contrapunto

O blog de Manolo Gago é unha fonte permanente de bo gusto e beleza. Ademais de moitos outros temas, comparto con Manolo o seu interese pola eficacia emotiva da “publicidade branca”. Hoxe pendurou estas dúas pezas do Metro de Madrid, que son sinxelamente preciosas. A veterana axencia Contrapunto, produtora da segunda das pezas, ten realizado moitos outros traballos magníficos. Velaí o anuncio que nos prepararon hai vinte anos para o lanzamento do noso dicionario e o seu tan famoso spot corporativo “Unha mala publicidade pode facerche perder consumidores”:

Vestio

Acabamos de recuperar para a colección “Fóra de Xogo” Vestio, a novela que Xosé Miranda publicara por vez primeira en 1995. Un libro que enlaza temática e formalmente, co moi exitoso volume de contos As mans no medo (publicado o pasado ano e xa reeditado) e co, tamén reeditado, volume de narracións do fantástico A biblioteca da iguana. Tres obras dun mesmo ciclo dun dos nosos maiores narradores contemporáneos.
Velaí o texto de contracuberta que preparamos:

“A doutora Eva García, destinada no remoto lugar de Viana das Veigas, atópase cun cadáver sen rostro e coas mans esmagadas. Xunto ao cadáver aparecen unha carta e un diario. Lendo o diario a doutora vai descubrir as claves de estraños comportamentos e estraños acontecementos que non só se refiren as habitantes da vila, senón a ela mesma, ao seu marido e á súa filla desaparecida hai anos. Eva descubre con abraio que o cadáver resulta ser un antropólogo inglés chegado co pretexto de estudar unha antiga seita priscilianista. Vestio condúcenos de sorpresa en abraio polos labirintos máis inextricables da alma humana e das crenzas máis insospeitadas e terribles. Nin das sombras nin dos homes (como con dor e espanto descubre a doutora) pode fiarse o lector. Unha novela de intriga, suspense, pánico e misterio. Unha narración claustrofóbica, labiríntica, aterradora.”

Recomendo encarecidamente a lectura para aqueles gosten das novelas de terror e do fantástico. A solidez narrativa de Miranda (xa corenta e oito títulos no noso catálogo) nunca defrauda.

Etiquetas:

Libros de mañá, a posición de Manuel Gago

Manuel Gago publica hoxe unha anotación importante, a raíz do debate sobre “Os libros de mañá“, ao que tantas referencias fixemos no blog. A posición de Gago resúmese no derradeiro parágrafo da anotación:

“A cuestión é en que medida é relevante agardar por algo que non sabemos cando nin como chegará. Eu teño a sospeita de que o problema está no prisma e no enfoque. A Internet actual é un fervedoiro de narrativas de popularidade crecente. Realidade, ficción, unha mestura das dúas; a rede é un magnífico campo de experimentación para a narración -por parte dos escritores- e para a comercialización -por parte dos editores. Eu creo que o gran futuro das editoras está no seu papel intermedio entre contadores de historias e o público, no desenvolvemento de novas liñas de negocio vinculadas á ficción dixital, alimentada día a día, con modelos publicitarios e de xestión moi dinámica, composta por blogs, redes sociais, webs adhoc, videoconferencias, cómics interactivos, implicando ao autor na responsabilidade sobre o mantemento diario do negocio, avaliando os seus resultados con rapidez, ofrecendo ao lector o mesmo que lle ofrece un libro papel, descanso, lecer, motivación, emoción diaria, en pequenas pílulas. Por suposto, sei que son un deses numerosos pesados que se dedican a arreglarlle o mundo aos editores sen ter unha nómica que viva de vender libros, pero agora dígoo como lector e consumidor ávido de ficcións: a min gustaríame unha historia dese tipo. Ben feita. Editada. Electrónica. Que poida seguir en calquer lugar e desde múltiples puntos de vista. Cos seus personaxes, os seus tempos. Levable no móbil, imprimíbel, buscábel.”

Pouco que obxectar a unha posición que como lector comparto, o mesmo que a da inevitable chegada dun dispositivo electrónico portable de lectura, que ha substituír, máis ou menos cedo ao papel impreso. O reto que temos por diante os editores é crear unha nova cadea de valor para esta nova tipoloxía de edición, algo que nestes momentos aínda está por consolidarse. O futuro a medio prazo da edición está na excelencia do contido e non, como até agora, na fabricación de unidades impresas e a súa distribución ao detalle. Agradécese unha achega esperanzadora como a de Gago.

Etiquetas:

Historias de fútbol rebelde II

A PELOTA COMO BANDEIRA
Apupado polos comentarios de Mario e dedoscomovermes á miña anotación, rememorei o que conta Eduardo Galeano, no seu libro El fútbol a sol y a sombra, sobre ese partido famoso do Dynamo de Kiev. Creo que este relato é unha das mostras máis claras das verdadeiras razóns do carácter, á vez, heroico e identitario do fútbol. O escritor uruguaio remóntase aos días da invasión nazi de Ucrania en 1942. O exército alemán organizou, entón, un partido de fútbol. Un enfrontamento entre unha selección dos membros das súas forzas armadas contra o Dynamo de Kiev, formado, na súa maior parte, por obreiros da fábrica de tecidos local. “Os superhomes contra os mortes de fame”, subliñaba Galeano. O estadio rebosaba. As bancadas calaron cando os ocupantes meteron o primeiro gol; acendéronse cando o Dynamo empatou; e estalaron cando, case o remate do primeiro tempo, os locais se puxeron por diante.
Durante o descanso, o comandante das forzas alemanas mandou ao seu asistente aos vestiarios do Dynamo:
–O noso equipo nunca foi vencido en territorios ocupados –advertiu o militar a aquel fato de obreiros futbolistas–, se vostedes gañan, fusilarémolos, –engadiulles.
Pouco despois da reanudación do encontro, chegou o terceiro gol dos ucraínos, e cando meteron o cuarto, o estadio “veuse abaixo nun só e longuísimo berro”.
Galeano xa non precisa de moitas palabras para rematar o relato: “antes de que se cumprise o tempo regulamentario, o árbitro deu por rematado o encontro”. Excuso dicir que os xogadores do Dynamo foron todos fusilados coas botas postas. Anos despois da Liberación, aqueles heroes mereceron unha estatua pétrea, que se conserva no centro de Kiev.
Este relato en tempo de guerra, enchido da lucidez e da emoción que imprime Galeano na xusta brevidade dos seus textos, amosa algunhas claves do valor épico e simbólico deste xogo universal de pelota. Os obreiros ucraínos defendían en cada un dos lances do xogo a súa dignidade asoballada e os seus compatriotas berraban, implicitamente, “liberdade” con cada un dos seus tantos. Velaquí, expresado cun dramatismo, quizais esaxerado, o valor no eido simbólico deste espectáculo de masas que constitúe unha das canles de expresión dos sentimentos colectivos de pertenza a unha comunidade. Este tipo de análise permítenos comprender o sentido das mobilizacións populares que se producen despois dos triunfos ou ascensos (“concibidos como xestas”) dos clubes humildes de países coma o noso. Velaí a esperanza dos afeccionados a que a pelota coma bandeira sinale o día dun entusiasmo tan estrondoso como efémero. Intentaremos seguir furgando estas estremecedoras historias do fútbol rebelde.

Etiquetas:

Unha carta de Iciar Bollaín

Agustín recoméndame que lea a carta que Iciar Bollaín escribiu onte en El país sobre o “cine español”. Proponme, ademais, que onde pon “cine español” lea “literatura galega” e comprobarei que a carta describe unha situación parella. A verdade é que o fixen (“Se non houbera literatura galega”, titulei para min) é as coincidencias parecéronme verdadeiramente abraiantes (sector “subvencionado”, escaparate para a nosa lingua e a nosa cultura, deixar espazo nas mesas de novidades para os libros de fóra…). Propoño facer o mesmo exercicio paralelístico coa carta de Alex de la Iglesia sobre o mesmo tema… Seguro que atopamos outras tantas semellanzas.

Etiquetas:

Barómetro hábitos de lectura 2007

Onte referiámonos ao Barómetro de hábitos de lectura e compra de libros 2007, elaborado pola Federación de Gremios de Editores de España. Hoxe podemos ofrecer a presentación deste extenso e concienzudo traballo (169 textos e táboas) que cómpre debullar devagariño (aconsello descargala). Entre os datos referidos a Galicia cómpre reparar nestes que son moi significativos:
  • Apenas o 4,9% do total da poboación galega maior de catorce anos le adoito en galego (en Cataluña o 21,6% e en Euskadi o 4,2% o fan en catalán e éuscaro, respetivamente).
  • Porén, o 54,9% dos lectores nosos, tamén o son habitualmente en galego (en Cataluña o 74,7% e en Euskadi o 35,9% o son en catalán e éuscaro).
  • Galicia está tamén na cola da porcentaxe de libros (50%), lonxe da media estatal (56%).
  • Porén, se excluímos a compra de libros de texto, Galicia ocupa, xa sen paliativos, a derradeira posición (39%) fronte á media (44,7%).
  • O 10% dos libros mercados en Galicia son en Galego (en Cataluña o 22,7% e en Euskadi o 6,5%, o son en catalán e eúscaro, espectivamente).
Volveremos sobre os datos deste importante estudo, que desagregados proporcionan moitas pistas para detectar tendencias que se albiscan sobre o futuro da lectura en España. O esforzo dos promotores do barómetro, cada vez máis completo e rico, merece o noso recoñecemento.
Etiquetas:

Galicia: penúltima en lectura

Hoxe coñecimos os datos do barómetro de lectura e compra de libros de 2007: non hai novidades, Galicia continúa, outro máis e a pesar do cambio político, na penúltima posición, aínda moi afastada da media española e mesmo baixando dous puntos en relación ao anterior. Ou noutras palabras lemos menos e pouco semella importarnos.
Ben sei que as mudanzas neste eido se producen moi amodiño, mais cómpre intentar algo máis enérxico e ilusionante do que se ven facendo até agora. Mañá, con seguridade, nos xornais impresos aparecerán as lamentacións habituais sobre a nosa triste indixencia lectora. Podemos considerar esta situación como algo irreversible, como un xeito de condición identitaria que asumimos fatalmente?
Levo moitos anos tratando de negar ese determinismo; máis aínda, creo que na cuestión do fomento da lectura non podemos perder a oportunidade histórica que temos entre as mans. Para iso cómpre asumir esta cuestión como o eixo de todas as nosas políticas culturais, educativas e de igualdade. E para iso precisamos traballar con moita convicción sobre tres piares: o primeiro, o da creación dunha atmosfera lectora no conxunto da sociedade (lectura para todos, sobre todos os soportes e sobre a maior diversidade de formatos e tipoloxías textuais); o segundo, o da revolución bibliotecaria, transformando as bibliotecas na primeira institución cultural de cada comunidade local; e o terceiro, converter de forma efectiva a lectura no eixo transversal do ensino non universitario e a biblioteca escolar, na aula primeira de cada centro escolar.
Sei que nestes dous últimos anos consolidáronse experiencias moi interesantes, sei que se están facendo algúns esforzos moi notables, mais sei, tamén, que non abondan estas experiencias singulares se non as enmarcamos nun modelo de mobilización lectora impulsado por todas as administracións, polos axentes do sector do libro, polas empresas, asociacións e, sobre todo, pola participación cidadá. Eis o noso reto para poder saír nalgunha ocasión dos postos de cola onde continuamos.
Actualización: (08-02-2008): Faro de Vigo, La Voz de Galicia,

Etiquetas:

Historias de fútbol rebelde

Grazas á chuzada de Fulano descubrín esta anotación de Camilo Rueda Navarro sobre “Historias de fútbol rebelde e rebeldes do fútbol”. Recomendo a historia do Celtic (o primeiro equipo británico en gañar a Copa de Europa), a de Paul Breitner (o fútbolista maoísta que xogou no Real Madrid), ou a do doutor Sócrates (capitán do mítico Corinthians). Unha anotación que debe quedar no arquivo dos que continuamos acreditando no fútbol, a pesar da súa abafante mercantilización, como expresión de anceios colectivos e de solidariedade universal. Como debemos intentar tecer a rede, aí vai a miña achega a estas historias de fútbol rebelde.

A DIGNIDADE DA URSS

Dúas semanas despois daquel fatídico 11 de setembro de 1973, cando Pinochet promoveu o golpe de estado que expulsou do Palacio de la Moneda ao presidente mártir Salvador Allende, a selección da URSS debeu enfrontarse á de Chile en Moscova nun encontro clasificatorio de repesca que daba acceso ao Mundial de Alemaña 74. Aquel partido confuso, arbitrado polo brasileño Armando Marques, rematou con empate a cero, agardando polo encontro de volta que debía celebrarse en Chile o 21 de novembro de 1973. A selección da Unión Soviética esixiu, entón, que non se disputase no Estadio Nacional de Santiago de Chile, alegando que esta instalación deportiva fora utilizada pola Xunta Militar de Pinochet como campo de concentración (xuntaron alí a máis de catro mil persoas), onde se realizarán numerosas execucións e torturas, e solicitando á FIFA á que se escollese outro escenario. Entón, a FIFA acometeu unha das súas máis aberrantes actuacións efectuando unha revisión do estadio digna das mellores obras do absurdo, cos prisioneiros observando aos seus representantes dende as xanelas dos subterráneos, ameazados con ser executados se berraban para denunciar a infamia. A pesar da escueta negativa que a URSS enviou á FIFA de que non se presentaría a xogar en Santiago, a selección chilena compareceu, na data establecida pola FIFA, o 5 de xaneiro de 1974 no Estadio Prisión para xogar un triste encontro sen rival ningún, conseguindo con dous tantos a porta baleira, para vergonza do fútbol internacional a clasificación para o Mundial. A Unión Soviética foi sancionada por tan digno comportamento pola FIFA cunha multa de cen mil dólares. No vídeo pode comprobarse un daqueles goles dunha das máis noxentas mascaradas futbolísticas da historia, celebrada por Pinochet coma unha “nova vitoria contra o comunismo”. Ben é recordar hoxe o comportamento de dignidade do conxunto da URSS.

Etiquetas: