Que tempo vai?
Vía: Una cuestión personal.
Gustei moito deste cartel.
O noso admirado David Rodríguez resultou gañador absoluto da Iª edición do premio de teatro radiofónico convocado pola Radio Galega pola súa obra O bambám. A obra de David resultou vencedora tanto para a audiencia como para o xurado que destacou, segundo a noticia publicada por Vieiros, “a limpeza e a claridade expresiva da obra gañadora, a aposta polo teatro conversacional e a creación dunha atmosfera densa e fluída á vez”.
Os medios literarios e teatrais compostelanos quedaron pampos coa noticia (David é un perfecto descoñecido para eles), mais para os que acreditamos, dende hai tempo, no talento literario formidable de David, a noticia non é máis ca un xusto recoñecemento que tiña que chegar. Bo será que se repasen, agora, algunhas anotacións do seu blog, o funambulista coxo, e comprobarán que non esaxero unha miga. Outro autor que emerxe da xeración blog?
A edición do texto gañador e do resto das obras finalistas témola moi adiantada na editorial. Aparecerá nun volume xunto a un cedé coas gravacións emitidas pola Radio Galega. Creo que será unha publicación moi interesante. Hoxe, beizóns para O Fuco. Un refacho de aire puro para a nosa literatura.
Xelís de Toro, un dos nosos narradores máis orixinais, mantén dous espazos na rede que reomendo non perder: o SEN (Sindicato do Escritor Nervioso) e o espazo laboratoro. Alí poden lerse artigos, contos e textos inéditos, poemas para nenos e cinco poemas sonoros. Xelís traballa dende hai anos en Inglaterra como editor free lance internacional, o que non lle impide continuar escribindo na nosa lingua. Dentro duns poucos meses publicaremos unha edición actualizada e revisada de Seis cordas e un corazón, a súa primeira novela asinada co alcuño de Roque Morteiro. Un autor a revisitar.
Pareceume moi bo. (seis minutos).
Vía: Empezar la jornada
A proxección da literatura galega no exterior é unha tarefa complexa que require un traballo demorado e sistemático por parte de todos. Afortunadamente cada vez son máis frecuentes as noticias da presenza dos nosos autores e autoras en eventos internacionais.
Estes días soubemos da viaxe de Marilar Aleixandre a Budapest para participar, entre os días 29 de marzo ao primeiro de abril, no festival internacional de poesía Europoetica Sacra, que este ano ten por tema “escribir no límite”, relacións entre linguas, poetas que escriben en linguas minorizadas / distintas da materna. Marilar foi convidada polo Instituto Cervantes que apoia este festivalcomo fan, tamén, o Instituto Goethe, o Instituto Italiano de Cultura, British Council… Polas múltiples referencias que vimos na rede (non entendemos nin papa de húngaro) semella que este festival de poesía ten moita proxección. Os nosos parabéns a Marilar.
Actualización (28-03-07): Galicia hoxe amplía a información cunha interesante entrevista a Marilar.
No artigo da semana rememoro os espazos perdidos do meu barrio.
Foto: J.Albertos.
Xa advertimos hai máis dun mes do interese de Limpeza de sangue o premio Álvaro Cunqueiro 2005 de textos teatrais. Hoxe, cun pouco de retraso, coñecín a primeira crítica na rede. Inma López Silva valóraa moito, moito. Transcribo o parágrafo de remate da gabanciosa crítica:
“Non quero deixar de lembrar que Limpeza de sangue vai dedicada, entre outras persoas, a Roberto Vidal Bolaño. Sen dúbida, Roberto semella mestre en moitos aspectos desta obra, fundamentalmente na literariedade das acoutacións e na estrutura secuencial, pero tamén é verdade que Ruibal ten luz propia e amósase orixinal nun texto dramático cuxa gran virtude é saber oscilar entre a literatura, o teatro e mesmo o cine. Pode que sexa herdeiro teatral de Vidal Bolaño, pero Rubén Ruibal ten xa entidade propia no panorama teatral galego, ben acreditada a través de Limpeza de sangue. E seguro que Roberto se aledaría de que o baleiro que nos deixou no nivel creativo comece a ser menos espazoso.”
Parabéns, Rubén. Un moi bo comezo ( e decontado en Libro aberto).
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).