Updike, por vez primeira en galego

Na vindeira semana recibiremos os primeiros exemplares de Terrorista, a primeira novela de John Updike traducida ao galego, que aparecerá nas librarías ao mesmo tempo ca edición de Tusquets e Bromera. El Cultural (que como é adoito non anuncia as edición galega e catalana) publica esta interesante entrevista co moi respectado autor estadounidense. A tradución galega de Terrorista debeuse a Lara Domínguez Araújo e a portada ao fotógrafo Fran Herbello. Mañá publicaremos na web da editorial un adianto do primeiro capítulo.

Etiquetas: John_Updike

Suso de Toro en Bos Aires

Débora fai unha magnífica crónica da presenza de Suso de Toro en Bos Aires. Complétase con estoutra (tamén interesantísima) entrevista en Vieiros. Está cada vez máis clara a necesidade de que os nosos autores e autoras teñan contacto directo coa Diáspora galega. É impresindible rexenerar este tecido que nos une no proxecto común da nación.

Etiquetas: Suso_de_Toro

Sabas libro

Camilo xa nos descubrira a cama-libro. Agora grazas a Txetxu (vía Mikel Agirrebaria) sabemos das sabas libro. Non hai dúbida que a lectura é, para algúns, a cama é un bo reclamo para a lectura. Eu, con todo, prefiro para ler unha boa butaca, aínda que son capaz de ler en calquera sitio. Ben sería coñecer onde prefire ler cadaquén!
Etiquetas: Lectura

Juntos vamos a más

Premios Xerais 2007, os finalistas

Hoxe demos coñecer os finalistas dos tres premios. No Xerais de novela serán “Cardume”, “A perspectiva desde a porta” e “Un sábado longo”; no Caixa Galicia de literatura xuvenil, “Da illa”, “Illa soidade” e “Jonathan é un delfín”; e, por último, no Merlín de literatura infantil, “Carabranca”, “Minimaladas” e “Mácara Nácara”. Sorte para todos!

Etiquetas: Premios_Xerais_2007

Manifestación polo traslado de Reganosa

Hoxe fun con Agustín Fernández Paz a Ferrol para participar na manifestación, convocada polo Comité Cidadadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, co obxectivo de reclamar o traslado de Reganosa fóra da ría e a posta en liberdade de Bastida, o patrón da confraría de pescadores de Ferrol. A protesta (moi numerosa, catro mil persoas é unha cifra importante) serviu para romper definitivamente o muro de silencio sobre este conflito (non esquezamos, aberto desde hai case unha década). A presenza de Beiras e Camilo Nogueira entre os manifestantes foi moi significativa, xa que expresa que afortunadamente dentro do BNG hai voces que non se conforman con lamentar estoutra herdanza dos gobernos de Manuel Fraga. Ben sabemos que solucionar agora o problema de Reganosa é moi difícil, mais tamén é innegable que existen razóns xurídicas abondas para non autorizar a súa posta en funcionamento, como sinalou de forma moi clarificadora o comunicado lido ao remate do acto. É imprescindible que os membros do Goberno Galego non agachen a súa responsabilidade (ten a obriga de aprobar o plan de seguridade e emerxencia da instalación) sobre cuestión tan decisiva para asegurar o futuro sostible da Ría de Ferrol e a seguridade dos habitantes da comarca toda de Ferrolterra. Volveremos sobre o tema.
Etiquetas: Reganosa

Pérolas machistas franquistas

Pedro (sempre tan oportuno) envioume por ecorreo esta presentación que recolle algunhas das máis disparatadas pérolas machistas franquistas sobre a muller publicadas en libros de texto da época. Un documento didáctico que merece ser arquivado. (Recomendo para ler ou imprimir os textos premer en “On Slide Shere” e na nova ventá visionar a pantalla completa.)

Xesús Manuel Marcos, Premio Terra de Melide 2007

Anunciouse hoxe o fallo do Premio de narrativa Terra de Melide 2007 no que participei como membro do xurado. A novela gañadora, A lúa dos everglades de Xesús Manuel Marcos, é un thriller cheo de intriga no que amodiño van converxendo tres historias moi emocionantes, aparentemente sen vencello entre elas, dos membros dunha mesma familia de emigrantes galegos que viven no Barrio Belgrano de Bos Aires, Miami e Madrid. Tres historias de saudades e soidades, tres relatos de exilios emocionais e sentimentais escritos nunha prosa engaiolante con enorme alento narrativo. A novela será publicada por Xerais no vindeiro mes de outubro, coincidindo coa ds Premios Xerais (dos que anunciaremos as obras declaradas finalistas polos tres xurados o vindeiro luns día 4).