Tras a conferencia de Antonio Iturbe (mágoa, que non puiden asistir) e a mesa redonda sobre “Os libros máis vendidos“, o vigués Fernando Valverde, actual presidente de CEGAL, pronunciou unha magnífica conferencia sobre o futuro da libraría independente en España.
Comezou Fernando a súa intervención proporcionando algúns datos claves sobre a edición en España, salientando tanto o actual proceso de concentración da oferta (trinta empresas supoñen o 63% da oferta editorial), como a emerxencia dunha grande cantidade de editoras pequenas (que conforman unha pequena parte do mercado) e que precisan da complicidade da rede libreira.
Abordou, despois, a situación da distribución, cualificándoa de “moi arcaica, moi cara e moi atomizada, o que complica a negociación entre os editores e os puntos de venda”. Puxo o exemplo alternativo da distribución na Alemaña, onde o 90% dos títulos veñen canalizados por só dous distribuidores. Apuntou como realista a porcentaxe de devolución do 26% no conxunto do sector, sendo no eido da edición non educativa de ata o 30%.
Con respecto á situación da rede libreira, a que conforma a oferta final, estimou en tres mil os puntos de venda de libros que poden ser considerados como librarías, sendo necesario diferenciar entre todas elas as que poden ser denominadas como “independentes” (aquelas que non teñen ningún vencello alleo á cadea de valor do libro, a pesar dos seus moi diferentes tamaños), as “cadeas de librarías” (FNAC, Crisol, Casa do Libro e a emerxente Bertrand, vencellada ao grupo Bertelsman), as dos grandes almacéns (Corte Inglés e Carrefour) e as librarías de vello. Entre as chamadas independentes o 60% factura menos de 150.000 € (e só o 7% máis de 600.000 €), sendo o conxunto desta rede, xunto ás cadeas de librarías, a principal canle do comercio do libro en España, aínda que a partir do ano 2004 se detecta unha tendencia de caída das vendas dos establecementos independentes con respecto ás cadeas.
Valverde centrou o miolo da súa intervención nos retos que teñen por diante as librarías independentes:
– “A formación.” Non hai ata agora unha escola de librarías. Os libreiros son en España profesionais autodidactas, cunha importante tradición familiar.
– “A información”. Ata agora había unha única fonte de información: O ISBN (retardada e falta de datos). Afortunadamente nos últimos anos o sector fixo un esforzo importante de mellora dos seus sistemas de información, sexa por medio do DILVE (promovido polos editores) do SINLI (pasarela de datos dos distribuidores) ou de CEGAL EN RED (montado polos libreiros), “estes tres proxectos procuran a mellora do sector no seu conxunto, o que é esperanzador”.
– “A libraría cumpre unha función social”. Para Valverde “a libraría é o escaparate do sector do libro; mais a libraría, tamén, como o resto do comercio minorista, delimita a xeografía dos pobos e cidades, xerando vida, seguridade e cidadanía”.
– “A libraría debe xerar novos modelos sostibles”. Fronte a amaeza das cadeas de librarías, os establecementos independentes deben optimizar os tempos para artellar ofertas selectivas para cada un dos seus mercados. Sexan as xeralistas (as que vende de todo, referentes da súa sociedade lectora), as especializadas (viables, sobre todo nas grandes cidades) ou as mixtas (compartidas con outros negocios), todas deben contar con espazos acolledores e fermosos.
– “Superar a saturación da oferta”. “Os 69.000 títulos que se editan cada ano en España ocuparían uns diante doutros 10 km, a superficie de medio campo de fútbol. Este é o papelón das librarías, obrigadas a facer unha imprescindible selección para conformar os seus fondos”. Diante dunha situación semellante o libreiro debe arriscarse a seleccionar co obxectivo de conformar unha oferta de libros de calidade para o seu público. A responsabilidade da calidade da lectura é de todos, aínda que ningún libreiro debe renunciar a vender un libro qu se vende, mais ten que ser capaz de ‘pringarse’ apostando por aqueles libros nos que cre”. Para que isto sexa posible, o libreiro debe contar con medios de intercambio, imprescindibles para conformar unha sociedade lectora de calidade, onde non vale todo. “Non esquezamos que os libreiros somos filtro e, ademais, somos buscados polo lector para proporcionarlles recomendación. Hai libros que se venden sós e outros que hai que vender. Nas librarías independentes tamén debemos ocuparnos destes últimos. Cada libraría ten o seu aroma e fragrancia diferenciadoras”.
–”Manter o prezo fixo como grante do ecosistema dos libros”. O prezo único, fixado polo editor, defende ao lector, á edición minoritaria (por diferenciala daqueloutra que ten connotacións de gran consumo) e á rede libreira capilar. “Os sistemas de gratuidade por préstamo son unha ameaza para a supervivencia desta rede, na medida que supón o 35% das vendas destes establecementos”. Apostou por un réxime de co-pagamento como mellor modalidade de gratuidade, xa que permitiría ás familias seguir adquirindo os libros de texto nas librarías (co elemento educativo que isto supón).
Fernando Valverde rematou a súa intervención salientando que “coas renuncias imprescindibles, é posible xerar unha oferta de calidade dende o punto de venda”.
Na quenda de preguntas, o conferenciante volveu sobre a cuestión da ameaza que supón o desenvolvemento das cadeas de librarías para os libreiros independentes. “En Francia alertáronos sobre as posibilidades das librarías independentes (alí supoñen só o 25%). Grazas ao seu poder de intercomunicación son capaces de vender o 90% dos fondos de calidade. Isto debe servirnos para reafirmarnos na idea de que son posibles os circuítos de distribución paralelos. desde as nosas librarías debemos ofrecer un plus que permita que o público lector non se vaia a Carrefour. Esta ameaza debemos saber transformala nun reto.”