O trasno viaxeiro

A libraría O trasno viaxeiro de Teo-Cacheiras ten un interesante blog. Publica apostillas literarias, novas de interese sobre o mundo do libro e unha completísima rede de enlaces sobre blogs literarios. Beizóns para as súas editoras.

Book trailer V

Na revisión que vimos facendo das experiencias dos book trailers non podía faltar a dos livroclips que promove o Canal do livro brasileiro e da que xa temos dado noticia. A pesar de que esta é unha experiencia máis modesta cas producións canadianas ou italianas, é moi atractiva, como se pode comprobar nestas pezas sobre A metamorfose ou nestoutra sobre Crime e castigo. Cun orzamento máis baixo, mais con talento creativo poden conseguirse, tamén, magníficos resultados.

Etiquetas:

Pablo Auladell

O ilustrador Pablo Auladell emprega o seu blog para adiantar os traballos que vai finalizando. Eis catro ilustracións das que preparou para o novo libro de relatos de Agustín Fernández Paz (O único que queda e amor), que publicaremos nunha nova colección no vindeiro mes de outubro. Das características da colección e das súas dúas primeiras entregas falaremos nas vindeiras semanas.
Etiquetas:

"A casa dos Lucarios" de Teresa Moure

Hoxe entrou no almacén A casa dos Lucarios, a primeira obra de Teresa Moure dentro da colección Fóra de Xogo. Estará nas librarías a vindeira semana. Recupero o texto que redactamos de presentación promocional:

Rosa e Chicho, cando perderon a súa terceira filla, María Celeste, aparecida morta no seu berce na segunda semana de vida, decidiron instalarse en Ferreira. Alí levantaron unha casa de dúas plantas, coa cociña grande daqueles tempos, pegada á corte, e dous cuartos máis para acubillar á xente miúda, ademais dun faiado fermoso onde gardaren mazas e millo e soños dos que escorregan polas fendas de madeira. Despois, Chicho tiraría coa corte e construiría a taberna, onde cada noite apertaba o fol da súa gaita grileira, e onde tamén Rosa acrecentaba, contra vento e marea, as súas industrias de vendedora de pezas do enxoval. A vida ía manando paseniño, coa correspondente ración de dores e alegrías, como mudaba a casa dos Lucarios.
Teresa Moure ofrece nesta novela curta, escrita nunha prosa engaiolante, enchida de humor e sensualidade, a historia dunha familia a través das mudanzas e transformacións realizadas na súa vivenda ao longo de varias décadas. Un texto memorable dunha das nosas grandes escritoras contemporáneas.

Etiquetas:

Book trailer IV

Este book trailer da novela Shadow man de Cody McFadyen (editada por Bantam) recibiu o premio ao mellor book trailer (ou book video) do ano 2006. Repárese en que o editor enlaza con you tube o visionado do book trailer.

Etiquetas:

Book trailer III

Tan interesantes como os de Harper Collins Canadá son os book trailer italianos. Esta produtora edítaos para Mondadori, Feltrinelli ou Fazi editore. Un dos mellores de todos eles é este de Il totem del lupo, o libro de Jian Rong.
Etiquetas:

Celta: falta liderado

Tras a reconversión do club e a liquidación case total do equipo das pasadas tempadas (aínda, a pesar da marcha de Guerrero, quedan compoñentes do sindicato de festas), o problema máis acuciante do actual Celta de segunda é a falta de liderado. A ninguén pode extrañar que chegase tan axiña a primeira derrota dun conxunto no que ninguén saben quen manda fóra do terreo (din que as charlas na caseta as imparte o segundo do adestrador) e non que tampouco ninguén coñece quen é a referencia dentro. Non abonda con lamentar que foron simples erros de concentración os que provocaron nos minutos finais o empate co Córdoba e a derrota de onte en Castalia. Os xogadores apenas se coñecen e tampouco saben a qué xogan (ou, canto menos cál é o patrón, se é que existe, que lle presta a Stoickhov). Haberá que agardar varias semanas para poder ir ubicando no conxunto a toda esta lexión de rapaciños cedidos e de veteranos libres que nos trouxo a última hora un director deportivo, que ten a gala durar moi pouco alí ónde vai. Mentres non acougen, moito temo que chegarán novas derrotas e outras decepcións. Este Celta de Mouriño e Cobas segue á deriva. Paciencia! Quédanos, polo menos, o aliciente de seguir o que poida ir facendo Borja na Premier League.

Etiquetas:

Book trailer II

O de Coraline, o libro de terror para nenos de Neil Gaiman, é un dos book trailer máis bonitos que coñezo. Chama a atención que o libro como tal case non apareza, coa excepción das ilustracións de David Mckean. Un caso ben diferente é o dos book trailers que publica Harper Collins Canadá, nunha liña máis publicitaria, xirando moi decididamente arredor do libro como obxecto. Eis o caso do realizado sobre o último libro de Tolkien ou destoutro sobre Londostani de Gautam Malkani. Nos tres casos, non se empregan voces en off e son as imaxes, a música e os textos os que marcan o ritmo da narración. Ten interese ver, tamén, o realizado sobre A bruxa de Portobello de Mario Coelho (onde a narración oral é clave) ou as dúas versións de The continuity girl, a de peto (máis breve) e a da primeira edición (moito máis extensa e atractiva). Deixo para o remate o meu preferido, que anuncia a aparición en rústica da serie de Lemony Snicket.
Etiquetas:

Sobre inxustificado

No artigo da semana reflexiono sobre o complemento aprobado para os funcionarios que exerceron como altos cargos e apoio o rexeitamento proposto por Encarna Otero. Entendo que o exercicio da política como servizo xeneroso e noble á cidadanía require destas actitudes de rexeneración ética.

Etiquetas: Artigos

Book trailer I

Cada vez estou máis interesado en explorar o fenómeno do book trailer, como unha ferramenta de promoción do libro e a lectura na rede. Hai pezas moi interesantes (auténticas curtametraxes) que convén ir identificando para o arquivo. Aí van os de Matilda do mestre Dahl e o de Hot ice.


Etiquetas: