Rivas na Opinión

O xornal La Opinión da Coruña publica hoxe no seu suplemento do domingo cinco páxinas sobre a nova novela de Manuel Rivas, incluíndo o texto do capítulo “O matador de touros” e numerosas imaxes dos espazos coruñeses da obra. O PDF pode baixarse aquí.
Etiquetas: , ,

Cultura e liberdade


Estes días no Master de Edición, onde impartimos o módulo de Promoción editorial e edición en Galicia, intentamos expresar o noso convencemento de que unha das función do traballo promocional dos editores é o de fomentar a lectura e os valores da cultura do libro.
Vía Txetxu atopo estes marcadores de Elkar, un bo exemplo deste tipo de traballo que, sen estar vencellado á promoción comercial específica de produto ningún, porén amosa o imaxinario procurado polos editores. En Galicia esta foi unha estratexia que empregamos máis na década dos anos noventa que hogano. As nosas campañas de “Facer lectores”, “A forza dos lectores” ou dos “Dez consellos para escoller un libro infantil” (tamén sobre o soporte dun marcador de lectura) asumían ese enfoque.
O fomento da lectura (como o do uso da lingua) non é unha responsabilidade que lle corresponda en exclusiva ás administracións públicas. A corresponsabilidades de todos os membros do sector (editores, libreiros, bibliotecarios, medios de comunicación e dos propios lectores) é indispensable para obter resultados. Por esa liña aposta o agardado Plan de lectura e a Lei do libro que o Goberno galego presentará a trámite parlamentario nos próximos meses (sempre que, e xa van meses e meses de adiamentos, o Consello Consultivo da Xunta emita o seu preceptivo ditame).

Etiquetas: , ,

Updike en galego

John Updike nunha polémica carta, escrita con motivo da celebración da última Book Expo de Washington, apupou aos asistentes lembrando que “vosoutros libreiros sodes o sal do mundo do libro”. O veterano narrador norteamericano defendeu o papel tradicional do autor e do libreiro e criticou un futuro dixital composto de descargas gratuitas de libros mesturados con “anacos de textos”, fenómeno que cualificou de horroroso. Este dilema sobre o papel da edición dixital vaise converter no eixo do debate sobre o futuro da edición.

Coincidindo con esta polémica, aínda cando non a coñeciamos, contratamos a súa última novela para publicala en galego o vindeiro ano.

Etiquetas: ,

Marta Mata

Faleceu Marta Mata, a grande impulsora da renovación pedagóxica catalana e defensora da escola pública. Os membros dos MRPs, os ensinantes que nos vencellamos no proxecto da escola galega das pombas debémoslle moito a esta mestra de escola e mestra de mestres, con moi boas amizades en Galicia.

Tiven a oportunidade de coñecela personalmente hai vinte anos nun encontro preparatorio do Congreso de MRPS celebrado na súa casa de can Garriga ao que acudín con Antón Costa. Sempre lle tiven lei a dona Marta pola súa afouteza inquebrantable na defensa da dignidade da profesión e pola súa profunda convicción nas posibilidades de transformar a sociedade dende o traballo pedagóxico comprometido. Unha grande perda.

Etiquetas: ,

Librarías en liña

Código Cero ofrece unha completa reportaxe sobre as librarías en liña, os espazos de comercio electrónico especializados no mundo do libro. Afortunadamente o libro galego foi gañando un oco neste eido tan difícil, especialmente polo funcionamento modélico de Andel que, dende Vigo, serve libros na nosa lingua aos cinco continentes.

Etiquetas:

En defensa da lectura

Ando estes días preparando o pregón da Feira do Libro de Vigo do vindeiro venres. Pretendo enfocalo como unha defensa da lectura e do oficio de libreiro. Procurando documentación atopei estes catro traballos de defensa da lectura ou estoutras reflexións sobre o traballo de libreiro.

Etiquetas: ,

Os oitentas de Virxilio

Xa me tarda en poder visitar a exposición antolóxica de Virxilio, inaugurada esta tarde en Compostela. O xenio do Cumial é un dos meus pintores preferidos, sexa polas formas sinuosas das súas mulleres campesiñas e emigrantes, for polas súas paisaxes elementais ou pola potente caligrafía que inmortalizou nas capitulares da Enciclopedia Gallega.

Estes douscentos cadros é unha retrospectiva ben importante. Alí acudiremos.

Milladoiro en Trasalba

No artigo da semana, con motivo da concesión do Premio Trasalba 2006 a Milladoiro, publico unha síntese da laudatio. Aquí pódese escoitar o tema que estrearán hoxe, incluído nun cedé publicado xunto a unha fotobiografía editada por Galaxia.

Actualización (21.00): O acto, resultou dun grande interese, tanto pola intervención do profesor Alonso Montero sobre a correspondencia entre Otero e Castelao, como, e moi especialmente, polo discurso de agradecemento que pronunciou Antón Seoane no nome de Milladoiro. Quedeime con dúas das súas afirmacións: “Milladoiro pertence ao consorcio da esperanza” e “…xa é hora que Galicia esperte tras tantos anos de hipersono”. Esta determinación contra a diletancia e contra calquera tipo de conformismo encheunos de optimismo.

Etiquetas: ,

Que facemos co lixo?

Recomendo moi vivamente este artigo de Aidan Chambers, publicado en Imaginaria, sobre a relación dos lectores novos coa chamada “literatura lixo”. Un magnífico traballo sobre a formación do criterio literario.

Etiquetas: ,

Asun Balzola

Onte morreu Asun Balzola. A artista bilbaína foi unha das máis importantes ilustradoras de libros infantís e xuvenís en España nos últimos trinta anos. Autora, tamén, dalgúns textos memorables, nos anos oitenta fixo unha importante contribución á incipiente edición infantil galega ilustrando títulos da primeira colección de Sálvora ou o O gato Bógar, un dos primeiros e máis emblemáticos libros da colección Merlín. A claridade da liña, a textura da cor e a profundidade dos seus personaxes caracterizaron o traballo de ilustración desta xenial artista. Beizóns para ela.

Etiquetas: ,