Ler nas praias

A caravana de promoción da lectura nas praias, promovida polo Ministerio de Cultura e a Federación de Gremio de Editores de España, resultou un auténtico fiasco en Galicia. O “descoñecemento” máis absoluto da toponimia oficial dos organizadores amosa, outra volta, o fracaso radical e a inutilidade destas campañas, deseñadas e concibidas dende unha óptica centralista tan homoxénea como paternalista. Sería tan difícil que aquí se realizase na nosa lingua e coa participación dos editores galegos? Canta vergonza teriamos así evitado?

Paradoxicamente, o máis recente barómetro sobre hábitos lectores amosa que en Galicia estamos oito puntos por baixo da media de lectura española. Un índice estatístico que amosa a nosa indixencia lectora e fronte ao que ningunha autoridade (nin do goberno central nin tampouco da Xunta de Galicia) semella alarmarse. Cales son as razóns de que os cidadáns galegos padezamos esta perigosa sinistralidade cultural?

Etiquetas:

Teresa Cristina

Onte na Feira, mentres Suso asinaba e asinaba, parrafeei un bo anaco con Pawley. Inevitablemente caimos a comentar as nas nosas querenzas musicais e literarias brasileiras. El recomendoume a Maria Rita e eu non puiden máis que aconsellarlle que abrazase o choriño da Teresa Cristina interpretando ao Paulinho da Viola (un dobre cedé xenial). A moza da Lapa ben merece todo o noso agarimo, a pesar de que os seus discos non se poidan mercar aquí. Hoxe volveremos á Coruña para acompañar a Manolo na súa primeira asinatura (agardamos con impaciencia a publicación da crítica prometida).
Etiquetas:

O PXOM de Vigo atascado

Un clarificador post de Pablo Eifonso explica as razóns do atasco xurídico do PXOM de Vigo. A teimosía dos defensores do documento, diante de semellantes argumentos, é dificilmente explicable.
Etiquetas:

Arden os libros

O cheiro do libro de Rivas chegoulle ao ilustrador do semanal da Vanguardia.
Etiquetas:

A Feira de Pawley

Como xa sucedera o pasado ano, un dos maiores atractivos da Feira da Coruña van ser as crónicas de Martin Pawley. Pouco podo engadir á reportaxe que el fixo da primeira xornada, na que participei presentando o primeiro volume das memorias de Neira Vilas.

Antes de iniciar o acto Pepe, que estaba ben animado, contounos que dende hai máis de trinta anos leva un bloc (insistiu no de bloc) onde diariamente recolle aqueles aconteceres e vivencias que considera máis significativos (en definitiva, un bloc analóxico manuscrito), textos que logo, ao remate do ano, transcribe a máquina. Este traballo foi o que permitiu a edición da primeira entrega das memorias que onte presentamos, organizadas a xeito de blog.

Ten razón Pawley no detalle da presenza dos vasos de Coca-Cola sobre as mesas da presentación (feito que unha participante na presentación me recriminou). Mágoa que a Feira do Libro máis concorrida de Galicia non coide aspecto formal ningún. O cartel anunciando (un único exemplar en tamaño folio para todo o espazo) os actos do día aparece manuscrito e desamañado; a información do programa non está en Internet; non hai un responsable de prensa; a música (onte Bod Dylan) atroa durante a celebración dos actos na carpa (nun estado de conservación e limpeza lamentable)… En fin, e mellor non seguir para non caer na melancolía… Mais a pesar de todo iso é incrible a cantidade de visitantes dunha Feira que onte estaba moi animada. Hoxe volveremos para acompañar a Xosé Luis Barreiro e Suso de Toro e asistir á presentación do último número de Grial.
Etiquetas:

Taxes e Varela Buxán

Hoxe recibimos os orixinais das edicións das obras teatrais completas de Manuel Varela Buxán e Francisco Taxes, que publicaremos dentro da colección BLG dirixida por Ramón Nicolás. Penso que estas dúas edicións de dous importantes autores da nosa dramaturxia do vinte van constituír un fito, tanto polo feito da fixación definitiva dos textos como polo material documental e biográfico que as acompañan. A de Varela Buxán foi preparada por Xosé Luna e a de Taxes (que inclúe dúas pezas inéditas) polo seu fillo Xurxo Taxes Díaz. Agardamos telas publicadas antes do remate deste ano.
Etiquetas:

Memorias de Neira Vilas

Mañá comeza Feira do Libro da Coruña, onde presentaremos Vinte anos retornando, a primeira entrega de memorias de Xosé Neira Vilas.
Neste volume, o grande mestre de Gres reconstrúe minuciosamente (coa súa característica prosa, clara e transparente) a experiencia das doce viaxes entre Cuba e Galicia que realizou, entre 1972 e 1992, xunto coa súa inseparable compañeira Anisia Miranda. A experiencia de “emigrante retornado”, os emocionantes encontros e despedidas coa familia e os amigos, a interpretación dos acontecementos políticos e sociais (coincidentes, en boa parte coa Transición ou Reforma Política) constitúen o eixo temático dun libro moi interesante para coñecer a personalidade dun dos nosos mestres que, por fin, se atreveu a ir ofrecendo parte das súas memorias.
Actualización (01-08-2006): entrevista con Neira Vilas sobre a aparición do libro.
Etiquetas:

As inxurias da guerra

No artigo da semana reflexiono sobre a radical inxustiza das guerras do século XXI. O novo ataque de hoxe sobre a poboación civil súmenos na maior das impotencias. Quen pode parar isto?

Etiquetas: ,

Mesa de novidades

Aproveitando que estamos de vacacións, onte escapei un pouco antes da oficina para preguntarlle a Xaime polas últimas novidades. Despois dun bo parrafeo co libreiro sobre o programa da Feira da Coruña, que abrirá o vindeiro martes, e sobre Cultur.gal, o salón da industria cultura que se celebrará a comezos de decembro (anunciarémola nos vindeiros días), aínda merquei uns cantos discos e libros. Xa lle tiña ganas ás conversas de Paco Rodríguez, ás Memorias de náufragos de Salvador Rodríguez (que estivemos a piques de publicar) e ao último premio Edebé de Jordi Sierra i Fabra. Entre os discos, por fin atopei o de Galegoz (xa lle din unhas cantas voltas, ben, ben, moi ben), as cancións de troula de Aquenlla e o efecto Faltriqueira (cando o escoitei quedei un chisco perplexo). Visitar a libraría e conversar co libreiro é un deses praceres que aconsello frecuentar.

Etiquetas:

CdC

Sobre o debate da redefinición de usos da Cidade da Cultura paréceme interesantísima a proposta de Nómada. Tecnoloxía, talento e tolerencia articulan unha reflexión moi documentada e chea de suxestións e propostas que cómpre estudar devagariño.
Etiquetas: CdC