Itinerarios literarios

Hoxe comprobei as posibilidades que teñen os itinerarios literarios como propostas de recuperación da memoria e novas formas de descubrir a cidade. A inauguración do itinerario lorquiano de Lugo, con motivo dos actos de homenaxe a García Lorca, constituíu unha oportunidade magnífica para achegarse durante máis de tres horas á figura do “poeta mártir”, ao tempo que para que gozar dun paseo devagariño polo Lugo de entre murallas.
A praza de Campo Castelo, ao pé do monumento de Ánxel Fole (onde Federico autografou o primeiro dos seus poemas galegos), o auditorio da Deputación (onde pronunciou a súa conferencia sobre María Blanchard), a rúa Quiroga Ballesteros (onde Lorca leu textos do seu libro inédito Poeta en Nova York) ou o coro da Catedral (espazo no que recitou a súa “Oda al Santísimo Sacramento del Altar“) foron algúns dos espazos onde unha numerosa comitiva literaria de máis dun centenar de persoas demorou coas súas palabras de lembranza ao poeta asasinado en Víznar.
Sinalar as nosas cidades con versos, cartografar a memoria dos seus escritores no rueiro (como sucede co modélico roteiro ourensán d’ A esmorga) son tanto propostas para facer reexistir as palabras entre a xente como medios para provocar unha nova ollada na cidadanía sobre a convivencia dentro das cidades. Beizóns para os organizadores deste novo itinerario lorquiano de Lugo. Unha iniciativa para emular noutras cidades nosas.

Etiquetas: ,

Pedras da Memoria

Mañá, sábado, 28 de outubro, celébraranse en Vigo e en Lugo dous importantes actos sobre a Memoria: a entrega das Pedras da Memoria e a Homenaxe a Federico García Lorca no noventa aniversario da súa primeira visita a Lugo.

Pedras da Memoria
Coa intención de reivindicar que o Parlamento de Galicia redacte e aprobe unha Lei da Memoria Democratica, que implique o recoñecemento xurídico das vítimas da ditadura, artellada sobre os 13 puntos recollidos no manifesto “Republicando” (o manifesto da “Memoria silenciada”), a Asociación Pola Memoria Histórica do 36 de Vigo organiza o 28 ás 12 horas e nas instalacións da Estación Marítima de Trasatlánticos un acto no que se entregarán as Pedras da Memoria a distintas persoas que se teñen significado polo seu traballo a prol da recuperación da memoria democrática. O acto contará coa presenza da neuróloga danesa Inge Genefke (Copenhague, 1938), fundadora do Consello Internacional para a Rehabilitación das Vítimas da Tortura (IRCT), unha ONG internacional que defende e proporciona tratamento terapéutico, psicolóxico e recuperador ás persoas que foron vítimas de torturas e que posúe oficinas en 100 países e atende e trata a 100.000 persoas cada ano ano. A película La vida secreta de las palabras de Isabel Coixet está inspirada na loita desta muller, que leva máis de 30 anos investigando e loitando contra a tortura.

Actualización (29-10-2006):

Tempo de Samaín

Rafael López Loureiro, autor de Samaín, a festa das caliveiras , e animador da recuperación do Samaín na vila de Cedeira, xa demostrou hai tempo o carácter galego desta festa que, moitas veces asociada ás de Santos e Defuntos, existía por todo o noso país ata hai menos de trinta anos.
Recuperar ou reinventar esta tradición do Samaín, desde os centros escolares de primaria e secundaria, pode ser unha boa estratexia educativa para defender un patrimonio inmaterial que todos debemos conservar e mimar.
Festexemos neste tempo de Samaín a fadas, trasnos e o resto de seres dos nosos seres míticos, exaltemos a nosa terra farturenta en humildes cabazas, tallemos con elas caveiras e acendamos candeas para tratar de escorrentar a tantos demos e bruxas que nos axexan.

Etiquetas:

O cartel do IIIº Simposio O libro e a lectura

As persoas interesadas en inscribirse (de forma gratuita) no IIIº Simposio O Libro e a Lectura “Bibliotecas, Lectura e Edición” xa poden facelo dirixíndose á secretaría da AGE.
Etiquetas: ,

Pedagoxía da convivencia

Xián ten dezaseis anos e repite 3º de ESO. A semana pasada foi expulsado do instituto durante tres días, a máxima corrección que pode impoñer a dirección, por unha falta de respecto a un dos seus profesores e aos seus compañeiros de aula. Foi a clase sen material ningún e interrompeu varias veces coas súas “gracias” o debate sobre a actual situación dos inmigrantes que alí se mantiña. Cando Xavier, o profesor de Xeografía, lle pediu a súa opinión, Xián respondeulle que pouco lle importaba como vivían, que buscasen a vida como puidesen e se non amañaban que se volvesen para o seu país que ninguén os chamara neste. Ademais, replicoulle que estaba farto de tantos debates na clase, que non servían para nada e que eran unha perda de tempo. Xabier tratou de reconducir a situación, preguntando a outros estudantes –xa se perdera a concentración da sesión– e Xián insistiu nos seus comentarios desprezando cada unha das opinións dos seus compañeiros. Xabier, entón, indicoulle que a súa actitude non era a adecuada nunha aula e que debía abandonala. Xián contestoulle, subindo o ton, que el non tiña por qué saír da clase, que tiña dereito a permanecer alí e que non podía expulsalo por expresar a súa opinión. Despois de varios comentarios irados, Xián saíu pero, cando estaba a punto de pechar a porta, encarouse nun ton ameazador con Xabier e díxolle: “isto vasmo pagar moi caro”.

Xián xa fora apercibido de sanción con anterioridade, polas súas expulsións frecuentes, por chegar sistematicamente tarde ao centro ou polas ameazas das que se queixaron as rapazas de 1º da ESO no recreo. A nai de Xián está destrozada. Falou varias veces co titor e coa dirección do Instituto e, agora, recoñece que o rapaz chega tarde porque hai algunhas veces que non consegue erguelo da cama. “Non sei qué facer con el, téñoo intentado todo”, confésalle desacougada ao titor. “Levo varios anos horrosos. Merqueille a moto a ver se aprobaba, déixoo saír todas as fins de semana, dinlle os cartos para que fose ao concerto cos amigos, e, aínda así, non consigo que aprobe”. O titor proponlle que estude a posibilidade de que o vindeiro ano se matricule nun Programa de Garantía Social, xa que polo seu rendemento escolar e pola súa actitude xa non vai ter posibilidades de obter o Graduado de Secundaria. A nai comprométese a discutilo co seu home, pero asegura que o máis complicado será convencer a Xián, “non sabe o difíciles que son os rapaces agora”.

Este caso ficticio pode estar sucedendo en calquera dos nosos centros escolares. Conflitos semellantes, con todos os matices e circunstancias que se lle queiran engadir, son o síntoma do deterioro da convivencia escolar e do malestar docente de tantos centros, públicos ou privados, de Secundaria. O conflito que mantén Xián coa institución escolar e co seu entorno familiar amosa o desaxuste entre os seus desexos (divertirse cos amigos e consumir o que esta á moda) e os valores da sociedade das persoas adultas. A solución a este dilema non é doada.
Non podemos deixarnos vencer polo fatalismo. Existe a posibilidade de promover nos adolescentes hábitos de convivencia democrática, de respecto mutuo, de asunción consciente de dereitos e deberes; en definitiva, dos valores do sacrificio e do esforzo como esenciais para organizar o traballo escolar e a convivencia. Dende as administracións e dende os medios de comunicación, moi influíntes á hora de conformar actitudes e valores na mocidade, hai que apoiar ás familias para que establezan os límites que precisa toda educación democrática.

Esa é a proposta que dende hai anos vén propoñendo nos seus libros o coraxudo profesor Xesús R. Jares, que onte presentou en Vigo, diante de máis de duascentas persoas, a súa obra máis recente, Pedagogía de la convivencia.
Este será outro libro educativo de referencia, froito dunha investigación demorada na pedagoxía do conflito e na educación para a paz. Unha obra que pretende facer fronte a este reto colectivo provocando unha reflexión en profundidade sobre a problemática da convivencia dentro dos centros e propoñendo liñas de actuación educativa, baseadas na participación da comunidade educativa (especialmente das familias), na mediación e na resolución non-violenta dos conflitos.
Comparto con Suso, ademais de mútiples querenzas e soños, que a aprendizaxe dunha convivencia respectuosa e solidaria é responsabilidade de toda a cidadanía e non só do profesorado. A familia e a escola son os obradoiros onde deseñar esa nova convivencia que queremos. Non renunciemos, por custoso que sexa, neste empeño.

Proxecto Palabras +

Enviáronme información sobre o proxecto Palabras + que promoverá a artista Luz Darriba o 25 de novembro, na praza do Obradoiro, con motivo do Día Internacional pola non violencia contra as mulleres. Reproduzo o texto da proposta de participación na actividade:

Palabras +
A palabra, o poder, o alcance, o contido da palabra, é o concepto que rexe este traballo. Cando todos os camiños bifúrcanse, sen máis sinais que o noso propio desasosego, como diría o poeta: “quédanos a palabra”.
É, precisamente, a través das palabras dende onde foi pensado este proxecto, como un proxecto lúdico, didáctico, pictórico e interactivo, que encerra contidos tendentes a alertar, concienciar, sensibilizar sobre as relacións humanas, e todos aqueles sentimentos que nos achegan, iguálannos e diferencian, e propóñennos relacións entre pares.
Deste xeito, Palabras + volve retomar o problema da inequidade simbólica de xénero como compoñente esencial da violencia física e social contra as mulleres. Con todo, Palabras +, en lugar de postularse como unha denuncia que describe a inxustiza e a situación de negatividade –como xa foi reflectido en Patchwork (Santiago de Compostela 2004) ou Luva Negra, Luva Branca (Lugo, 2005)– afírmase na súa pura positividade.
Deste xeito, Palabras + ten como obxectivo central construír palabras, definicións, significados novos aos xa existentes coa finalidade de aportar un novo sentido concreto e simbólico á realidade. O seu propósito derradeiro será que estas definicións construídas dende a concordancia e o pluralismo cobren importancia e reclamen xustiza e equidade entre homes e mulleres. Para iso, convocamos a figuras representativas de diversas disciplinas, intelectuais e activistas políticos/as que se atopen comprometidos/as coa causa da igualdade de xénero, a participar desta obra monumental en clara oposición e rexeitamento a todo tipo de violencia exercida cara ás mulleres.

Breve descrición do proxecto
Palabras +, “palabras Animadas”, consiste nunha intervención estética de grandes dimensións que se instalará o 25 de Novembro de 2006 na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela.
A devandita intervención consiste na creación dun enorme crucigrama no que as palabras estean representadas por persoas: respecto, amor, empatía, compromiso, autoestima, xenerosidade, tenrura, valoración, paridade, solidariedade, xustiza, liberdade, independencia, sensibilidade, sinceridade, lealdade, compañeirismo, soridade, fraternidade, comprensión, amizade, paixón, estimulación, cooperación, harmonía, saúde, felicidade, unión, desexo, alegría, coñecemento, dignidade, positividade, realización, compartir, educar, coeducar, igualdade, autocoñecemento, paz, confianza, seguridade, diferenza, responsabilidade, corresponsabilidade, amabilidade, feminidade, masculinidade, empoderamento, vontade.
Estas son algunhas das palabras que cremos teñen que ser revisadas, “interiorizadas”, “redefinadas”, en suma habitadas. Estas palabras son as que convidamos a escoller e definir dende distintos puntos de vista, entre eles e o máis fundamental, o “subxectivo”. A idea e a realización está a cargo da artista Luz Darriba e para colaborar con este proxecto é necesario tomar contacto con ela á seguinte dirección: luzdarriba@hotmail.com
Convidámosvos a elexir unha palabra, a que queirades e darnos a vosa definición dela. As definicións que aporte cada persoa serán incorporadas nun catálogo-libro, xunto ás súas respectivas citas de autor/a e formarán parte do material de análise de estudantes de toda Galicia.

Proxecto-Edición

No clima creativo da nosa política cultura pública, un chisco anémico e rutineiro, agradécese moito a aparición de iniciativas como o Proxecto-Edición. Os nosos tres primeiros centros públicos de arte contemporánea (CGAC, Marco e Fundación Luís Seoane) uniron esforzos para remoer moitas inercias e facer agromar mudanzas e transformacións arredor dos modelos expositivos e das novas canles de distribución da creación cultural.
Nese novo contexto, que está comezando a dar os seus primeiros froitos, esta fin de semana celebrarase en Pontevedra a Feira-Encontro do Proxecto-Edición na que se procuran novos vieiros para a edición artística e creativa en todos os soportes. Alí estaremos participando nunha das mesas redondas e gozando deste aire renovado, tan necesario, que se nos propón.

Etiquetas:

O mundo do libro

Vía Catuxa sei desta marabilla sobre o mundo do libro.

Etiquetas:

Ler, saber, facer

O Día Internacional da Biblioteca Escolar celébrase este ano baixo o lema “Ler, saber, facer”. Recomendo baixar o documento PDF elaborado pola Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellaría de Educación, no que se dá conta das características da efémeride en Galicia e se suxiren moitas actividades para realizar nas Bibliotecas dos centros educativos, durante o día de hoxe ou durante esta semana, co obxectivo de facer visible a biblioteca escolar na sociedade.

Día Internacional das Bibliotecas Escolares

Mañá, cuarto luns de outubro, celébrase o Día Internacional da Biblioteca Escolar. Esta efeméride, iniciada en 1999 e convocada pola Asociación Internacional de Bibliotecarios Escolares (IASL), pretende sensibilizar á sociedade sobre a importancia da biblioteca escolar como recurso fundamental no proceso de ensino-aprendizaxe e impulsar a súa presenza na institución escolar.
Nesta pasada semana celebrouse o Iº Congreso nacional de Bibliotecas Escolares en Salamanca do que Antonio Tejero ofrece unha magnífica crónica. Quedei con dúas das afirmacións que el recolle sobre a definición da Biblioteca Escolar que ben poderían orientar a celebración da efeméride mañá:

  • Lugar central das aprendizaxes, centro de recursos para todas as áreas (Alejandro Tiana, Secretario Xeral do Ministerio de Educación).
  • Un centro educativo é un conxunto organizado de aulas entorno a unha biblioteca (Lourence H. Das).