Vídeos musicais da ETB

Viva a memoria

Co inicio da tempada literaria van aparecendo as agardadas críticas da novela de Rivas. Despois da moi gabanciosa de Xosé Manuel Eyré (mágoa que o seu semanario non a recolla na edición electrónica), hoxe Manuel Rodríguez Alonso publica a súa en Cartafol de libros. Deste texto, quédome coa derradeira frase: “Estamos ante unha gran novela, que é de lectura obrigada”. Pois, iso.

Actualización (26-09-06): ata hoxe non vira a longa entrevista publicada o pasado domingo en Lecer (aquí pode lerse un extracto).

Etiquetas: ,

Campo de Fragoso XXIII

PINTAN BASTOS
Desde a tempada do descenso non asistiamos en Balaídos a un partido máis nefasto e deplorable do Celta. Abondoulle ao Osasuna posicionarse con disciplina sobre o terreo para noquear en senllos contragolpes a un equipo que saíu fachendeando do xogo preciosista de ataque e da defensa abrumadoramente segura que exhibira en Liexa. Os de Vázquez non ofreceron nin unha cousa nin a outra e, pola contra, amosaron enormes carencias que fixeron que o medo aos demos volvese á bancada. Desde os primeiros minutos, perdido completamente o control do xogo no medio do campo, os nosos pivotes esqueceron que o seu labor é recuperar balóns e desprazalos con rapidez, feito que foi provocando, a medida que avanzaba o reloxo, un auténtico socavón entre a liña de centrais –que sorprendentemente era quen debía dirixir todo o xogo celeste (Lequi e Contreras foron os únicos que se salvaron do desastre)– e unha feble liña atacante na que batallaban con escaso acerto Gustavo, Nené e Canobbio. A internacionalidade parece que non lle sentou ben a un ensimesmado Oubiña, sometido aos misteriosos caprichos do “complexo do príncipe”, abúlico e descentrado no seu labor primeiro de recuperación e engrenaxe entre as liñas do conxunto. O equipo todo foi naufragando dunha forma estrepitosa, amosando unha faciana feísima, sen coraxe nin ideas para asumir a difícil tarefa da remontada. Nin sequera a saída, na segunda parte, de Jonathan Aspas, Núñez e Perera (moito máis perigoso que un desesperante Baiano, como xa é adoito) conseguiron levantar unha miga o ánimo do equipo. O abandono das bancadas de boa parte dos afeccionados amosaba o seu disgusto diante de semellante falta de actitude. Hoxe en Balaídos pintaron bastos.

Etiquetas: ,

Enrique X. Macías. III. Catálogo de obras

(Enrique X. Macías e Mark Foster, 1994)
Enrique X. Macías preocupábase pola actualización constante do seu catálogo de obras. Eis o texto da versión, que lle axudei a preparar no meu primeiro mac (un LC) con motivo do programa de Itinerario de luz, a súa derradeira estrea (1995):
  • Foglio I (1981) (3′). Clavicémbalo. Vigo, xaneiro 1983.
  • Souvenir nº 1 (1982) (6′ 30”). Fr, ob, cl, per, 2 pianos, vn, vla, vc. Madrid, maio 1983.
  • Souvenir nº 2 (1983) (9′). Fr, ob, baixo, vibráfono, celesta, guitarra, vc e tratamento electroacústico “ad libitum”. Festival Antidogma. Torino, setembro 1983.
  • Langsam (1985) (4′). Contrafagote (ou fagote), marimba, vn, vla, vc. Encomenda Círculo de Belas Artes. Madrid, maio 1985.
  • Morgengesang III (1986) (17′). Orquestra. Encomenda UER. Utrecht, febreiro 1987.
  • Portrait du matin (1986) (16′ 48”). Electroacústica (banda magnética estéreo). Encomenda INA / GRM. Bourges, xuño 1988.
  • Tránsito (1987) (26′). Harpa solista e 13 instrumentos. Premio SGAE. Madrid, decembro 1987.
  • Les adieux (1983-88) A (I, II, III e IV) (34′). 15 instrumentos e banda magnética e tratamento electroacústico. Festival Antidogma. Torino, maio 1988.
  • Les adieux (1983-88) B (I, III e IV) (25). 15 instrumentos e banda magnética. Festival Antidogma. Torino, maio 1988.
  • La lyre du désert (1988) (18′). Electroacústica (banda magnética estéreo). Encomenda do INA / GRM. París, febreiro 1990.
  • Sonata (1986-89) (25′). Piano. Encomendas “III Xornadas de Música Contemporánea”. Santiago de Compostela, abril 1989.
  • Clare I (1989) (19′). 11 instrumentos de corda. Festival Antidogma. Torino, outubro 1989.
  • Nobililissima Visione II (1988-89/ rev, 1990) (20′). Piano, 9 instrumentos e banda magnética e tratamento electroacústico. Encomenda do “Tage für neue musik”. Zürich, novembro 1989.
  • Extracto (1989-90) (17′). Cuarteto de cordas. Festival Antidogma. Torino, outubro 1990.
  • Nobililissima Visione II / Postludios (1988-91) (37′). Piano, conxunto instrumental, banda magnética e e electrónica (ad libitum). Encomenda “Festival Internacional de Música Contemporánea”. Alacante, setembro 1991.
  • Postludios (1991) (17′). Piano, conxunto instrumental, banda magnética e electrónica (ad libitum). Festival Antidogma. Torino, outubro 1991.
  • Duplo (1991) (24′). Para dous grupos orquestrais, banda magnética e tratamento electroacústico en tempo real (ad libitum). Encomenda de Radio Francia /INA-GRM. París, marzo 1992.
  • Cadencias e Interludios / Percurso I (1989-92) (ca 25′). Piano, banda magnética e dispositivo electroacústico. Santiago de Compostela, decembro 1992.
  • La chambre dans l’ espace (1992-93) (11′). Frauta, viola e guitarra. Encomenda do Centro para a difusión da Música Contemporánea. Granada, febreiro 1993.
  • Adhuc (1992-93) (16′). Conxunto instrumental (fr, cor, vibráfono, sintetizador, vn, vln). Encomenda do Ensemble TM+. París, marzo 1993.
  • Iubilaeum (1993) (22′ 35”). Violín, viola e violoncello. Encomenda da Exposición “Santiago, Camiño de Europa”. Santiago de Compostela, xullo 1993.
  • Estrofas (1993) (10′). Para violoncello só. Encomenda de Amando González. Castelo de Soutomaior, novembro 1993.
  • Alias (1993-94) (15′). Para 11 instrumentos de cordas solistas. Encomenda do INAEM. Londres, marzo 1994.
  • Exequias (1992-94) (ca 47′). Orquestra. Encomenda Concello de Vigo.Porto, maio 1994.
  • Itinerario de luz (1994-95). Seis instrumentos (frauta, clarinete, trompa, violín, viola e violoncello) e dispositivo de tratamento informático electroacústico en tempo real. Encomenda do CGAC, Santiago de Compostela, abril 1995.

Enrique X. Macías: II. Achegamento a un currículum artístico

Enrique X. Macías naceu en Vigo en 1958 e faleceu na mesma cidade en novembro de 1995, con apenas 37 anos. De formación musical autodidacta, participou de 1980 a 1984 nos cursos de verán de Darmstadt, cunha bolsa do Instituto para a Nova Música desta cidade alemá. Foi compositor residente nos estudos de música electrónica da Radio Finlandesa (Helsinqui, 1981) e da Academia de Música de Cracovia (Polonia, 1982), así como compositor convidado do Instituto de Sonoloxía de Utrecht (Holanda, 1985), do Groupe de Recherches Musicales de París (INA/GRM, 1986 e 1988) e do STEIM de Ámsterdam (Holanda, 1988). Tamém traballou no Espace Musical de Paris (1987 e 1988). En 1992 participou no curso de verán para compositores no IRCAM en París.

Entre os premios obtidos cóntanse os seguintes: Tribuna Internacional Gaudeamus (Holanda, 1981 e 1984); “Cristobal Halffter” de composición (1983); primeiro premio do concurso de composición da Joven Orquesta Nacional de España (1984); mención honrosa do concurso internacional de composición “Fernando Pessoa” (1985); Tribuna de Jóvenes Compositores da Fundación Juan March (1983 e 1987); segundo premio do concurso de composición da Sociedade General de Autores de España (1987). Representou a España na Tribuna Internacional de Compositores da UNESCO (París, 1985).
Recibiu encargos de: Radio Nacional de España, Fundação Calouste Gulbenkian de Lisboa, Radio Finlandesa, Ministerio da Cultura Español, Círculo de Belas Artes de Madrid, Groupe de Recherches Musicales de París, Centro para la Difusión de la Música Contemporánea de Madrid, Festival Antidogma de Torino, Universidade de Santiago de Compostela, Radio France, Centro Galego de Arte Contemporánea, Concello de Vigo, Orquestra Sinfónica da Galicia, Ensemble TM+, Festival Música Viva e Festival Internacional de Música de Canarias.
A súa obra foi gravada para as máis importantes radios europeas (RNE, RAI, Radio France, NOS, Radio Finlandesa, …); así como programada en importantes festivais e tribunas internacionais: Bienal de Venecia, Festival Antidogma de Torino, Semana Internacional Gaudeamus da Holanda, Encontros Gulbenkian de Música Contemporânea, Festival de Música Experimental de Bourges, “Perspectivas do Século XX” de París, “Tage für Neue Musik” de Zürich, “Cicle Acousmatique” do INA/GRM de Paris, Tempada do Ensemble 2e2m de Champigny, “Salzburger Kulturtage”, Festival de Xenebra, serie “Musique du XXème Siècle” da Radio France, “Let us know the names” da Unión Europea de Radiodifusión, Almeida Theater / London Sinfonietta, Festival Música Viva, CGAC de Santiago de Compostela, Festival Internacional de Música de Canarias…
A discografia completa de Enrique X. Macías, totaliza catro elepés e cinco cedés.
Os catro discos de vinilo inclúen as seguintes obras: Impromptu I (incluído máis tarde na Sonata para piano) por Roberto Bollea; Langsam e Portrait du Matin en edicións do Círculo de Belas Artes de Madrid, e Tránsito nunha edición da SGAE.
Os cinco cedés, tres deles monográficos e editados por Miso Records (Portugal), inclúen as obras: Nobilissima Visione II / Postludios, Cadencias e Interlúdios / Percurso I (Miso Records 1993); Iubilæum, La Chambre dans l’Espace, Sonata para piano (Miso Records 1993); Duplo e Exequias (Miso Records 1994). Os outros dous inclúen outra versión da obra La Chambre dans l’Espace e Les Adieux (11ºFestival Antidogma, 1989)
Actualmente atópanse em preparación outros dous discos compactos monográficos de Enrique X. Macías, un deles da responsabilidade da editora Col Legno (Alemaña), que incluirá as obras Clamores y Alegorias, La Lyre du Désert e Alias, e outro da responsabilidade da Miso Records que incluirá Itinerario de Luz e Estrofas / Antistrofas entre outras.

Enrique X. Macías: I. Itinerario de luz

Je ne confonds pas la solitude avec la lyre du désert.
Le nuage cette nuit qui cerne ton oreille n’est pas de neige endormante, mais d’enbruns enlevés au printemps
.
René Char

Onte recibín o programa impreso de Música Viva 2006, a décimo segunda edición do festival de Música Contemporánea de Lisboa, a celebrar dende finais de setembro a finais de outubro. A miña grande alegría foi comprobar que está prevista, a noite do 27 de outubro, a interpretación de Itinerario de luz, a derradeira obra do meu amigo Enrique X. Macías, que presentei no CGAC, poucos meses antes da súa morte. Miguel Azguime, o compositor portugués e responsable de Miso Music, continúa así, como sucedera no festival do pasado ano coa interpretación de La Lyre du Désert (obra totalmente electrónica) programando e revivificando o amplo catálogo musical de Enrique. Unha mostra de lealtade con el da música contemporánea portuguesa (pequena comunidade artística da que o galego sentíase partícipe), mais tamén do interese e actualidade da súa obra monumental.
Pola contra, é abraiante e patético o esquezo absoluto en Galicia da obra do noso máis importante compositor contemporáneo. Dende o ano da súa morte, non se volveu a escoitar no seu país a súa música en directo, nin se fixo, coa excepción da celebración discontinua do “Memorial Enrique X. Macías“, case ningún acto en lembranza súa, nin se pode adquirir a súa discografía nas tendas de música, nin apenas existen referencias súas en internet en galego.. Feitos atribuíbles todos eles a nosa escasa cultura musical contemporánea e ao desleixo e falta de autoestima das nosas institucións pola posta en valor desta parte do noso patrimonio cultural.
Enrique X. Macías Alonso, o compositor vigués da xeración do Polycomander, foise un día do outono de 1995. Contemporáneo dos membros do grupo poético Rompente e dos artistas de Atlántica, participou nas primeiras “performances” plásticas, músicais e literarias artelladas por aquel grupo inquedo de novos creadores no desaparecido Sachtmo, un local situado na rúa Finisterre, que foi unha das covas da modernidade viguesa no remate dos anos setenta.
Enrique posuía a presenza sedutora do artista refinado e apaixonado. Gostaba da conversa repousada e vagarosa na súa casa de García Barbón, acompañado de María, rodeado de cadros, milleiros de fitas, discos, libros, e das caixas coas partichelas das súas obras. Cando regresaba das súas estadías en Paris, Ámsterdam ou Torino, onde era recoñecido como un dos máis prometedores compositores europeos, chamaba aos amigos para saber das novas dun país que amaba e que, en moi contadas ocasións recoñeceu e apoiou o seu traballo. Eu pasmaba escoitándoo falar por teléfono, ora en italiano, logo en inglés, despois en francés ou en requintado portugués, que dominaba con precisión e elegancia. Enrique viviu a soidade do creador de fondo, entre a incomprensión dos seus coetáneos e o seu permanente compromiso persoal coa contemporaneidade.
Lémbroo moi feliz despois do concerto do Centro Cultural Caixavigo de Les adieux e Nobilisima Visione II/Postludios, interpretadas polo pianista Roberto Bollea, co que mantiña un estreito vencello creativo. Estaba moi satisfeito, cando presentamos o seu último disco no Centro Galego de Arte Contemporánea diante de duascentas persoas, todo un atrevemento, tratándose de música contemporánea! Viviu moi intensamente aquela noite de 1987 cando lle concederon o Premio da Crítica no apartado de música. Enrique, á hora de agradecer o galardón, leu un fermoso texto onde citou a René Char, un dos seus poetas preferidos, para sinalar a rebeldía como un dos sinais de identidade do creador. No mesmo acto –no que tamén foron premiados Suso de Toro e Manuel Rivas– Antón Costa Rico, voceiro de Nova Escola Galega, solicitou no seu discurso a democratización do Consello Escolar Municipal de Vigo. Aquelas intervencións anoxaron ao alcalde, que considerou que o concello non debería subvencionar máis uns premios que servían para que os galardonados criticasen a súa política cultural e educativa. Enrique lembrábame moitas veces a anécdota daquela noite pavera, como exemplo da concepción utilitaria que algúns políticos posúen con respecto á creación cultural. Viviu dolorosamente esta incomprensión que moito o desanimaba.
De formación musical autodidacta, Macías deuse a coñecer en 1976 participando no Iº Encontro de Artistas Xoves, organizado por Xuventudes Musicais de Vigo, onde presentou as súas Sete micropezas para piano. Dende aquela traballou incansablemente na composición, atopando alén das nosas fronteiras os medios e os recursos que precisaba para desenvolver o seu traballo creativo. O seu autodidactismo, que concibía como reflexión individual que asume diante do público tódolos riscos posibles, levouno a renovar constantemente o seu traballo, tanto no que atinxía a súa temática e a súa preocupación estética, como tamén aos propios medios técnicos que empregaba, sen menoscabo do seu interese polas posibilidades creativas dos instrumentos tradicionais.
A obra de Enrique estaba en permanente construción. Actualizaba constan
temente o seu material e o seu catálogo, e cando escribía unha nova obra sabía que non estaba rematada. Foi esta a razón pola que empregaba unha técnica moi persoal de citacións ou de insercións de fragmentos preexistentes en composicións anteriores. Un proceso creador permanente, nunca totalmente concluído, que no vasto fresco sinfónico de Exequias, quizais a peza que mellor simboliza a súa madurez compositiva, amosa un estado de procura, de búsqueda, de inquietude, pero tamén de rebeldía, como foi a vida toda de Enrique.
Galicia –e especialmente a cidade de Vigo, que da man de Carlos G. Príncipe encargou Exequias, estreada e gravada pola Orquestra Sinfónica de Galicia (con fermosa portada do noso admirado Carlos Maño)– non debería esquecer a figura dun dos seus máis senlleiros creadores, que posúe unha obra que será comprendida e admirada nas vindeiras décadas.
A reedición da obra integral de Macías (hai gravacións suficientes e outras poderían acometerse) debería ser realizada polos actuais responsables do IGAEM, con motivo do cincuenta aniversario do nacemento do músico (ano 2008). Continuaríamos así o itinerario de luz que prendeu Enrique X. Macías. Ata agora, no caso da posta en valor da obra de Enrique, nunca mellor dito aquilo de: Menos mal que nos queda Portugal!

Teresa Moure en "Gara"

Gara publica unha entrevista con Teresa Moure con motivo do acto de presentación en Bilbao da edición en castelán de Herba moura. As edicións de Lumen en español (da que sabemos xa se está preparando unha segunda edición) e La Campana en catalán están tendo moi boa acollida. Esta vindeira semana, Teresa (que xa rematou a súa terceira novela) continuará as presentacións en Valencia e Sevilla.
Non hai dúbida de que este é outono da literatura galega na edición do estado: catro novelas nosas (das publicadas nestes últimos doce meses), a de Teresa, a de Agustín (xunto a outros dous títulos, formando a primeira entrega da Biblioteca “Los libros de Agustín”, da que xa falaremos devagar), a de Suso e a de Manolo suscitan o interese dos lectores e lectoras en catalán e castelán. Un feito que nunca se producira ata agora e do que estamos ben orgullosos.
Actualización (26-09-2006): hoxe pechamos o acordo coa editorial Corbaccio para a edición de Herba moura en italiano no verán 2007.

Premio Tökland

Velaí a fotografía de Vítor Ribeiro gañadora do Premio Tókland de fomento da lectura.
Etiquetas: ,

A pegada de Man

A obra artística de Manfred Gnädinger, Man, tamén chamado “alemán de Camelle”, conta co seu primeiro estudo rigoroso grazas á publicación do libro (chegou onte mesmo do prelo) de Xoán Abeleira.
Nacido en Radolfzell, unha vila próxima a Friburgo, o 27 de xaneiro de 1936, este artista eremita instalouse en Camelle en 1961 desenvolvendo, dende entón, alí toda a súa vida, que cobrou trazas de auténtica lenda, e que finalizou de forma tráxica o 28 de decembro de 2002, apenas un mes despois de que o chapapote do Prestige asolagase a costa galega e estragase o conxunto das obras (esculturas e pinturas preparadas, a maior parte delas cos materiais naturais e de refugallo que deitaba o mar) do seu singular Museo.

A pegada de Man recolle case un centenar de fotografías a cor das obras do Museo de Man, intercalando textos críticos nos que se aborda a súa análise e o contexto artístico no que se inscriben. Inclúe, ao xeito de limiar, un primeiro achegamento biográfico sobre unha figura humana e artística, que se pretende reivindicar e homenaxear, reclamando a urxencia de recuperar e poñer en valor o legado do seu museo (algo terá que dicir sobre esta cuestión a actual Consellaría de Cultura). Agardamos que a publicación deste libro (que intentamos fose fermoso e de edición coidada, empregando un formato horizontal ao xeito dos albums fotográficos) constitúa un exercicio de memoria axudando, polo menos, a recuperar a dignidade roubada a este artista que morreu da tristeza provocada polas ondadas do chapapote.

Etiquetas: , ,