Galicia gastronómica

Acaba de aparecer Galicia gastronómica, o primeiro xornal electrónico sobre cultura gastronómica galega. Á fronte do novo medio está á sabedoría e o rigor ao que nos ten afeitos Miguel Vila. Tivo a ousadía de convidarme a que publicase un dos meus textiños. Recomendo vivamente seguilo.

Etiquetas: ,

Máis sobre os Xerais

Foto: Xurxo Lobato

Martin Pawley publica unha longa e completa crónica sobre o serán dos Premios.
Outras referencias:
Etiquetas: ,

O Tesouro da Lagoa de Reid 'Is

A valoración do xurado sobre O Tesouro da Lagoa de Reid ‘Is, a novela da Agustín Agra, gañadora do Premio Merlín foi a que segue:

Texto de literatura fantástica cunha forte pegada realista, a novela contén a narración que un avó desenvolve, diante dos seus netos Paulo e Aldara, nunhas vacacións de verán na casa familiar de Outeiro, sobre a historia do tesouro da Lagoa de Reid ‘Is. A recreación de lendas tradicionais galegas sobre un fondo de materia artúrica, a recuperación da oralidade, a creación toponímica sobre estruturas galegas (Cidadepedra, país de Alenmar…), o emprego dun léxico rico, inzado de referencias literarias e mitolóxicas, a reinvención de personaxes como o Gaiteiro Manfred (que toca muiñeiras de auga para que lle leven a tristura) son algúns dos elementos máis salientables desta obra dirixida ao público infantil.

Pola súa banda, Agustín Agra declarou, cando coñeceu a noticia:

“Pouco hai que contar de min. Son como o Balbino de Neira Vilas: ninguén. O relato que enviei ao Merlín é a miña primeira aproximación á literatura infantil e mantívome ocupado seis meses deste inverno; escribino para facerlle un agasallo polo seu aniversario a un meu sobriño de dez anos e que aínda non leu, espero darllo en libro na vez de nuns folios grampados tirados da impresora. Utilicei lendas tradicionais galegas e algo, pouco, de materia artúrica. Varios familiares entrañábeis para min subxacen nos personaxes que aparecen na obra. Que máis podo dicir que repetir as grazas?”

Etiquetas: , ,

A Cova das Vacas Mortas

Con respecto á novela de Jaureguizar, A Cova das Vacas Mortas, gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia o texto íntegro elaborado polo xurado foi:

Xoel é un mozo de Negueira de Muñiz que vive coa súa nai, de orixe alemá, nunha comuna na aldea de Foxo, lugar que tivera que ser abandonado polos seus habitantes debido á construción do encoro de Salime. Farto da vida que leva soña con poder marchar de alí e embarcar nun petroleiro. A vida de Xoel cambia o día en que o seu avó, viúvo e enfermo de alzheimer, chega a Foxo dende Berlín para reencontrarse coa filla. Entre a equipaxe, trae unha maleta chea de fitas de cine e mais unha cámara super 8. O vello cóntalle que foi colaborador da polémica e xenial directora de cine alemá Leni Riefenstahl, acusada de simpatizar co réxime nazi. Neses días Xoel coñece tamén a Iria, filla dun dos antigos propietarios das casas de Foxo, os cales comezaron a reclamar as súas vivendas ocupadas cando se construíu unha pista que fixo accesible o lugar. Entre eles nacerá unha historia de amor enfrontado. Iria, defende o dereito dos antigos propietarios de Foxo a recuperaren as súas propiedades e ademais representa a crítica ao nazismo e a calquera tipo de colaboración con ese réxime, mesmo a que mantiña o avó de Xoel ao axudar na filmación de escenas nazis.

O xurado considerou merecente deste galardón a A Cova das Vacas Mortas, en primeiro lugar pola súa riqueza temática e pola capacidade de construción dun protagonista adolescente que afronta con valentía os problemas derivados do contorno en que lle tocou vivir. Ademais, destaca a lectura áxil da novela, grazas aos abundantes e ben construídos diálogos e a unha lograda ambientación espacial que, sen exceso de descricións, consegue transportarnos afectivamente ao lugar onde se desenvolven os acontecementos. Unha novela atractiva, interesante, que utiliza elementos fantásticos e de misterio sen deixar de ser crible, cun final intenso, que nun momento en que semella que a trama está resolta abre unha nova incógnita que convida á reflexión.

As primeiras declaracións do autor sobre a obra foron:

“Xoel, o protagonista da novela, deberá enfrontarse coa crueza da vida, a fascinación do amor e, nomeadamente, coas consecuencias de comprometerse participando ou sendo espectador cando agroma a barbarie colectiva. A cova das vacas mortas é unha novela sobre a asunción de responsabilidades, propias e colectivas”.

Tres segundos de memoria

Creo que pode ser interesante coñecer o texto íntegro que sobre Tres segundos de memoria, a novela de Diego Ameixeiras, leu un dos membros do xurado:

“Un mozo de trinta anos, parado e á espera de que lle chegue á próxima oferta de precariedade laboral, deambula pola vida contándonos o seu día a día sen especiais proxectos de futuro e sen contas que saldar co pasado. O protagonista desta novela á que o xurado acordou concederlle o Premio Xerais de Novela 2006 é unha persoa sociable e ocorrente, que pasea polo seu relato en primeira persoa o que el denomina o post-fracaso, unha actitude con fortes doses de cinismo ante a vida. O único fío condutor de toda a narración é a interacción dese personaxe cos seus amigos e amigas sen moitos máis obxectivos visibles que o disfrute do sexo.

Tres segundos de memoria podería ser entendida tamén como unha obra que retrata, desde o punto de vista masculino, toda unha xeración, a das persoas que naceron a finais de década dos 70, dando pé, con frecuencia, á aparición dos idearios e as referencias culturais desa xeración. Os que habitan Tres segundos de memoria son personaxes mozos, fracasados, maiormente cultos e con estudos pero desenganados e intencionadamente afastados dunha cultura que só os levou a engrosar as filas do paro e, se cadra, a prolongar traumaticamente unha adolescencia que xa non lles corrrespondía.

O politicamente incorrecto non é aquí unha pose senón algo que abrolla de xeito natural, espontaneo, da propia relación do protagonista coa cidade, co ambiente que frecuenta, e da súa propia percepción da vida. Tres segundos de memoria, que fala abertamente do sexo, igual que trata sen tabús temas como a homosexualidade, é unha novela que fai un retrato dun sector moi urbano e moi damnificado da sociedade galega. Se cadra, por ese motivo o texto se alimenta dunha forte vocación de malditismo e de certa marxinalidade, sen que iso constitúa un inconveniente para que se configure como unha novela expresiva, escrita cun estilo fresco e directo e tremendamente cargada de humor”.

Pola súa banda, as primeiras declaracións do autor sobre a obra gañadora foron as seguintes:

“O protagonista de Tres segundos de memoria pretende ser un cínico consumado e un castigador de manual adicto ás películas de Clint Eastwood, pero só consegue ser un anónimo sentimental ao que todo lle sucede coa música alta e cunha cervexa quente na man. Dende que fixo trinta anos e a súa ex-moza anda cun idiota de fenomenal autoestima, o seu universo interior expándese de tal xeito que só consegue calmar tanta introspección escoitando os consellos que lle dedican os amigos de toda a vida, sempre dispostos a consolidar as súas inseguridades con argumentacións certeiras, pero moi pouco efectivas para respirar en calma e durmir ao quente.”

“O protagonista desta historia odia os domingos pola tarde, detesta á xente que tenta explicarse con metáforas e nunha ocasión tentou introducir un vaso de tubo na boca do novo mozo da súa ex, pero non por iso deixa de ser un tipo insultantemente normal. Contan que en certa ocasión foi sorprendido nunha librería na sección de poesía contemporánea, pero considera que a nostalxia é un sentimento tremendamente reaccionario, propio de xente con ganas de complicarnos a vida. Evidentemente, falamos deses homes carentes de brúxula, e aos que lles gustaría ter nacido muller e, por suposto, lesbiana.”

Colleita 2006

Tempo haberá de falar devagariño do serán dos premios de onte. A colleita é moi esperanzadora, semellando que se vai producindo a agardada condensación na que levamos traballando dende hai tantos anos. O discurso de Manuel Rivas foi extraordinario. A actuación de Treixadura moi emocionante (“… eses os teus ollos”) e con xoldra dabondo. O convivio moi riquiño e, mesmo, o tempo foi amainando coa chegada da noite.

Hoxe xa son moi numerosas as crónicas do serán que aparecen na prensa:

Agardo impaciente as crónicas dos numerosos blogueiros presentes no serán. Foi este o Xerais máis blogueiro da historia. Non teño dúbidas de que, afortunadamente, algo moi de fondo se está remoendo na textualidade de noso.
Etiquetas:

Narracións abertas

Ao fío do anuncio da aparición de Blúmsdei, que suscita os primeiros comentarios, aconsello o magnífico post de Nómada sobre as narracións abertas. Este é un dos debates máis interesantes no futuro da nosa narrativa.
Etiquetas:

Os libros arden mal

Dediquei os dous últimos días, case na súa totalidade, a revisar as 752 páxinas da novela de Rivas. Non caerei na tentación de empregar adxectivos para amosar o meu entusiasmo e alegría (a novela aparecerá a comezos de xullo, coincidindo cos últimos días da Feira do libro de Vigo). Como é o meu costume adianto a cuberta definitiva (falaremos dela de vagariño) e o texto de contracuberta que preparamos:

O río da vida e da morte. Unha moza lavandeira le nas marcas da auga a historia da súa xente. Despois da auga que fecunda a memoria, axiña aparecerá un fogo destrutor, as labaradas do odio… Así comeza Os libros arden mal, a agardada novela de Manuel Rivas que se desenvolve nun período que vai do 1881 deica os nosos días, entre o falecemento de George Borrow e o dun vello anarquista galego chamado Polca.

Esta obra, como moitos dos personaxes que a habitan, podería levar tatuada na pel aquel sobre aviso que Luís Vives transmitiu a Erasmo: “Non se pode falar nin calar sen perigo”. A protagonista principal é a linguaxe, as verbas que forman parte do corpo, a igual que os ósos, os ollos e os dedos. A loita entre as palabras feitas para dominar, e as palabras eivadas. Entre a linguaxe do poder autoritario e a linguaxe que sobrevive na penumbra. A linguaxe bélica e o latexo dionisíaco da fala popular. A linguaxe dogmática da relixión e a fala carnal e erótica do entroido. Unha obra que intenta pescudar, por un camiño interior, de intersticios, con sutileza e sen dogma, no inexplicábel histórico.

A estrutura desta novela semella a dunha esfera armilar, composta por moi diferentes órbitas nas que os astros, ademais das vidas humanas, son os libros, as pertenzas, os animais, as plantas, e as palabras, elas mesmas a moverse como seres vivos. Unha esfera armilar tamén no entrelazar de xéneros, cunha órbita maior, a ficción narrativa a xeito de thriller, no que o caso central é a historia dramática da cultura, que contén en círculos concéntricos a poesía, o ensaio histórico, a crónica xornalística, formas de literatura popular como as novelas do Oeste. Unha esfera tamén que entrelaza multitude de voces, nunha escrita encarnizada, sempre en vilo, que vai e vén entre os territorios da dor e o gozo erótico.

Etiquetas: , ,

Tirant al cap

O meu amigo Joan Carles Girbés, editor de Bromera (editorial onde publican en catalán autores nosos como Suso de Toro ou Agustín Fenrández Paz e coa que vimos colaborando dende hai máis dunha década) iniciou o pasado mes de maio un interantísimo blog sobre edición e lectura. Recoméndoo vivamente, así como o seu libro máis recente, unha guía práctica para promover a lectura nos seo da familia. Beizóns, Joan Carles.

A escola fusilada


Preparase unha homenaxe nacional aos mestres fusilados. Alí estaremos.
Etiquetas: ,