Espérame
/en Novidades, Xerais/por bretemasOnte o título da última novela de Perozo foi premonitorio: chegamos unha hora e media tarde ao Dadó Dadá; en dezaseis anos de profesión, nunca me sucedera tal contratempo, vaia vergonza!
Nunha tarde completísima, na que a editorial organizou cinco actos (xa un disparate que non sei como atallar), ás sete acompañei a Agustín en Lugo nunha das sesións con mediadores de “como se fixo” Corredores de sombra (unha experiencia piloto desenvolvida de forma privada ao longo deste mes que, cando remate, merecerá un longo comentario polo seu interese); a sesión alongouse coa vivísima participación e interese dos asistentes, razón pola que saímos da muralla cando comezaba a presión compostelana. Conducir con esa desacougo durante hora e cuarto foi moito máis estresante que escoitar a Dorotea Bárcena ler varios dos monólogos de Lola de Couzadoiro, a Franquín trompetear varios boleros e o autor e Ana Iglesias conversar vagorosamente sobre a obra. Cando chegamos apenas puidemos desculparnos e agradecer a paciencia do centenar longo de persoas que ateigaban o local. A atmosfera do Dadó, un auténtico clásico, acáelle moi ben a esta enguedellante autobiografía dunha cabareteira que deita un regusto de áceda memoria. Recoméndoa, non o puiden facer onte como tiña preparado, a pesar de que esperaron por min. As miñas desculpas, os editores somos fantasmas mais non temos o don da ubicuidade
Máis sobre as presentacións de "Home sen nome"
/en Narrativa, Presentacións, Xerais/por bretemasAgradecémoslle moito a Fernando Garrido a crónica e o vídeo sobre a presentación diante de trinta bloggers da edición española de Home sen nome (xa está dende onte nas librarías). O acto tivo unha repercusión enorme na blogosfera española, o que supón unha grande orgullo para nós. Entre as moitas crónicas publicadas (ata agora cóntanse dezasete) recomendo visitar algunhas das que me pareceron máis valiosas:
- A desalambrar
- Carlos Atares (varios posts con fotos, completísimo)
- Juan de Urrutia (a banalidade do ben)
- David de Ugarte (o promotor do encontro)
- Fernando Berlín (o presentador da novela)
- Yogur griego
- Mohen Atitar
A aparición desta última novela de Suso (a edición catalana de Bromera xa está dispoñible, tamén, cunha portada preciosa) amosa a necesidade de que os editores renovemos as nosas formas de promoción e de procura de visibilidade. Agora, non está de máis, desvelar que a primeira presentación da novela realizámola hai máis dun mes de forma privada e discreta nun xantar de autor con vinte libreiros galegos.
Xa tiñamos a idea de organizar un encontro de blogueiros galegos con Suso (como propón Vieiros) no mes de xuño ou unha conversa en liña, ou ambas as dúas cousas. Algúen se apunta?
O cidadán do mes
/en Narrativa, Xerais/por bretemasHoxe teremos dúas presentacións en Ourense: O cidadán do mes no Auriense e Carrilanos no Carballiño. A trepidante novela de Diego Ameixeiras é a segunda entrega da serie protagonizada por Horacio Dopico, un detective pouco moderado que considera que os homes que non levan patillas longas nunca lle parecen de fiar. Nesta quincena tamén a presentaremos na Coruña e en Compostela. Estades convidados.
Praza das letras
/en Medios/por bretemas17 de maio blog
/en Blogs/por bretemasHoxe, día de Internet e día internacional contra o homofobia, tamén é día das letras (a pesar que as librarías estean pechadas). Hoxe hai un bo monllo de reflexións no blogomillo. Abusando do metablogueo (perdón ascárida) aí van as que máis me interesaron:
- As uvas na solaina (En defensa do día das letras)
- Cabaseira (O estado da lingua, grazas pola ilustración)
- Galicia confidencial (a pelexa lingüística)
- La muralla (un libro, un toxo)
- Soños de Delft (Feliz día do libro e do toxo)
- Ámote moito (Pescudar o sentido primixenio das palabras…).
O coloquio de Lisboa
/en Cultura/por bretemasO poeta Xavier Seoane fixo un percorrido pola historia da poesía galega, dende o explendor medieval a última xeración poética dos noventa, deténdose, especialmente na presentación das liñas de renovación poética dos últimos vinte e cinco anos. O narrador Anxo Rei Ballesteros centrou a súa intervención na literariedade en Galicia, analizando as relacións entre literatura e nación durante os dous últimos séculos, salientando que hoxe en día se está producindo unha maior autonomía da literariedade fronte aos factores que condicionaron á literatura galega. O poeta e narrador Luís Rei Núñez leu un texto magnífico sobre as posibilidades de profesionalización e as razóns dos escritores en galego, sinalando o carácter artesán do oficio literario e o valor curativo das palabras. Por último, eu fixen un percorrido polo estado da edición en galego nos últimos vinte e cinco anos e as razóns do crecemento da industria editorial durante este periodo.
As preguntas do público interesáronse sobre os niveis de lectura da poboación galega, o uso da lingua galega por parte da mocidade e as opinións dalgúns poetas galegos sobre a figura de Fernando Pessoa.
Lisboa camiñada
/en Cidades/por bretemasCando chegamos, agardábanos unha cidade luminosa e baleira. Arrecendía a cidade barco de ocre pombalino coa cor alilada das árboriñas flor que expresan a nostalxia durmida que chamara a atención de John dos Passos. Nunha longa camiñada, o director levounos a percorrer os espazos portuarios, dende o Pelourinho do Municipio as renovadas docas de Alcántara. Cando entraba a noite docemente sobre o Texo, aliviámonos cunhas imperiais moi frescas. Subimos logo ao Bairro Alto para procurar entre as ruelas e as tascas das fadistas o pequeno sanatorio da Luz onde morreu Fernando Pessoa. Cos pés destrozados e as palabras disparadas, rematamos tomando unha tosta no balcao do Galeto. O domingo Lisboa abrazounos preguiceira.
Á maña da segunda, cando caía o primeiro bochorno do día, subimos todos a Graça pola encostiña do largo de Severa, disque celme do fado. A cidade, arruinada e un chisco cotrosa, estricárase afanosa no miradoiro de Santa Luzia, allea á longa parrafada sobre as coitas das letras nosas. Tras o coloquio, volvemos en metro ao Cais do Sodré (outra imperial e un petisquiño) e rematamos bebendo un trago no Pavilhao Chinés, unha antiga tenda de especies de hai dous centos anos, que conserva o recendo de té de xazmín e onde o delirio do coleccionista kicht acada a categoría de marabilla.
Á mañanciña da terza, collemos o carro de volta. Catro horas de viaxe. Non visitamos libraría nin mercamos cousa ningunha. Algo insólito. Falamos e falamos.
Viaxe a Lisboa
/en Cidades/por bretemasManuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- FIl Guadalaxara4 de Decembro de 2024 - 11:03 a.m.
- Museo de Vigo3 de Decembro de 2024 - 11:13 a.m.
- Apiario27 de Novembro de 2024 - 10:20 a.m.
- A fala de Vigo26 de Novembro de 2024 - 10:32 a.m.
- Karnix celta25 de Novembro de 2024 - 9:30 a.m.