Entrevista con Carme Blanco

Tras a presentación de Sexo e lugar, Vieiros realizou unha longa entrevista a Carme Blanco. Das respostas da escritora de Unión Libre saliento estas que me pareceron de maior interese:

  • Este é un libro de liberación, para homes e mulleres, para derrubar o poder sexual e colonial e vivir libre a experiencia do sexo e do lugar. Fala do poder, da arte e da literatura en xeral: hai que encamiñar a ciencia, a creación e o pensamento á liberación. É necesario nos tempos nos que vivimos…
  • No tempo da paridade política, temos que decatarnos de que o poder patriarcal pervive máis alá: a violencia de xénero coa que convivimos a diario, aquí ou en El Salvador, os prexuízos, seguen a ser pedras que pesan sobre nós. A política do politicamente correcto está ben na forma, pero trátase de ir ao fondo, ás mentalidades. Os prexuízos impiden a vivencia libre do sexo e a da galeguidade: colonialismo e patriarcado van unidos. A estas alturas está desintegrado o átomo, pero aínda quedan as pedras… Por iso os ensaios están enfocados cara á liberdade, para vivirmos o sexo e vivirmos o lugar sen represións. Para eses praceres está escrito este libro.
  • O libro ten a consistencia, a permanencia, pero a Rede ten a inmediatez e a accesibilidade…
  • Sempre é necesaria esa revisión crítica que inaugurou María Xosé Queizán con Pondal. Mais é importante coñecer a historia da galeguidade, porque Pondal tamén tiña elementos filóxinos: a creación de grandes mulleres, poderosas guerreiras, poetas, bardesas, cazadoras… Ao lado, porén, atopamos cousas coma unha loa da violación. Temos que ser quen de ver as cousas con obxectividade. Non temos porque deixar de ler a grandes figuras, pero temos que aprender a miralas con ollos libres. Eu quixen abordar as luces e as sombras dos autores, desmontar os prexuízos, ler entre liñas a Pondal ou Leiras, nos episodios “Amores” e “Praceres e poderes.” E hai que salientar que a época tampouco disculpa certas mentalidades: Rosalía e Murguía viviron na mesma época e foron parella, e ela era enormemente crítica co poder sexual, mentres el era un conservador e patriarca…

Foro dos oficios do libro

Esta semana estivemos dándolle moitas voltas aos criterios de organización e aos contidos dunha grande feira ou salón do libro galego e da industria cultural, que se celebraría anualmente en Pontevedra no mes de decembro. O proxecto é tan ilusionante como necesario. Vía Txetxu atopo información sobre este Foro dos oficios do libro, idea que moi ven poderiamos incorporar ao noso proxecto. Non hai dúbida de que a edición é un proceso onde participan diversos profesionais, que deberían ser mellor coñecidos e valorados na súa tarefa artesana. Unha idea a deste foro para tirarlle moito proveito nesa feira que andamos argallando.

Bye, bye

Xenial, Josito!
A foto é de Carmina Escrigas.

A saúde da nosa LIX

O diagnóstico do estado da nosa LIX realizado polo profesor da USC Neira Cruz merece a nosa atención. Nunha primeira lectura pareceume arriscada a súa afirmación de que o sector vive un momento de estancamento “cómodo e aburrido” xustificado pola baixa da facturación do sector nun punto. Enunciado que me deixou perplexo na medida que os datos dispoñíbeis, ofrecidos polos estudos máis recentes da Federación de Gremios de Editores (os de referencia para todo o sector), amosan no caso galego un crecemento espectacular nos dous últimos anos, pasando a facturación dos 2,07 millóns de euros en 2003 aos 3,33 millóns en 2004 (de 2005 non existen datos oficiais, xa que as editoriais aínda non os proporcionamos); outrosí, poderiamos dicir do número de exemplares fabricados que pasa dos 537.000 en 2003 a 685.000 en 2004, crecemento que se produce, tamén, no número de títulos que sobe dos 330 (2003) aos 370 (2004) e mesmo na tirada media 1.625 exemplares por título (2003) por 1.852 (2004). Entendo, pois, canto menos debullando estes datos, que non é o cuantitativo hoxe o maior problema do sector.
Porén, concordo amplamente co profesor Neira Cruz na súa valoración cualitativa da saúde da nosa LIX, onde o dinamismo creativo que supón a aparición de novos axentes editoriais coexiste cunha abrumadora primacía da ficción (cunha ampla e consolidada nómina de autores e autoras consolidada) sobre a poesía e teatro, xéneros aínda insuficientemente presentes na nosa oferta editorial infantil e xuvenil. Na miña opinión, merecería atención realizar en novos estudos unha valoración da evolución do álbum e do libros de cómic (subxéneros que se veñen desenvolvendo na última década con grande orixinalidade e calidade na nosa edición), así como a dos libros de non ficción, onde, semella que, consultando as coleccións editadas en Galicia, existen tamén importantes carencias.
Sen dúbida que a edición infantil e xuvenil é un dos eidos máis destacados do sector editorial galego, mais para ela non couben nin o conformismo nin a compracencia, xa que hai retos dabondo por acometer polo conxunto do sector (editores, autores e mediadores): o incremento da proxección internacional das nosas obras (autores/as e ilustradores/as), a mellora da dotación das bibliotecas escolares, conseguir a visibilidade dos libros e a promoción da lectura nos medios de comunicación (a TVG anuncia a posta en marcha dun programa diario, Planeta fantasía, destinado a presentar un libro para os primeiros lectores) ou a formación dos mediadores. Benvidos sexan os estudos que axuden a perfilar este futuro esperanzador.

A España plural de Le Monde

É curiosa a visión que da chamada “España plural” de Zapatero proporciona esta crónica de hoxe de Le Monde. Transcribo o único parágrafo que fai referencia a Galicia:

La refonte du statut de la Galice pourrait être plus consensuelle. Les socialistes, qui ont, pour la première fois, conquis la présidence de cette région en 2005, souhaitent le faire en accord avec le Parti populaire. Mais le Bloc nationaliste galicien, allié minoritaire des socialistes, revendique lui aussi l’appellation de “nation”. Le PP n’est pas opposé par principe à l’élargissement des compétences des autonomies : il soutient les réformes engagées à Valence et en Andalousie, par exemple, et ses présidents de région regardent d’un oeil intéressé les nouveaux pouvoirs qui s’offrent à eux.

Entrevista con Carlos Núñez

Óscar Otero publica un magnífica entrevista co noso admirado Carlos Núñez, o deseñador vigués creador da tipografía Gallaecia Castelo. Un auténtico tratado sobre a tipografía galega, un sinal identitario escasamente traballado. Escollo algunhas das súas reflexións que máis me interesaron:
  • Estou creando un diccionario dende fai catro anos sobre a tipografía histórica, a caligrafía galega e europea, as artes gráficas e o deseño. […] En Galiza para recuperar unha máquina do século XVIII e poder crear un museo de artes gráficas, recuperar documentos antigos ou montar calquera outra cousa fai falta un milagre.
  • A caligrafía é como a música: algo de ADN hai que ter.
  • Un abecedario é unha filosofía, un comportamento de vida estético, é dicir: un ‘a’ de Bodoni non é un ‘a’ de Morris nin un ‘a’ de Gill porque expresa unha emotividade diferente. Expresa un estado de ánimo e unha filosofía distinta. Por iso, a maioría dos creativos, dos deseñadores, en canto o tema tipográfico din “pois eu utilizo esta porque me gusta moito” ou “que bonita é esta letra”. A palabra “bonito” debería estar desterrada. Unha cousa pode ser útil, ter forza, débil, amorosa, agresiva, sanguinaria… pero a palabra “bonito” non di nada. A maioría dos deseñadores non teñen nin idea de tipografía porque non hai unha educación tipográfica, non hai unha educación caligráfica, non funciona o ADN.

A poesía e o PXOM

Miguel Barros publica hoxe este artigo sobre o polémico PXOU vigués. É inexplicable como a este político socialista, culto e coraxudo, foi o seu propio partido quen lle puxo a proa para impedir que asumise maiores responsabilidades. Moitas decepcións teríanse aforrado na abella de ribeira, se el tivese sido o alcalde nesta desastrosa corporación.
Porén, no referente á cuestión da aprobación definitiva do PXOU, comprobo que para Barros o debate, tal como razoa no seu xeitoso artigo, se libra en base ao enfrontamento entre criterios poéticos e de sensibilidades, cunha clara deriva plástica, concretada no xogo entre as liñas vertical e horizontal, que representarían os dous modelos de urbanismo confrontados na Xerencia de Urbanismo ao longo desta lexislatura.
En fin, o eufemismo levado até ao paroxismo. Co doado que sería explicar aos cidadáns que na cuestión do PXOU, tal como evoluíron as cousas en Vigo (con dous cambios ao fronte da corporación, con recursos nos xulgados…), a posición responsable do conxunto das forzas políticas é acadar un consenso arredor da posición “Si ou Si”, xa que de non aprobarse de contado o concello podería ir á bancarrota coas indemnizacións ocasionadas polos derrubes aos que obrigan as sentencias do Supremo e por outras moitas razóns de peso que… Expresalo así non sería ningunha esaxeración xa que creo que dunha ou doutra maneira todos os grupos municipais (a verdade é que uns máis ca outros) contribuíron a levar o debate urbanístico vigués ate o punto cero, o da imposibilidade do debate. Ou noutras palabras: todos (mesmo os que din que van votar en contra) saben que aprobar este plan canto antes (xa ninguén fala do modelo de cidade, nin de que non se respondesen aos alegantes, nin sequera de volumes de edificabilidade e de trapalladas polo estilo) é a condición imprescindible para pechar esta etapa funesta da política viguesa. Lamento non coincidir nesta ocasión con meu benquerido Miguel Barros, este PXOU en todas as súas fases tivo máis que ver coa fría economía que coa doce poesía que hoxe emprega para convencernos no seu artigo de que a el lle gustaría votar que si, mais que aínda que vaia votar que non para non defraudar o compromiso adquirido co grupo municipal, que xa non controla o partido… Mi madriña, isto é para tolear.

Evidencialismo

Velaquí a auténtica moda galega.
O titular non o mellora nin Cid Cabido.