Novo ISBN para 2007

Hoxe coñecimos que a partir do 1 de xaneiro de 2007 a lonxitude do código ISBN pasará das actuais 10 cifras a 13 cifras. Os números actuais serán precedidos polo 978, que identifica o produto libro, sendo recalculado o díxito de control. Semellante cambio terá importantes consecuencias tanto os para os sistemas de produción e venda en librarías, procesamento de pedidos e almacén, dereitos e contratos…

A tremenda viaxe da ministra

No artigo da semana recordo a viaxe que a ministra de Cultura fixo a Galicia a semana pasada.
Foto: La Opinión da Coruña.

O fútbol ou a vida

Hoxe un amigo anónimo deixoume un comentario moi extenso no meu máis recente Campo do Fragoso. Recomendo este texto de Justo Serna, tirado do libro El fútbol o la vida, a todos os siareiros e persoas interesadas na antropoloxía social. Traduzo un anaco magnífico:

O fútbol é unha festa con normas, un rito xerárquico que se desenvolve nun escenario ao que chamamos estadio, con xogadores de notable beleza muscular que representan un drama lonxanamente parecido á vida, executantes de papeis que en parte están escritos e en parte improvisados; é, en fin, un teatro con espectadores que asisten para contemplar un virtuosismo, para envorcar os seus humores e para compartir o balbordo desa multitude que interpela, que ruxe como sucedía nos vellos corrais de comedias. A un evento desta natureza, o noso antropólogo imaxinario chamaríao xogo profundo, ao xeito de Clifford Geertz: algo máis que unha gansada, un asunto importantísimo, significativo, que di moito acerca da existencia e das súas expresións. Por erro, tal vez, ou por ilusión óptica, pensabamos ata hai ben pouco tempo que o fútbol era cousa de machiños pouco sensibles, de varóns escasamente cultivados, algo bastos, dispostos á liorta. Agora sabemos que iso non ten por que ser así, que o fútbol e a intelixencia e a cultura teñen numerosas relacións, vasos comunicantes a través dos que se irrigan fluídos, vida e elegancia.

Máis blos

Engado os meus feeds novos blos moi interesantes que fun descubrindo nas últimas semanas: Galego Correcto, Calidonia e Aquí. O blogmillo segue medrando con propostas cada vez máis orixinais.

Google e Amazon: busca libros

Publícase hoxe na web dos editores un interesante e sesudo informe xurídico sobre a busca online de textos completos (Search Inside the Book de Amazon e Google búsqueda de libros). Que queira profundizar en tema tan complexo ten aí onde sachar.

Radio pública

Esta noite fun ao acto de presentación da nova programación da Radio Galega. O Marco tivo un cheo dos que non se recordan. Xurxo Souto, máis serio do que adoita, conduciu con entusiasmo e sobriedade o acto, aínda que non se puido conter e botou unha bonita repichoca das súas. Xusto López Carril fixo un discurso emocionado e formalmente moi ben construído insistindo no valor da radio para a cidadanía. Terio Carrera entusiasmou pola súa velocidade para presentar a abundante programación deportiva. E, como remate, os directores da emisora e da compañía defenderon con convicción o proxecto dunha nova radio independente ao servizo de todos, sen vetos nin exclusións (idea reiterada por ambos os dous e pola maioría dos oradores). O humor púxoo Carlos Blanco (o mellor do seu parrafeo foi o saúdo que lle fixo ao Pérez Varela) e a música final a xente de Espido.
Teño moitas esperanzas neste proxecto de rexeneración dos medios públicos, que na radio está comezando a dar os primeiros froitos e que no futuro poden ser ben aquelados. Conectar coa audiencia da cidade-autoestrada (sobre todo cos sectores da mocidade) e asentar un verdadeiro pluralismo informativo son dous retos ilusionantes polos que paga a pena colaborar coa nosa radio pública en galego. Semella que existen alicerces ben chantados para facelos posibles.

Edición pública

Camilo Franco publica hoxe unha oportunísima información sobre o desbaraxuste da edición pública da era fraguista. Sabiamos do famoso almacén da Rúa X, onde se amorean os libros da Consellaría da Cultura, mais nunca imaxinabamos que chegasen aos case millón e medio os exemplares dos que fala a documentada información. Todo un paradoxo nun país con enormes carencias dotacionais na rede bibliotecaria pública (1,1 libros por habitante, moi lonxe dos 2,5 que recomenda a IFLA/UNESCO).
A edición pública en Galicia debe ser regulada en base aos tres criterios que establece o borrador da nova Lei do Libro: austeridade, necesidade administrativa e utilidade social. Ata o momento, a actividade editorial pública en Galicia, empregando termos piadosos, non sempre respectou estes criterios, colisionando cos intereses do sector privado ou entrando en aberta competencia con el (sexa pola edición de títulos afastados das finalidades que esta actividade debera respectar, ou fose por ofrecer títulos a un prezo moi por baixo do mercado). A edición acartonada de custosísimas obras a cor, xa sexa sobre determinados pintores galegos, sobre botánica galega, a edición dun luxoso atlas de Galicia, dun pequeno volume divulgativo biográfico sobre o autor homenaxeado o 17 de maio, dunha colección de poesía de autores contemporáneos ou os múltiples títulos da colección “Compromisos” existente na maior parte das consellarías son iniciativas que moi pouco teñen que ver coas finaladas antes sinaladas. Porén, a edición dos desenvolvementos curriculares dos diferentes niveis educativos ou dos informes de diagnósticos do Consello Escolar de Galicia, por poñer só dous exemplos, por parte dos servizos da Consellaría de Educación é unha actividade imprescindible.
Afortunadamente a edición pública reduciuse de forma notable nos últimos anos, ata adoptar unha magnitude moi inferior ao do conxunto da edición pública española. Así en 2003 en Galicia supuxo un 9,58% do total da edición, mentres no conxunto do estado acadaba o 15,15%.
Desde o sector privado, consideramos que hoxe o maior problema que ten a edición pública en Galicia é a inexistencia de promoción nos medios de comunicación, as dificultades de comercialización dos seus títulos nas canles habituais das librarías e súa inexplicable ausencia na rede bibliotecaria pública. No caso concreto da Xunta de Galicia, a inexistencia dun Servizo Central de Publicacións como tal e dunha Libraría das Publicacións da Xunta de Galicia, ou de información actualizada e atractiva na web da Xunta de Galicia ou dun catálogo organizado e actualizado fan invisibles (case clandestinas) algunhas destas edicións (magníficas moitas delas). Outrosí poderiamos dicir das edicións dos servizos de publicacións das catro deputacións e das tres universidades, estes últimos os axentes editoriais máis activos en Galicia.
Aos criterios que establece a Lei do Libro e a Lectura eu engadiría as seguintes propostas:
1. Aquelas publicacións que sexan consideradas como de carácter non venal (as que non teñen posibilidade de entrar no circuíto libreiro, como informes, plans dos gobernos e administracións…) deberían ser editadas en soporte dixital para ser descargadas en formato PDF ou en tiradas moi reducida á primeira. Esta é a experiencia exitosa que ven desenvolvendo o Consello da Cultura Galega. Aforraríase os custos variables de papel, impresión e encadernación.
2. Os proxectos de coleccións estables de carácter literario ou relacionadas coas artes, que pretenda promover as institucións públicas, poderían ser realizados por medio do sistema de coedición ou de creación editorial concertada. Esta é a experiencia exitosa que ven desenvolvendo o IGAEM coa coedición con Edicións Xerais de Galicia, dende hai dezaoito anos, da colección “Os libros do Centro Dramático Galego”, hoxe a máis importante colección do teatro galego, que acada case o medio centenar de títulos. Modalidade que desenvolve editorial Galaxia coa consellaría de Presidencia para a publicación dunha colección de “Clásicos Universais” en galego. Este sistema presenta na miña opinión importantes vantaxes para as dúas partes: para o sector público, axilidade na xestión dos dereitos de autor, maior visibilidade nos medios de comunicación e continuidade nun catálogo; para o sector privado, permite atopar viabilidade para xéneros moi minoritarios.
3. Este mesmo sistema podería ser empregado para edicións singulares propostas por editoriais privadas. Esta é a experiencia que ven desenvolvendo o Consello da Cultura Galega. Tanto nun caso coma noutro, os convenios de coedición ou de edición concertada deben axustarse ao sistema establecido polo réxime de contratación coas administracións públicas.

Na mortalla

Memorable este longo post de Ian sobre a matanza en Valdeorras. É deses textos vividos, literariamente fermosos, dispostos para ser saboreados de vagariño e nos que ao seu remate queda un retrogusto de melancolía. O melloriño que teño lido na rede en moito tempo. Unha peza senlleira para incluír en calquera manual de lingua galega e nun manifesto de política futura. Recoméndoo moi vivamente.

Perda

O martes pasado perdín o móbil nun taxi (esa é a miña hipótese máis verosímil para un feito que me deixou case noqueado durante unhas horas). O día seguinte afaneime en atopalo. O xoves desistín e tentei dalo de baixa, iso si, conservando o número. Na fin de semana de reis gocei dunha extraña sensación de tranquilidade e acougo; unha situación que descoñecía dende hai moitos anos, moito máis pracenteira que as mesmas vacacións de verán, xa que o aparello, estea aquí ou acolá, tampouco deixa de soar neses días preñado de noticias, requirimentos e compromisos. Sei que esta semana case “incomunicado” (onde estiveches, chameite unha chea de veces?”, dixéronme hoxe na oficina unha chea de veces) foi un agasallo inesperado que me fixeron os bos dos magos. A burbulla na que vivo esvaerase mañá ao mediodía, cando chegue o prometido novo mancontro. Volverei á realidade. Algúen recorda como vivía cando non existían estes aparelliños?

Campo do Fragoso XI

SEGUNDOS DE OURO
Ao longo desta primeira volta a bancada de Balaídos sabe que as primeiras partes do Celta noso son, xeralmente, gozosas e de excelente xogo atacante e as segundas, case sempre, tan agónicas como decepcionamente defensivas. Non foi o encontro fronte a Real Sociedad unha excepción. Comezou cun recital de control no medio do campo a cargo de Borja Oubiña (un xogador incansable que medra en confianza e soltura) e Iriney (menos atolado que noutras ocasións), que permitiu que Placente e Baiano estragasen senllos goles practicamente feitos. Minutos despois, un potente pexegazo raso de Fabián Canobbio, precedido dun caneo seco e maxistral na fronte da área donostiarra, permitiu que os de Vázquez se adiantasen no marcador. Nesa acción xenial e marabillosa do uruguaio estivo o miolo dunha vitoria, tan merecida como sufrida na media hora final, que volve colocar aos celestes na loita polas posicións europeas. Johán Cruyff dixo que naquel Barsa do “dream team” quería xogadores que puidesen facer movementos decisivos en espazos pequenos, deportistas que traballasen o menos posible para aforrar enerxía de cara a esa acción decisiva. Non hai dúbida que Fabián Canobbio, que nos ten afeitos tanto a alustros de xogo marabilloso como a longas páxaras e ausencias no xogo, é desa clase tan escasa de xogadores artistas (Mostovoi foi o último do que gozamos no Celta) que lle prestan tanto a Cruyff. Paga a pena acudir a Balaídos para presenciar o milagre deses segundos de ouro con que nos pode agasallar.