MARCO
Marco é o máis interesante e rigoroso proxecto museístico nacido en Galicia no novo século. Afortunadamente, o museo vigués de arte contemporanea foi, en moi pouco tempo, capaz de proxectarse fóra dos lindes do rabioso localismo vigués converténdose en referencia internacional e modelo de política cultural innovadora. A súa xestión profesionalizada e independente, a calidade da súa programación e dos seus proxectos de investigación e difusión, o seu compromiso inequívoco coas diferentes expresión da creación artística actual e coa construción da memoria recente merecerían un apoio moito máis entusiasta do equipo de Cultura.
Agoiro que o recorte anunciado por Bugallo (compensado cunha achega de 150.000 € do Ministerio de Cultura) constituirá un magnífico agasallo para Corina Porro, que así escenificará un novo episodio de vitimismo localista (decontado, como sucedeu cos recortes dos voos de Iberia, presentará publicamente unha ampla lista de déficits culturais vigueses: inexistencia de bibliotecas, carencia dun teatro municipal, retrasos nas obras do Auditorio…).
Porén, o recorte constituirá outro bumerán envelenado para o grupo municipal do BNG que colabora de forma activa durante toda a lexislatura co PP na aprobación dun Plan Xeral que, dende hai dous meses, ninguén coñece en que fase concreta da súa tramitación se atopa. Mentres, o “dividido” ou “desaparecido” PSOE local (quen manda aquí?), sen dúbida, aproveitará a polémica para facer unha breve incursión nos medios e apuntar con tiracroios a uns e a outros.
Unha situación de tolos. Definitivamente, Vigo é unha cidade estrépito, politicamente anémica, que semella non ter arranxo nin espazo para a racionalidade e a esperanza. Coas cousas desta guisa imos ter Corina e Figueroa para varios mandatos. Este Vigo revolcado é unha das pezas mestras da calculada estratexia de recuperación do goberno autonómico concibida por Alberto e os seus xoves asesores.