Fútbol e identidades

Sócrates, un comentarista destas brétemas, lamenta que lle parece triste que na páxina dun editor o post que maior número de comentarios suscita é un referido ao fútbol, lamentando que “así lle vai á literatura deste país”. Nunca, ata agora, pensara que existise unha incompatibilidade entre o meu oficio de editor e unha das miñas poucas afeccións extralaborais.
Son futboleiro e celtista declarado desque meu pai me levaba a Balaídos con apenas tres ou catro anos. Alí aprendín a comprender a gramática do fútbol celeste da man dun equipo de figuras inesquecibles, que hoxe constitúen os verdadeiros heroes da miña infancia: Ibarreche na portería; Herminio, Manolo, Costas, Las Heras, Rivera, Juan, Abel e, sobre todo, Suco, un extremo esquerdo que corría a banda de marabilla. A miña infancia está gravada na bancada de Río do vello Balaídos que se inundaba, un domingo si e outro tamén, pola subida do Lagares. O Celta daquela, case sempre en Segunda, tiña vontade de equipo waterpolista, xenuíno representante dunha cidade de sal, deitada diante da ría, como é a miña.
Ao remate da miña adolescencia (tras frecuentar moito Riazor, nos anos nos que fixen o bacharelato na Coruña) e coa conquista das liberdades asumín o pensamento nacionalista e a defensa da lingua. O meu celtismo familiar madurou, da mesma forma, a un celtismo identitario e consciente. Creo que no fútbol se xoga, fóra do terreo, unha liga paralela, a das emocións dos afeccionados. O fútbol, como case todos os deportes que empregan unha pelota, é na vida o que mellor escapa ás leis da vida. Todos os equipos son máis que un club, son manifestacións de identidades locais e nacionais; e os partidos son expresión da intelixencia en movemento nos que, como dicía André Maurois, se formulan problemas matemáticos de infinita complexidade que se resolven cun alustro, grazas a unha faísca de pensamento activo que posúen os futbolistas xeniais. Aí reside para min a grandeza deste deporte (tan deturpado actualmente polo tinglado económico e mediático), na súa capacidade para unir intelixencia, sentimentos, emocións e identidades.
Concibido o fútbol deste xeito, eu non podo ser máis ca celtista, como outros grandes amigos non poden ser máis ca deportivistas. O Celta, dende a súa fundación, tivo a vontade de ser a primeira selección galega. Hai uns anos coñecín a Juan Baliño Ledo, un dos impulsores da fusión do Real Vigo F.C. e do Fortuna, os dous equipos que conformaron o Real Club Celta de Vigo. Baliño contoume emocionado queo grupo de fundadores pretendeu crear un equipo potente que levase as cores da bandeira de Galicia polo mundo adiante. O propio nome do equipo, escollido entre outros tan simbólico como “Club Galicia” e Breogán, amosa ese poder identitario galego que posúe o Celta. Outrosí podería dicirse do Deportivo.
Hoxe, oitenta anos despois, o Celta e o Deportivo, coas súas traxectorias nas competicións europeas (mágoa de intermitencias como as desta tempada) conseguiron o soño de poñer a Galicia en pé de igualdade con outros espazos identitarios, política e economicamente máis poderosos que o noso, proceso que se intensifica notablemente coa recuperación da Selección Galega no partido que se celebrará en Compostela dentro dez días. Este é un feito relevante para o noso desenvolvemento identitario, que visualiza, tamén, neste eido simbólico, os anceios de cambio da sociedade galega.
Debo avergoñarme de gozar e sufrir nos estadios? Fágolle por isto algún dano á literatura galega?

Grazas a Vieiros pola súa foto tirada da súa magnífica Canle Selección.

8 comentarios
  1. cfeijoo
    cfeijoo Dice:

    Identifícome totalmente con vostede. O meu pai chegou a Vigo por vez primeira, na primeira xuventude, na caixa dun camión do Sr.Reverter, pra ver unha semifinal da Copa entre o Celta e o Valencia de Mundo e Gorostiza.
    El levoume, sendo eu moi neno, a outro Celta – Valencia, este de liga, só lembro o empate a ceros final. Eu levarei aos meus fillos a outro Celta – Valencia, sempre que sigamos na Primeira.
    O equipo da miña vida é Aguerre,Hidalgo, Rivas, Navarro, Fernández Amado, Manolo, Lezcano, Juan, Doblas, Castro e Jiménez.
    Coido que o seu interlocutor mantén a teoría da contraposición entre fútbol e cultura. Non debe coñecer a Osvaldo Soriano, Jose Luis Sampedro, Carlos Casares, Javier Marías, Méndez Ferrín, Albert Camus. Síntoo, porque ainda que un non goce do fútbol non ten porque menospreciar as querencias alleas, por moi maioritarias que sexan.
    PD: Para min o equipo da Coruña é o Coruña ou o Deportivo da Coruña, o de Ferrol é o Ferrol ou o Racing de Ferrol, o de Santander é o Santander ou o Racing de Santander, o de Bilbao é o Bilbao ou o Athleti de Bilbao, e así con todos. Que os meus amigos coruñeses, ferroláns, ourensáns, santanderinos, etc… non busquen intención de ofender cando digo o que me parece o nome do seu equipo de fútbol. Eles identifícano do seu xeito, eu do meu, e sen máis voltas.
    Perdón pola extensión do comentario.

  2. Brétemas
    Brétemas Dice:

    Ese Celta do ascenso a primeira tamén o recordo, claro que si. Boa parte deles formaron parte do Celta Xuvenil (con Costas e Manolo á fronte) que chegaron á final do Copa.
    Amigo Cfejoo, se lle gusta a literatura futbolística recoméndolle “Fútbol, dinámica de lo impensado” de Dante Panzeri, un auténtico mestre xornalista da materia.

  3. sócrates
    sócrates Dice:

    Sócrates (por certo, tomei o nome do mítico xogador brasileiro de fútebol) tamén é celtista desde rapás, cousa que aprendón escoitando o “arradio” os domingos co meu bisavó, cando non había televisión nas nosas casas. Ademais para Sócrates ten mérito, porque che son da provincia da Coruña, mais na miña vila (como en Compostela) sempre se foi do Seltiña. Os meus primeiros recordos son os de Del Cura, Rodilla, etc. etc.
    Ora ben, reafírmome no dito. É triste que os artigos máis posteados dun editor e nun dos poucos blogs que leo (porque non son paridas como os máis, senón información) sexan aqueles nos que o editor vai de adestrador. Pena de país, repito. E veña Selta (que o Deportivo é un invento, como a cidade que inventou Paco Vázquez), globos que han estoupar.
    Dexio de canear neste tema. deica

  4. máis alá
    máis alá Dice:

    Acabo de botar unha ollada e non vexo que os Campo de Fragoso sexan os que máis post reciban, a excepción deste último que foi máis pola denominación do Deportivo que por outra cousa. Son lector de Brétemas e agrádanme tanto os seus comentarios literarios como deportivos e non penso que sexan incompatibles.

  5. Kami
    Kami Dice:

    Prezado Sócrates:
    Vostede sabe que durante os chamados Séculos Escuros a literatura galega pegou un baixón tremendo e daquela, por raro que poida parecer, Brétemas aínda non tiña blog no que falar de fútbol. Agora que o ten e fala moito do Celta, asegúrolle que a cousa literaria deste país vai algo mellor, así que humildemente creo que debería ser un pouco máis xusto.

  6. Renato
    Renato Dice:

    Eu son futboleiro de sempre, da xeración do señor Bragado. Lembro o equipo completo: Ibarreche; Pedrito, Las Heras, Herminio; Téllez, Costas; Pintos, Silvestre, Abel, Rivera e Suco. Son celtista, pero tamén moi do Barcelona e non me dá noxo o Coruña, de cuxos éxitos tamén me alegro.
    Non atopo ningún tipo de incompatibilidade entre fútbol, literatura e cultura. É como se a un que lle guste a música clásica non lle puidese gustar o circo.
    Máis alá deste asunto, o que me parece máis relevante e discutible da opinión do señor Bragado é a súa boa consideración do fútbol como instrumento político-identitario, como elemento que apela ás emocións e aos sentimentos a través da súa dimensión simbólica.
    Esta opinión de Bragado está moi extendida, segundo vou comprobando, no mundo nacionalista, mesmo entre as súas capas intelectuais. Isto é o que me sorprende e me preocupa.
    Non vou caer no esuqematismo da oposición razón-emoción, pero si creo que a construción de idearios nacionalistas, xa de seu fundamentados nos compoñentes identitarios (aos que tan difícil lles resulta pasar un exame de racionalidade), debería levarse a cabo botando man de outro tipo de materiais. ¿Non ve vostede, señor Bragado, certo perigo nesa “nacionalización das masas” que operan, ben instrumentalizadas, cousas como o fútbol? ¿Non é vostede consciente dos sentimentos excluintes, monopolizadores da identidade, potencialmente violentos e impositivos que a conxunción “fútbol-nacionalismo” pode xerar?
    Unha editorial madrileña de gran prestixio entre os historiadores, Marcial Pons, vén de publicar o libro “La nacionalización de las masas. Simbolismo político de masas en Alemania desde las guerras napoleónicas al Tercer Reich”. O seu autor é George L. MOsse, un historiador da cultura xa falecido, xudeo, que asistiu persoalmente ao ascenso do nazismo e ao seu uso dos símbolos nacionalistas para mobilizar ao pobo mediante emocións e sentimentos ante os que nada puido facer a razón.
    Por suposto, non intento facer ningunha equivalencia entre a situación que describe Mosse e o proceso de posta en marcha da selección galega de fútbol. Pero a lectura do libro, que lle recomendo a vostede e aos frecuentadores deste blog, é moi interesante para ver como unha boa manipulación das liturxias nacionais e nacionalistas pode levarnos aonde non queremos ir.
    Feliz aninovo.

  7. Brétemas
    Brétemas Dice:

    Renato: moito lle agradezo o seu comentario e a recomendación do libro de Mosse que me fai. Non concibo en ningún caso o nacionalismo nin as identidades dende unha posición etnicista nin excluínte. Porén, creo na identidade vencellada ao concepto de cidadanía. Ese é o fío que valoro na cuestión da selección Galega, ademais, do valor futbolístico en si mesmo. Son, como entendo que tamén vostede, afeccionado a ese fermoso deporte.
    Os meus mellores desexos para o 2006.

Los comentarios están desactivados.