Tertulia sobre os premios literarios

Hoxe coordinarei a tertulia sobre os premios literarios organizada pola Sección de Literatura e Industrias da Edición do Consello da Cultura Galega. Desde a creación do premio Blanco Amor de novela e do Premio Xerais (os dous máis veteranos, cunha traxectoria de máis de vinte anos) foron agromando polo país ducias de galardóns literarios a obras inéditas dos diversos xéneros (sobre todo narrativas).
Non está de máis valorar o camiño percorrido e a achega que estas iniciativas, a maior parte delas promovidas por institucións públicas, proporcionaron ao pulo da creación e á visibilidade do libro galego nos medios de comunicación.
Entre as moitas cuestións a debate considero que algúns dos temas sobre os que pode xirar a tertulia desta tarde serían:

  • Non existirá no sistema literario galego unha inflación de premios literarios a obras inéditas?
  • Que premios botamos en falta e cales poderían ser prescindibles?
  • Que perfil deberían ter os xurados dos premios?
  • Promover un premio literario é o único xeito ou modalidade posible do que dispón unha institución para apoiar a creación literaria?
  • Debe vencellarse cada un dos premios, convocados por institucións públicas, a unha editorial privada?
  • As obras premiadas, unha vez editadas, para algúns son sinónimo de calidade (xa que veñen avaladas polo criterio dun xurado), mentres para outros, pola contra, o son produto da mercadotecnia. Como se pode comprender isto? Son todos os premios iguais?
  • Existen no noso sistema literario premios suficientes que recoñezan a obra editada?
  • A nova lei do libro e a lectura, que iniciará decontado o seu trámite parlamentario, prevé a creación dos Premios Nacionais da literatura galega. Que criterios e características deberían ter?
3 comentarios
  1. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Un coñazo de tertulia sobre un tema xa resésego de tanto falar del.

    Darlle tantas voltas á mesma noria, remata por marear.

    Voume pasar ao sistema literario esloveno xa!

  2. Renato
    Renato Dice:

    Claro que hai demasiados premios e, ao final, iso resulta contraproducente para todas as obras premiadas, que se perden nese mar minifundista. Non se distingue unha leira da outra. Só os paisanos (neste caso os editores) saben cal é de cadaquén. Co dos premios nacionais (galegos) de literatura vai pasar o mesmo. Aquí debería aclarase a paisaxe e deixar tres ou catro para narrativa inédita, ben dotados e ben promocionados. E logo os premios da crítica e os nacionais para obra xa editada.

Los comentarios están desactivados.