Sobre as modalidades de gratuidade

Para as persoas interesadas en reflexionar sobre as modalidades de gratuidade, aconsello o texto que recupera hoxe oportunamente Txetxu. Paréceme interesante a reflexión que realiza de vencellar a gratuidade co servizo universal (o que suporía sempre asegurar uns mínimos de cobertura), así como a proposta dunha modalidade de gratuidade por medio de cheque libro, na que non se exclúe o aproveitamento dos textos por parte do centro.

Mapas da gratuidade

Case coincidindo coa publicación dun anuncio a toda páxina, onde a Comunidade de Castela-A Mancha daba conta de ser a primeira que completaba a gratuidade dos libros de textos nos niveis obrigatorios, El País publica hoxe unha reportaxe sobre os mapas de gratuidade en España e Europa. O que máis extraña no tratamento da cuestión por parte de medio, teoricamente tan solvente, é que a redacción da noticia se fundamente só nos estudos realizados por Ceapa, sen contrastala con aqueloutros que puidesen proporcionar as asociacións de editores. Imaxino a reacción do presidente do gremio cando leu semellante información no periódico do seu grupo.

Campo do Fragoso III

PRIMEIROS PROBLEMAS
A felicidade dura moi pouco na casa dos pobres. Os de Vázquez perderon sen paliativos por que nin tiveron a posesión da pelota nin amosaron ideas atacantes valiosas para desbordar a un Rácing que sempre quixo a vitoria. E ben se sabe que no fútbol, xeralmente, gaña o encontro quen posúe maior determinación. E o Celta non tivo onte esa convicción imprescindible. Houbo que agardar media hora para que os bos desprazamentos de Iriney e un par de centros magníficos de Núñez permitisen albiscar algunha esperanza de gol. Apenas quince minutos foron todo o fútbol con sentido que os celestes ofreceron. Na reanudación as cousas foron a peor: a febleza defensiva e unha incomprensible apatía de Oubiña na recuperación e distribución da pelota deixaron ao líder espido e a mercede dos caneos de Antoñito pola banda esquerda e do empuxe de Óscar Serrano polo centro. Tras o golazo cántabro, non abondou o paradón do penalti de Pinto para evitar o primeiro naufraxio. Por riba, Vázquez cos trocos, deixou ao equipo con menos banda e menor profundidade atacante, amosando a incapacidade de conseguir sequera o empate. Estes primeiros problemas demostran que o Celta precisa recuperar tensión e humildade (os valores das dúas primeiras xornadas), ademais de retocar un esquema de xogo que pareceu moi fráxil diante dun equipo de entidade semellante á nosa. O máis emotivo da tarde foron os acordes de “Negra sombra” en lembranza de Hermidita, autor, hai cincuenta anos, de máis dun centenar de goles celestes.

Dez favoritos

Bos amigos pedíronme no verán unha lista de dez favoritos. A verdade que todos os que comentei o son para min, mais pido as maiores desculpas aos responsables doutros moitos sitios (sobre todo blos, uns setenta no meu bloglines) que sigo con moito interese e que non cito. Creo que o sentido destas listas é ir tecendo a rede coas recomendacións da curiosidade duns e doutros. Por favor, que ninguén se sinta nin menos querido nin menos valorado.

Teatro municipal

No artigo da semana propoño a recuperación do antigo “Cine Vigo” como teatro municipal. Na cidade onde comezará a funcionar este mes a Escola de Arte Dramática a carencia de infraestrturas teatrais, coa excepción do magnífico Teatro Ensalle (de carácter privado), é vergonzosa.

Cumio Mundial

Acertada e ben documentada esta valoración do Cumio Mundial. Coa actual política unilateralista vai ser imposible refundar esa ONU moribunda.

Rei de Copas

Tiven noticia estes días deste blo interesante. Gustei do seu enfoque narrativo, pouco usual no noso blogmillo. Parabéns, Veloso!

Foro das 21 alocucións

Esta semana preparamos varios materiais impresos (entre eles unha antoloxía de verso e prosa) para o que será “O Foro das 21 alocucións“, unha homenaxe ao poeta Lorenzo Varela que se celebrará en Monterroso na vindeira fin de semana. A iniciativa dos actos correspondeu ao alcalde monterrosino, Antonio Gato Soengas, e a unha comisión organizadora animada, entre outros, polo profesor Xesús Alonso Montero, Xosé Gregorio Ferreiro Fente e Fernando Salgado García, os máis importantes biógrafos e coñecedores da figura do poeta de Fufín. Quizais o acto máis importante das dúas xornadas será, o previsto para o mediodía do sábado 24, as vinte e unha alocucións que diferentes persoas farán durante catro minutos sobre a vida e a obra de Lorenzo Varela. A homenaxe será inaugurada o venres pola Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo e clausurada o sábado polo Presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. Un peche importante das celebracións que ao longo deste ano se lle renderon ao grande poeta do exilio.

Entre a esperanza e o desacougo

Despois de pasar todo o día en Compostela, primeiro reuníndonos coa directiva da Federación de Libreiros (acadamos unha grande sintonía) e logo participando nun encontro con tres responsables do goberno galego, as miñas sensacións son encontradas. Escribo, pois, este texto entre a esperanza e o desacougo.
Ilusionounos a comprensión e coñecemento do estado do sector e dos seus problemas que atopamos en Luís Bará e Ana Rúa comprometéndose a reabrir a Mesa do Libro, un feito que se producirá dentro de dúas semanas. Volver convocar esta Mesa, representativa de todos os axentes da edición e do libro galego (case cincuenta persoas), permitirá poñer en marcha o trámite lexislativo das futuras leis do libro e de bibliotecas (nas que puxemos tantos azos durante a o final da lexislatura anterior) e atopar unha plataforma (a “Comisión do libro como industria”) para estudar medidas para “paliar posibles danos” ocasionados pola ampliación da modalidade de préstamo e, mesmo, para atopar unha alternativa consensuada para vindeiros cursos. Algo moi, moi esperanzador.
Porén, o escaso interese amosado na reunión pola responsable da Consellaría de Educación en entrar a debater esta cuestión de fondo (a da modalidade de gratuidade) enfrontounos de novo a editores e libreiros coa crúa realidade dos problemas dunha dura reconversión do sector.
Saímos de san Caetano convencidos de que no goberno galego existen actualmente dúas sensibilidades ben diferentes sobre os enfoques da política do libro. Agardamos ser recibidos proximamente polo presidente Touriño para presentarlle a nosa visión do estado do sector e amosarlle a nosa disposición de colaboración. Libreiros e editores non imos desistir na defensa do libro, a lectura e a educación de calidade.

50 anos de Merlín e familia

Parabéns á editorial Galaxia pola inauguración hoxe da exposición “50 anos de Merlín e familia“. Á tarde estaremos no Museo do Pobo acompañando en día tan importante aos nosos bos amigos.

Actualización (15:00): Magnífica reportaxe sobre a exposición de culturagalega.org.