Campo do Fragoso III

PRIMEIROS PROBLEMAS
A felicidade dura moi pouco na casa dos pobres. Os de Vázquez perderon sen paliativos por que nin tiveron a posesión da pelota nin amosaron ideas atacantes valiosas para desbordar a un Rácing que sempre quixo a vitoria. E ben se sabe que no fútbol, xeralmente, gaña o encontro quen posúe maior determinación. E o Celta non tivo onte esa convicción imprescindible. Houbo que agardar media hora para que os bos desprazamentos de Iriney e un par de centros magníficos de Núñez permitisen albiscar algunha esperanza de gol. Apenas quince minutos foron todo o fútbol con sentido que os celestes ofreceron. Na reanudación as cousas foron a peor: a febleza defensiva e unha incomprensible apatía de Oubiña na recuperación e distribución da pelota deixaron ao líder espido e a mercede dos caneos de Antoñito pola banda esquerda e do empuxe de Óscar Serrano polo centro. Tras o golazo cántabro, non abondou o paradón do penalti de Pinto para evitar o primeiro naufraxio. Por riba, Vázquez cos trocos, deixou ao equipo con menos banda e menor profundidade atacante, amosando a incapacidade de conseguir sequera o empate. Estes primeiros problemas demostran que o Celta precisa recuperar tensión e humildade (os valores das dúas primeiras xornadas), ademais de retocar un esquema de xogo que pareceu moi fráxil diante dun equipo de entidade semellante á nosa. O máis emotivo da tarde foron os acordes de “Negra sombra” en lembranza de Hermidita, autor, hai cincuenta anos, de máis dun centenar de goles celestes.