Encontros de LIX no Porto

Deuse a coñecer xa o programa dos tradicionais Encontros Luso-Galaico-Franceses de literatura infantil e xuvenil, que se celebran no Porto no mes de novembro. Este ano abordarán o tema: “Os Clásicos: tradición e actualidade”, con particular atención a Andersen e Verne. O programa pode baixarse aquí.

Cubertas






Txetxu descúbreme este blog dedicado monograficamente ás carátulas dos libros. Moi recomendable para editores autocríticos no seu traballo e, tamén, para botar unhas poucas risas.
Semella que existen dúas grandes orientacións para a escolla ou para o deseño destas imaxes de cuberta: unha que pretende ofrecer unha metáfora visual do contido da obra e outra que aspira a constituír un mero reclamo impactante para o cliente na libraría. Nas nosas edicións de ficción, idealmente, pretendemos acrisolar os dous vieiros: atopar unha metáfora visual valiosa que chame polo lector. A verdade é que poucas veces o conseguimos.
Paga a pena comparar as carátulas destas edicións d’ O lapis do carpinteiro, preparadas por sete editores diferentes, e comprobar a presenza das dúas orientacións sinaladas e as diferencias de concepto comunicativo que expresan cada unha delas.

Hai trinta anos

Sucedeu hai hoxe trinta anos como recorda emocionado Pepe Cáccamo.

Como se fai un libro de texto?

Txetxu Barandiarán enlaza moi oportunamente unha reportaxe sobre o proceso de elaboración dun libro de texto. Ben sabemos os editores deste tipo de obras o traballo e o tempo que require este difícil xénero da edición.

Historia do libro

Pasei boa parte da tarde debullando esta espléndida Historia del libro de Frédéric Barbier que Alianza porá nos andeis das librarías dentro duns poucos días. Concibida dende unha perspectiva interdisciplinar, e moi ancorada, quizais excesivamente, na cultura e tradición editorial francesas, a obra vai abordando tanto a evolución do soporte, dos materiais e dos procedementos cos que se foi confeccionando o libro ao longo da historia, como os aspectos literarios, económicos, sociais ou políticos que determinaron o seu progreso e a súa permanencia.
Interesáronme moito as notas eruditas á marxe, enchidas de citas e curiosidades, ademais dos aspectos referidos aos cambios no uso das tipografías (“en caso de dúbida, empregue Caslon“), así como á evolución da tecnoloxía do papel e os procedementos de composición e impresión, aspectos que foron determinando a actual fasquía diso que chamamos libro. Como volume de referencia, recoméndoo aos profesionais da edición e aos amantes da historia da cultura impresa.

Despido

No descanso do partido non falamos doutra cousa. Os veciños de Sal sabemos da importancia desta noticia e da influenza política que durante as dúas últimas décadas tivo na cidade este xornalista.

Campo do Fragoso IV

ACEIRO E MEL
Bonita e emocionante foi a noite de fútbol que nos ofreceu un Celta de aceiro e mel, roubándolle a metáfora ao poeta Lorenzo Varela. Foi a marabillosa primeira parte a dun Celta de mel. Dono sempre do balón e de todos os espazos, o equipo de Vázquez saíu, desde o primeiro minuto de xogo, a procurar o gol, a razón de ser da beleza deste deporte. Baiano, un auténtico John Deere capaz de transformarse nun artista da filigrana na área pequena, abriu, tras un servizo magnífico de Núñez (que xogador!), o marcador cun imposible remate de calcaño. Pouco despois, foi Borja Oubiña, tras un caneo finísimo, quen bateu o coiro a ras de chan, coa convicción que só posúen os grandes futbolistas, logrando así o mellor gol da súa carreira deportiva. O xogo da serpe volvía a Balaídos da man dun equipo ordenado no seu despregue defensivo, seguro na posesión da pelota, imaxinativo nos cambios constantes de ritmo, fantasioso na invención dos espazos de desmarque e imaxinativo na confección dun xogo combinativo de pase longo, que nalgúns instantes resultou delicioso. Foi, porén, a segunda parte a do Celta de aceiro, o que soubo resistir con paciencia e intelixencia defensiva os perigosísimos ataques dun Sevilla (ata agora, o mellor conxunto visitante) moi reforzado coa saída de Kanouté e Saviola. O segredo deste Celta de aceiro e mel foi saber combinar axeitadamente as doses suficientes de disciplina defensiva e fantasía atacante, consolidándose, xa na quinta xornada, por méritos abondos como un líder sólido e solvente.

Entrevista con Luis Bará

Vieiros publica unha magnífica entrevista con Luis Bará, o Director Xeral de Creación e Promoción Cultural, arredor da declaración de 2006 como Ano da Memoria. Pode ter interese valorar as referencias que sobre esta mesma cuestión realiza, tamén hoxe, o ex-presidente.

Con Lorenzo Varela en Monterroso

O acto de onte en Monterroso foi moi orixinal e relevante. As dezanove alocucións sobre a figura de Lorenzo Varela, trenzadas coas actuacións musicais de Mini e Mero e Lorena Lores, teceron unha panorámica completa sobre a vida, a obra e a significación política e cultural do noso poeta do desterro.
Ademais das alocucións –algunhas moi notables, como as de Carlos Callón e Daniel Salgado (os dous oradores máis novos) ou o clasicismo de don Xesús (que rematou a súa peza de catro minutos exactos sobre “Lorenzo Varela e a revolución” cunha cita memorable de Ernesto Cardenal: “Somos soldados derrotados dunha causa invencible: a humanidade“)– foi importante, na clausura da xornada, o compromiso que amosou o presidente Touriño coa causa da recuperación da memoria do exilio e a potenciación da cultura de noso. Xestos coma este debemos recoñecelos con entusiasmo, xa que demostran que, efectivamente, vivimos nun tempo novo de esperanza.