Campo do Fragoso IV

ACEIRO E MEL
Bonita e emocionante foi a noite de fútbol que nos ofreceu un Celta de aceiro e mel, roubándolle a metáfora ao poeta Lorenzo Varela. Foi a marabillosa primeira parte a dun Celta de mel. Dono sempre do balón e de todos os espazos, o equipo de Vázquez saíu, desde o primeiro minuto de xogo, a procurar o gol, a razón de ser da beleza deste deporte. Baiano, un auténtico John Deere capaz de transformarse nun artista da filigrana na área pequena, abriu, tras un servizo magnífico de Núñez (que xogador!), o marcador cun imposible remate de calcaño. Pouco despois, foi Borja Oubiña, tras un caneo finísimo, quen bateu o coiro a ras de chan, coa convicción que só posúen os grandes futbolistas, logrando así o mellor gol da súa carreira deportiva. O xogo da serpe volvía a Balaídos da man dun equipo ordenado no seu despregue defensivo, seguro na posesión da pelota, imaxinativo nos cambios constantes de ritmo, fantasioso na invención dos espazos de desmarque e imaxinativo na confección dun xogo combinativo de pase longo, que nalgúns instantes resultou delicioso. Foi, porén, a segunda parte a do Celta de aceiro, o que soubo resistir con paciencia e intelixencia defensiva os perigosísimos ataques dun Sevilla (ata agora, o mellor conxunto visitante) moi reforzado coa saída de Kanouté e Saviola. O segredo deste Celta de aceiro e mel foi saber combinar axeitadamente as doses suficientes de disciplina defensiva e fantasía atacante, consolidándose, xa na quinta xornada, por méritos abondos como un líder sólido e solvente.

1 comentario
  1. máis alá
    máis alá Dice:

    Oxalá que o Celta estea arriba moitas semanas mais, aínda que aos “periodistas” de Madrid non lle importa o líder nin o fútbol. Fanlle mais caso á ridícula cucaracha de Ronaldo que ao golazo de Oubiña

Los comentarios están desactivados.