Mañá participo no curso sobre
Edición institucional que organiza a Escola Galega de Administración Pública (
EGAP), dentro do seu programa de formación continua. A preparación da conferencia obrigoume a volver reflexionar sobre cuestión tan polémica. Que e como deben editar os poderes públicos?
A primeira precisión que entendo debe facerse é sobre o propio concepto de “edición institucional”, que propoño modificar polo de “edición pública”, como a realizada por axentes editoriais da Administración Xeral do Estado, da Xunta de Galicia, das Administracións Locais e das Institucións Educativas e Culturais Públicas (singularmente as tres universidades).
A segunda, é que nos últimos dez anos a edición privada en galego medrou un 139%, mentres que a edición pública reduciuse case nun 30%. O que supón que é falsa esa idea tan estendida de que a Xunta de Galicia é o primeiro editor en galego (chegou a selo a comezos dos anos noventa). É un feito irrebatible que hai unha tendencia clara e constante de redución da edición pública en Galicia (ata adoptar unha magnitude moi inferior ao do conxunto da edición pública española; en 2003 en Galicia supuxo un 9,58% do total da edición en galego, mentres no conxunto do estado acadaba o 15,15%).
A terceira atinxe aos obxectivos desta actividade editorial pública: fomentar a lectura, recompilar normas xurídicas emanadas dos seus órganos e informar á cidadanía sobre o traballo das diferentes administracións ou sobre cuestións consideradas de interese xeral.
O cuarto fai referencia aos criterios da súa organización: necesidade administrativa, utilidade social e austeridade.
Por último, no que atinxe as propostas para reorientar a edición pública, ademais das contempladas no borrador da
Lei do Libro e a Lectura, propoño:
-
Aquelas publicacións que sexan consideradas como de carácter non venal (as que teñen posibilidades escasas de entrar no circuíto libreiro, como informes, plans dos gobernos e administracións…) deberían ser editadas en soporte dixital para ser descargadas na rede en formato PDF ou só a primeira en tirada moi reducida. Esta é a experiencia exitosa que ven desenvolvendo a
mediateca do
Consello da Cultura Galega. Aforraríanse os custos variables de papel, impresión e encadernación.
-
Os proxectos de coleccións estables de carácter literario ou relacionadas coas artes, que pretenda promover a edición pública poderían ser realizados por medio do sistema de coedición ou de creación editorial concertada. Esta é a experiencia exitosa que ven desenvolvendo o
IGAEM coa coedición con
Edicións Xerais de Galicia, dende hai dezaoito anos, da colección “
Os libros do Centro Dramático Galego”, hoxe a máis importante colección do teatro galego, que acada case o medio centenar de títulos. Modalidade que desenvolveu a editorial Galaxia coa Consellaría de Presidencia para a publicación dunha colección de “Clásicos Universais” en galego. Este sistema presenta na miña opinión importantes vantaxes para as dúas partes: para o sector público, axilidade na xestión dos dereitos de autor, maior visibilidade nos medios de comunicación e continuidade nun catálogo; para o sector privado, permite atopar viabilidade para xéneros moi minoritarios a custes asumibles.
-
Este mesmo sistema podería ser empregado para edicións singulares propostas por editoriais privadas. Esta é a experiencia exitosa que ven desenvolvendo o Consello da Cultura Galega. Tanto nun caso coma noutro, os convenios de coedición deben axustarse ao sistema establecido polo réxime de contratación coas administracións públicas.