Eloxio da cadeira

Onte, domingo, inevitablemente, ruamos polo rastro entre milleiros de persoas. Había moitos anos que non o facía e pareceume que perdeu un chisco do seu sabor tradicional, transformándose nun hipermercadiño de roupa, semellante aos nosos de Bouzas ou Sabarís.
Despois fomos coñecer a colección de Carmencita e a permanente do seu barón, dúas sínteses (de calidade ben diferentes) da historia da pintura europea, que sempre pagan a pena contemplar. Deste museo coqueto, gosto moito da colección de retratos de finais do século XVI.
Antes de entrar no teatro, descansamos na cafetería do Círculo, outro dos nosos lugares preferidos, que abraia pola súa intensa actividade cultural. Mágoa que non puidésemos coincidir co Salón Internacional do Libro Teatral, que se abrirá dentro de tres días.
Tricicle non nos decepcionou. Pasámolo de medo. Sit, montaxe arriscada que perderamos cando estivera en Vigo, amosa como o humor é a intelixencia destilada na cotidianidade. A historia da cadeira serve para reconstruír as limitacións da humanidade, enfrontada cos seus medos e carencias (os mesmos do público que, antes do inicio da función, intenta montar con enormes dificultades a cadeira-programa de cartolina). Tricicle sorprende durante dúas horas. O espectáculo non acaba ata que o espectador está na rúa gozando da derradeira gargallada. Daquela decátase que en Madrid tamén chove a trebóns.

Colapso en Rande

No artigo da semana propoño que non se adíe a solución para eliminar de vez a peaxe de Rande e construír unha autovía alternativa entre Vigo e Pontevedra, polo interior, diante do colapso da actual.

Madrid bole

Estamos en Madrid de fin de semana cultural. Pretendiamos visitar uns cantos museos e exposicións, asistir a un teatro musical e á nova montaxe do Tricicle. O primeiro día xa foi agotador. Dedicamos a mañá ao Prado, un museo no que sempre se descubre algo novo. Desta volta, quedamos moi impresionados coa profética modernidade, anticipatoria, do último Goya das pinturas negras. Ao mediodía cumprimos co rito de xantar en Casa Alberto, un local de sabor moi “taurino”, situado preto da praza de Santa Ana, que sabemos frecuentan adoito algún dos nosos deputados nacionalistas (alí paga a pena pedir o entrecote de boi, excelente). Despois rebuscamos durante un par de horas no hipermercado cultural, onde sempre se atopa algo descoñecido, sobre todo, na sección de DVD e de literatura en inglés, cunha oferta que nada ten que ver coa que atopamos en Galicia. E rematamos o día no teatro botando derreados.
Madrid é un bulebule moi riquiño. Nada que ver coa imaxe antipática á que nos teñen afeitos os produtores de odio e de medo. Sempre gosto desta cidade acolledora, onde hai moito para ver e para vivir.

Benvido Samaín

Achégase Halloween, a festa que na noite de 31 de outubro para 1 de novembro permite unha fugaz visita ao “outromundo”. O tallado de cabaceiras, os disfraces con motivos sobre a morte e os animais, e a homenaxe a trasnos, bruxas e meigas son outros elementos desta efeméride que mobiliza á rapazallada toda dos Estados Unidos, Irlanda, Gales, Escocia, Inglaterra e, agora, e cada vez máis intensamente e cada ano con maior rapidez, a de case todos os países do noso entorno. Aí, ven, pois, o Halloween anglosaxón con toda a súa parafernalia.
Detrás do éxito, inequivocamente comercial, desta festa de disfraces non hai dúbida que están as manifestacións desa onda de norteamericanización implacable que domina hoxe os eidos da vida cotián da mocidade. Porén, furando un pouquiño, non é norteamericano todo o ouro que reloce en Halloween xa que a súa orixe se remonta á tradición celta e druídica de hai dous mil anos, sendo valiosa testemuña dunha memoria mítica que pertence ao patrimonio inmaterial da humanidade. Halloween é froito azaroso do intento fracasado que a igrexa medieval emprendeu entre os séculos VIII e X de cristianizar a festa do inicio do ano novo celta.
Efectivamente, os celtas celebraban o comezo das súas estacións con dous grandes festivais do lume: o inverno co Shamhain (1 de novembro) e o verán co Beltane (1 de maio). Para eles estas dúas datas constituían tempos dominados pola maxia xa que crían que nestes momentos de transición climática o veo entre os mundos da vida e da morte era máis fino (non manexaban o concepto do ceo e do inferno que a igrexa introduciría moitos séculos despois). Pensaban que na noite de Shamhain as portas do outro mundo quedaban abertas: os espíritos dos defuntos e das fadas invadían, por unhas horas, o mundo dos humanos; e os vivos podían penetrar no mundo do alén e quedar alí presos por mor dun feitizo ou meigallo. Ademais de considerar valioso conservar as caveiras dos seus inimigos porque, para eles, alí residía o cerne dos misterios do ser humano (“aquel que posuíse unha caveira contaría cos forza máxica da súa pantasma”), permitindo así esconxurar os perigos sobre a súa tribo.
Sobre estas crenzas míticas da circulación das almas de aquí para acolá foron tecéndose os elementos rituais do Halloween actual: disfrazarse coa pel dun animal para evitar que os espíritos dos mortos atacasen aos vivos confundíndoos cos das bestas; levar nabos ou cabazas labradas en forma de caveira e acender unha vela no seu interior para guiar aos mortos na súa viaxe; pedir lambetadas e galanos polas casas para así atoparse con fadas e trasnos que saen nesa noite a facer as súas brincadeiras… Os irlandeses conservaron todo este ritual pagano rural e levárono a Norte América durante o seu grande éxodo do século XIX motivado polas malas colleitas de patacas e as grandes fames que provocaron. Velaí o percorrido da viaxe de ida e, agora, de volta dunha parte do patrimonio da memoria mítica, ao que os galegos non somos alleos.
O profesor Rafael López Loureiro, autor de Samaín, a festa das caliveiras e animador da recuperación do Samaín na vila de Cedeira, xa demostrou o carácter galego desta festa que, moitas veces asociada ás de Santos e Defuntos, existía por todo o noso país ata hai menos de trinta anos. Recuperar ou reinventar esta tradición, desde os centros escolares de primaria e secundaria, pode ser unha boa estratexia educativa para defender un patrimonio inmaterial que todos debemos conservar e mimar. Festexemos sen complexos homoxeinizadores a fadas, trasnos e o resto de seres dos nosos seres míticos, exaltemos a nosa terra farturenta en humildes cabazas, tallemos con elas caveiras e acendamos candeas para tratar de escorrentar a tantos demos e bruxas que nos axexan. Benvido, señor Samaín, cabaleiro do Outromundo!

Rubén Ruibal, premio Cunqueiro

A entrevista con Rubén Ruibal, autor de Limpeza de sangue, peza dramática premiada onte co Álvaro Cunqueiro, é estupenda. Xa devezo por ler a peza, que editaremos na colección “Os libros do CDG”. Recoméndoa.

Cabrafanada en Manila

O noso correspondente manda a súa primeira crónica dende Manila, onde foi participar nun ciclo sobre literatura de viaxes.
A verdade é que, como adoita, ten moita forza o que escribe: Manila sabe a mango, a azucre, a vitalidade… Xa temos saudades túas, Cabrafanada.

É lexítimo fotocopiar un libro?

Ando estes días moi apurado preparando as últimas novidades, razón pola que apenas puiden botar hoxe unha olladiña na rede.
O que máis me chamou a atención foi a información sobre a solicitude de CEDRO aos grupos parlamentarios para eliminar dous aspectos da nova Lei de Propiedade Intelectual, especialmente o que atinxe á posibilidade de fotocopiar ou reproducir en soporte dixital, sen límites, libros nos centros escolares. É lexítimo fotocopiar a totalidade dun libro, aducindo que vai ser empregado con finalidades didácticas? Non se estará abusando, acolléndose ao principio do dereito á copia privada?

Edicions virtuais para noveis

É moi interesante a reflexión que fai Txetxu hoxe sobre a iniciativa que promove a AELG sobre a edición de autores noveis en soporte virtual. Non estaría de máis que a inqueda nova directiva da AELG coordinase os seus esforzos co dos editores para acadar maior repercusión de ideas coma esta, ou como coa do “escritor do mes” (mágoa que non puidera ser mellor aproveitada por todo o sector). Coordinar esforzos é impresindible para conseguir esa visibilidade que se persigue para a literatura galega (sexa para noveis ou para a obra editada en papel).

Galicia país convidado na Primavera dos Libros 2006

Unha importantísima noticia para a proxección internacional do libro e da edición galega: seremos país convidado na sexta Primavera dos libros, un evento que organiza a Liga Brasileira de Editoras (Libre), que agrupa a 107 pequenas e medianas editoras brasileiras. Trátase dunha feira destinada tanto a profesionais como aberta ao público (con presenza multitudinaria), que se celebra alternativamente un ano no Río e outra en Sao Paulo. Sempre crin que “Brasil somos nós”, agora confírmase, tamén, para o eido das edicións. Parabéns para Miguel Anxo Fernán Vello, o presidente da AGE, quen asinou o histórico compromiso. Non cabe dúbida que algo está mudando, e para ben, no mundo editorial galego.

Campo do Fragoso V

SILVIÑA
Gañar ao Español custou, como era agardado, ferro e fariña. Foi o de onte un encontro moi tenso onde se enfrontaron as estratexias de dous adestradores moi testáns, fieis aos seus principios de xogo máis disciplinado ca fermoso. Miguel Ángel Lotina, recibido moi agarimosamente polas bancadas de Río, onde nalgúns sectores conserva moitos adeptos, colocou dende o inicio tres centrais en liña deixándolle todo o balón e toda a responsabilidade do ritmo do encontro aos centrocampistas célticos, agardando a oportunidade dun contragolpe, dirixido polo pé de seda de Iván de la Peña, que rachase a notoria fraxilidade dos nosos centrais. Fernando Vázquez fixo os cambios imprescindibles no seu once inicial –substituíndo ao lesionado Baiano (moito piamos pola súa potencia ao longo do encontro) por Perera, un xogador tecnicamente tan discreto como xeneroso no esforzo– pretendendo coas subidas dos laterais desbordar a tupidísima defensa españolista. O traballo paciente dos celestes comezou a dar os seus froitos coa decisiva expulsión de Pochettino. Como non podía ser doutra maneira, diante de semellante estratexia ultradefensiva de Lotina, e co seu equipo en inferioridade, o anceiado gol chegou co encontro case vencido. Compensou o sufrimento da bancada a confirmación da enorme calidade de David Silva, un rapaciño que xa é unha auténtica alfaia: posúe coñecemento do xogo, mobilidade, creatividade, descaro, autoridade, forza, caneo e remate contundente (como demostrou co seu golazo). Un auténtico fenómeno este Silviña.