Está vendo o arquivo da categoría » iago_aspas

Campo do Fragoso CLXXXIX

bretemas —  28 de Novembro de 2016 — Deixa un comentario

Aspas_27_11_2016ASPAS TOTAL

Outro partidazo de Iago Aspas levou ao Celta a unha clara vitoria sobre o Granada nun encontro que foi cómodo até os xa clásicos cinco minutos agónicos nos que a bancada, tras un agasallo de nadal de Cabral, rosmaba a posibilidade dun empate visitante. Capaz de marcar un gol decisivo, asistir con xenerosidade no segundo, mais tamén equilibrar ao cadro recuperando pulo no medio campo e sabendo marcar o ritmo preciso en cada fase, este Aspas total demostrou que vive un momento de forma excepcional, quizais o mellor da súa carreira como futbolista profesional. Unha etapa de madurez, plenitude e confianza do Merlín de Moaña que a bancada de Balaídos acompaña coa ledicia, entusiasmo e admiración que supón asistir a semellante marabilla.

O Celta precisou vinte minutos para que Aspas aproveitase cun zurdazo un incrible erro de Vezo, que na tarde dos agasallos deixara de forma inocente un balón morto na área pequena. Unha xogada iniciada, tamén polo de Moaña, cando entrou pola banda dereita e procurou un pase a Rossi, que interceptou con tan escasa fortuna o defensa nazarí. Un gol decisivo que mudou o rumbo dun partido até entón aburrido. O Celta monologaba coa pelota, anque polo seu ritmo apagado non conseguía crear superioridades fronte a un colista que colocou as súas liñas moi xuntas, agardando un contragolpe nunha recuperación ou un erro dun dos nosos mediocampistas.

Coa táboa de marcas xa por diante, o cadro de Berizzo meteu unha marcha máis de velocidade coa intención de encarreirar o partido. Aspas en estado de graza enviou dende a esquerda un fantástico pase sobre Wass para que o dinamarqués xutase sobre o porteiro, unha xogada de auténtico tiraliñas. No minuto 36 o de Moaña volveu intentalo, desta volta asistindo en carreira (de forma maxistral) dende a banda esquerda a Bongonda que, despois de entrar na área, bateu ao porteiro cun zurdazo moi preciso. Un gol de moi alta escola que o extremo belga dificilmente esquecerá. Xaora, antes do tempo de lecer, a táboa de marcas celeste puido incrementarse nun remate de Iago que desta volta fixo migas con Rossi.

O Celta encarou con prudencia a segunda parte. Se ben diminuíu a intensidade do seu xogo, o que facilitou que o Granada puidese contar máis coa pelota, foron súas as mellores oportunidades. Iago Aspas recuperou unha saída de pelota en media agra do Granada e moi arteiro, cando viu ao porteiro un chisco adiantado, enviou un globiño precioso que bateu no longueiro. Unha xogada de auténtico mestre nunha tarde onde o de Moaña era capaz de ir máis alá. Como tamén puido chegar o tan procurado terceiro caroliño nunha xogada na que o noso internacional compartiu paredes con Radoja, que no momento decisivo (algo confuso) disparou preto do pao esquerdo. Aspas participaba en todas as alladas, cunha mobilidade eléctrica que toleaba a defensa andaluza e que contaxiaba aos seus colegas.

No entanto, o Granada tivo tamén as súas oportunidades, aproveitando algún erro na cobertura celeste. Kravets puido marcar nun deses contragolpes no minuto 76, mais fíxoo doce minutos despois, cando na tarde dos agasallos aproveitou un erro garrafal de Cabral cuxa cesión a Rubén Blanco foi moi facilmente interceptada polo dianteiro ucraíno. Un gol que acelerou durante cinco minutos o ritmo do corazón dos seareiros celestes até que Pape Cheikh no terceiro minuto do desconto conseguiu o terceiro, tras unha xogada moi ben levada por Guidetti e unha asistencia preciosa de Señé, cando todo o Granada envorcaba a área celeste. A nosa maior promesa pechaba cun xute de moitos quilates un partido no que Aspas escintilou como xogador total, co brillo que só posúen as auténticas estrelas. Con xenialidade e afouteza Iago empurra ao Celta de Berizzo cara as posicións europeas.

Campo do Fragoso CLXXXVI

bretemas —  24 de Outubro de 2016 — Deixa un comentario

cantera-celtaDERBI, O NOSO

No setenta e cinco aniversario daquel primeiro Celta-Deportivo en Primeira División, disputado en Balaídos o 19 de outubro de 1941, volveuse repetir a vitoria celeste “nun encontro emocionante de principio a fin (…), nunha xornada onde Galicia enteira orgullouse de ver ao Celta e Deportivo cumprindo con corazón e alma de atletas en auténtica irmandade”, como recollía a crónica de “Faro de Vigo” daquel tempo. Un “o noso derbi”, ou “clásico galego” para os máis puristas, que na matinal do pasado domingo recuperou por ventura o espírito de fraternal e respectuosa rivalidade, tanto na lameira como nas bancadas, entre os dous grandes do fútbol galego. Un derbi vibrante, con alternativas en ambas as dúas portarías, moito máis igualado sobre o terreo de xogo que ese avultado resultado de 4-1- que reza na táboa de marcas.

Unha vitoria celeste alicerzada sobre unha actuación memorable de Orellana e Iago Aspas, ambos os dous moi implicados emocionalmente no derbi. O poeta chileno fixo un partido completísimo: moveuse dende a banda dereita e procurou as formas posibles de furar as dúas liñas de catro que dispuxo Gaizka Garitano, mais tamén soubo darlle acougo ao Celta cando semellaba precipitarse na loita mediocampista, sen esquecer que fabricou dúas asistencias de auténtica fantasía para o primeiro e o segundo gol e marcou o terceiro dunha excelente cabezada entre defensas. Outro tanto sucedeu co astro de Moaña que, por fin, conseguiu marcar ao Deportivo en partido de competición oficial, con dous goles magníficos na execución, tanto o primeiro de penalti como o de contraataque directo, mais aos que lles sobraron os xestos de fachenda celtista cando os celebrou diante dos seareiros que chegaron da Coruña.

Unha vitoria á que tampouco foi allea a afouteza de Berizzo ao establecer as rotacións nunha difícil semana de competición europea, na que o Celta foi capaz de manter a súa intensidade e patrón de xogo tanto diante dun poderoso Ajax como dun rochoso e incómodo Deportivo. En cada un dos partidos procurou alternativas distintas para crear superioridades, a razón da obsesión combinatoria do noso adestrador. Fronte ao Coruña buscounas polas bandas, sobre todo pola dereita, onde buliron Mallo e Orellana. Aí naceu no primeiro cuarto de hora un gran centro de Hugo moi ben cabezado por Wass, un gol que vimos feito, mais que o porteiro coruñés desintegrou in extremis. Minutos despois, Orellana encarou na mesma posición ao seu defensor filtrando de forma xenial unha pelota que o lateral de Marín levou as mallas do pao longo.

O primeiro gol celeste espertou ao Deportivo que conseguiu o empate en apenas cinco minutos. Un saque de falta botado con precisión por Fajr foi cabezado a rede por Albentosa que saltou sobre a defensa céltica con asombrosa superioridade. Conmocionado pola igualdade, o Celta sufriu durante os dez minutos que faltaban para a pausa, nos que o Deportivo puido adiantarse. Xaora, coa reanudación volveron mudar as tornas. Un gran centro de Orellana cabezado por Wass cara abaixo foi cortado coa man por Sidnei. Un claro penalti que lanzou con confianza Aspas e que mudou a deriva do partido. O Deportivo, entón, quixo e xa non puido diante dun Celta que da man de Marcelo Díaz recuperou o acougo que ir por diante requíría. Así chegaron os goles de Orellana no minuto 77, froito dunha gran xogada de Jonny (nun partido para o de Matamá pouco afortunado), e a xenialiade de Aspas no 82, aproveitando un saque directo de Sergio, un gol fabricado con apenas dous toques, extraordinario!

En partidos con contexto emotivo tan denso como son sempre os do noso derbi, goleada tan súbita e contundente supuxo un estourido de ledicia da bancada de Balaídos, durante a primeira hora de partido moi contida, até prender as luces do orfeón da Rianxeira. O derbi do setenta e cinco aniversario foi o noso.

Campo do Fragoso CLXXXV

bretemas —  4 de Outubro de 2016 — Deixa un comentario

faro-chapela-4214041-50_gA CAMPO ABERTO

Intensidade, ledicia, emoción e beleza foron algúns dos substantivos despregados na lameira do vello Balaídos na noitiña do domingo, durante un partido memorable que colocou outra vez ao Celta entre os grandes. Unha vitoria celeste moi traballada, forxada sobre a confianza e autoestima do cadro nas súas posibilidades para superar a un dos mellores equipos do mundo. Un encontro que, como aqueloutro do 4-1 da pasada tempada, lembraremos no futuro cando queiramos explicar a afouteza e a intelixencia coa que escribía os partidos un adestrador chamado Eduardo Berizzo.

Foi unha confrontación fermosa entre dous conxuntos xenerosos que aman a beleza no xogo, procuran o gol e queren levar a iniciativa. Así saíu o Barça de Luís Enrique, un adestrador respectado en Vigo polas súas conviccións, aseñorando a bola no cuarto de hora inicial de tenteo, liderado por un Neymar moi activo, disposto a facer esquecer ao lesionado Lionel Messi. Mais os de Berizzo non agardaron moito para abrirse a campo aberto, adiantanto a súa liña de presión sobre o triángulo formado por Busquets e os seus centrais, Piqué e Mathieu. Berizzo sabía que nas biqueiras desas tres torres, onde nacían todas as xogadas do Barça, podería atopar algún furado. Unha estratexia arriscada na que foi esencial o sacrificio de Hernández e dun renacido Daniel Wass, o domingo na media punta, e a verticalidade do incansable Iago Aspas, que foron incrementando o umbral da intensidade da súa presión até conseguir rebentar polo medio e medio a defensa catalá.

Así naceron os tres primeiros goles do Celta en once minutos inesquecibles. O primeiro, no 22, cando Radoja recuperou unha pelota que enviou a banda esquerda, onde Aspas trazou unha diagonal diabólica cruzada á rede por Sisto preto da área pequena. Recuperación, carreira e remate, unha fórmula que se repetiría nove minutos despois, cando Mallo aproveitou unha pelota perdida por Busquets que enviou sobre a mesma banda onde Aspas correu, caneou e disparou sobre o pau longo, un gol de moita valía. Situación que se repetiu un minuto despois, cando Wass, tras outra perda da defensa catalá enviou sobre o Astro de Moaña, preparado para o remate, o que evitou Mathieu marcando en propia meta. Tres goles que fixeron estralar os foguetes da ledicia e o orfeón da bancada.

Todo mudou na reanudación cando entrou na lameira Iniesta, substituíndo a un Rafinha moi abaixado en Balaídos. O Barcelona púxollo moi difícil ao Celta. En pouco máis dun cuarto de hora meteu dous goles, dirixido pola temperanza do seu capitán e impulsado pola enerxía de Piqué, que soubo adiantarse a Sergio nunha cabezada dun saque de recanto. Un gol que meteu aos de Luís Enrique no partido e durante uns minutos fixo dubidar aos de Berizzo. Xaora, a xogada decisiva do partido, o cuarto gol do Celta, produciuse cando o Barça máis asediaba. Porén, a confianza de Hernández levouno a continuar presionando a saída da pelota de Ter Stegen, que foi incapaz de superalo, facilitando así a cabezada ao pao esquerdo do chileno. Un lance que algúns poden considerar unha xogada desafortunada do porteiro alemán e outros cremos unha xenialidade froito da teimosa presión a campo aberto do cadro de Berizzo.

Tras o terceiro gol catalán, un centro marabilloso do noso benquerido Denís Suárez, rematado de forma inapelable por Piqué, o partido discorreu polos territorios do sufrimento e da resistencia que por ventura o Celta sabe xestionar cada vez con maior soltura. Así chegou unha vitoria tan merecida como axustada. A saída do estadio preguntabámonos, diante deste grande espectáculo futbolístico, cantos millóns se incrementaría no mercado do extremo oriente o valor deste Celta de Berizzo.

Campo do Fragoso CLXXXIII

bretemas —  22 de Setembro de 2016 — Deixa un comentario

Radoja_derrubado_21-09-2016GOLES DO MORRAZO

Fixeron falta cinco partidos para que o Celta conseguise a primeira vitoria desta tempada. Un excelente resultado na táboa de marcas tan xusto coma agónico, fronte a un frouxo Sporting de Xixón, que pouco inquedou a porta de Sergio. Xaora, estes primeiros e tan valiosos tres puntos, que xa nos afastan dos muros do medo, non agochan as eivas do cadro de Berizzo, polo momento aínda unha sombra daquel espectacular das tres ligas anteriores. Este Celta europeo continúa en construción, tanto pola lentitude do proceso de incorporación das súas fichaxes como polo desequilibrio provocado na estrutura do xogo polas ausencias de Orellana e Chelo Díaz e polas saudades (inevitables) de Nolito.

Ben sabemos da teimosía de Berizzo que non renuncia ao seu modelo de fútbol de salón, cunha saída da pelota ordenada dende a portaría, mesmo a pesar das dificultades de realizar o pase derradeiro con superioridade, obxectivo de todo o seu esquema. Os celestes deron un recital de posesión diante do Sporting, mais como sucedera co Leganés e na primeira parte diante do Atlético, non foron capaces de traducila en ocasións claras de gol. Durante a primeira parte dispuxo apenas dun remate de Cabral que cabezou un saque de recanto excelente de Wass e un xute diagonal de Bongonda que foi despexado por Cuéllar. Un balance atacante pobre para un equipo que monopolizou o xogo fronte a un rival que apenas dispuxo dunha chegada á área pequena celeste.

O mellor do partido foron dúas grandes xogadas de Pione Sisto, a quen se lle viu máis implicado e seguro que nos partidos anteriores, afastando da bancada os temores da síndrome Jaburú, aquela fichaxe de 1962 que nunca chegou a callar. O internacional dinamarqués avisou no minuto sesenta cun xute moi duro dende a dereita que chapou in extremis o porteiro asturiano. Entrada que repetiu polo mesmo espazo, cinco minutos despois, superando a dous defensores e chegando atá a liña de fondo, para deixar que o marinense Hugo Mallo rematase con precisión sobre o pau curto, abrindo a táboa de marcas. Minutos vibrantes de Sisto que amosou posúe caneo, desborde e disparo, condicións suficientes para ser un xogador importante no futuro.

Coa táboa de marcas por diante, a Berizzo entráronlle as dúbidas e quizais os medos. Adiou durante uns minutos a entrada de Rossi, cando xa agardaba incorporarse xunto a Gudel e ao cuarto árbitro, mesmo a pesar que algúns xogadores como Wass ou Bongonda vagaban na lameira desorientados. Porén, o italiano entraría decontado tras o gol dos asturianos, un penalti co que os agasallou o celeste Roncanglia, nunha acción impropia dun defensa internacional arxentino. O Sporting sacaba petróleo da súa segunda chegada e os fantasmas da desgraza celeste asomaban polo Lagares. Xaora, para os que dubiden da xustiza poética no fútbol, cinco minutos despois, sucedeu algo semellante na área astur cando Amorebieta trabou a Radoja, que intentaba canealo. Un penalti que executou con serenidade Iago Aspas no seu partido douscentos como celeste. Un gol importante do astro de Moaña, que curaba moitas feridas e afastaba temores.

Non foi un bo partido do Celta que sen a dirección de Marcelo Díaz e sen o último pase de Orellana apostou por un xogo vertical, ao que non está afeito. Como padece as intermitencias dos seus centrocampistas, unhas veces incrustados entre os centrais, como lle sucedeu onte a Radoja durante boa parte do partido, outras incapaces de establecer asociacións gañadoras con Aspas ou cos extremos. En todo caso, estes dous goliños de fillos do Morrazo serviron para comezar a sumar na táboa clasificatoria, que boa falta facía. Agardemos que se acelere o proceso de mellora e axuste do equipo de Berizzo.

Campo do Fragoso CLXXXI

bretemas —  23 de Agosto de 2016 — Deixa un comentario

faro-chapela-4010178-21_gEN OBRAS

Para moitos celtistas o primeiro aliciente do partido do serán de onte foi comprobar o estado das obras do vello Balaídos que estreaba a grada de Tribuna baixa. Poucos imaxinabamos que sobre a lameira do Fragoso, un auténtico tapiz, íamos atopar un Celta irrecoñecible, que nada tiña que ver con aqueloutro que nos fixo soñar dende o comezo da tempada pasada, a pesar de que Eduardo Berizzo conservou o debuxo táctico e o seu cadro de gala, onde fixo debutar apenas a dúas das fichaxes, o central arxentino Rocanglia e o atacante dinamarqués Pinone Sisto.

Un inicio de tempada decepcionante, non tanto pola xusta derrota fronte ao Leganés, un debutante na categoría, que veu a Vigo a morder e pelexar cada unha das pelotas, senón pola actitude anémica e tan pouco comprometida no desenvolvemento do xogo do Celta e polo estado físico precario dalgúns dos seus xogadores, fundidos ao pasar a media hora de xogo. Diante de semellante sorpresa non é ningunha parvada preguntarse, como escoitei facelo a varios afeccionados á saída do estadio, que foi o que pasou (ou continúa pasando) no vestiario celeste durante esta pretempada chea de viaxes e resultados contraditorios, onde mesmo foi castigado Cabral (un dos capitáns), para que o equipo chegase ao inicio da liga tan fóra do seu punto.

Transcorridos apenas cinco minutos de xogo, comprendimos que o Celta non era capaz de saír coa pelota nin coa velocidade nin coa precisión nin coa profundidade á que nos tiña afeitos á liga pasada. Un síntoma que se foi agravando ao longo de todo o partido, tanto polas dificultades de Rocanglia para xogar en curto como pola incapacidade dun irrecoñecible Marcelo Díaz para dirixir ao equipo coa intensidade que o caracterizou dende a súa chegada. Así a triangulación típica do esquema de Berizzo no medio da lameira fracasaba, incapaz de crear superioridades fronte a un equipo que devagariño foi perdendo o medo, o que obrigaba a Wass e Orellana a vagabundear de aquí para acolá procurando filtrar algunha pelota sobre Iago Aspas, o máis entonado e responsable dos nosos. Así puido adiantarse o Celta na táboa de marcas ao cuarto de hora, cando o astro de Moaña, aproveitando unha pelota longa, gañou as costas ao seu defensor e só diante do porteiro enviou a pelota á esquerda. Acción que repertiría, á media hora, cando marcou un gol feito e dereito que o árbitro anulou por fóra de xogo (inexistente). Un erro arbitral que, sen dúbida, determinou o devir do partido. Unha xogada que Iago repetiría, por terceira ocasión sen fortuna, ao comezo da segunda parte, desta volta a pase de Wass, cando volveu quedar só diante do porteiro, no que foi a mellor oportunidade do partido. Mágoa!

Xaora, un Leganés ordenado e intenso foi aseñorando o partido. Guerrero, o seu punta, comezou a tolear aos imprecisos centrais celestes e encarou a Sergio ao final da primeira parte. Coa reanudación, os madrileños asumiron que podían marcar fronte a un Celta cada vez máis afundido, atascado, impreciso e temeroso. Cando faltaban apenas un cuarto de hora, o gol madrileño chegou nun saque de recanto aproveitado por Víctor Díaz, xogador que formou parte do Celta B. O Leganés facíase así con tres puntos diante da incredulidade da bancada celeste decepcionada por tan pobre espectáculo ofrecido polos seus. Moito terá que mellorar e axustar as súas pezas este Celta de Berizzo que demostrou estar tamén en obras, como o vello Balaídos. Agardemos que como o estadio poida recuperar, canto antes, a súa faciana máis bonita e ilusionante.