Está vendo o arquivo da categoría » girona

Campo do Fragoso CCII

bretemas —  1 de Outubro de 2017 — Deixa un comentario

CONTINÚAN AS DÚBIDAS

Na noite do pasado venres o Celta tampouco foi capaz de resolver as dúbidas que dende comezo de liga provoca a febleza do seu modelo defensivo. Como sucedera xa diante da Real Sociedad e do Getafe, nos derradeiros minutos arruinou a vantaxe, engadindo outra decepción máis á bancada do municipal do Fragoso e consolidando, a pesar de que a posición na táboa clasificatoria non é de piloto vermello, o que a todas luces xa pode ser considerado como un mal arrinque para a idea de xogo de Juan Carlos Unzué.

Diante do recén ascendido Girona de Pablo Machín, un equipo que modulou con afouteza a súa actitude e esquema táctico ao longo dos noventa minutos, o Celta demostrou que a pesar de pasadas sete xornadas continúa aínda en construción, sen alma nin personalidade definidas, capaz de expresar tanto ilusionantes desempeños como de padecer preocupantes fraxilidades. O seu ataque acredita unha envexable eficacia goleadora: trece tantos en sete partidos é unha cifra que o situaría entre os seis primeiros clasificados. Mais tamén é innegable a desfeita sen paliativos da súa defensa, en Balaídos unha auténtica viña, onde en tres encontros, que coincidiron co mes da vendima, recibiu sete goles.

Fronte ao Girona manifestouse mellor ca en ningún dos partidos anteriores esta preocupante bipolaridade do cadro de Unzué. O Celta marcou tres goles de moi alta escola, noutras tantas accións memorables dos seus atacantes. No minuto nove a condución de Maxi Gómez, o centro posterior moi medido de Wass dende a dereita e a cabezada inapelable de Pione dende a área pequena, gañándolle a partida ao central, amosaron a beleza do xogo combinativo celeste. Un caroliño de moitos quilates. Como a asistencia de Jozabed dende medio campo, recibida co peito por Maxi, foi transformada polo charrúa de forma inapelable no gol que equilibraba a táboa de marcas, cando o partido toleara en seis incribles minutos no que se marcaron catro goles. Como foi para enmarcar o saque de falta de Daniel Wass que no minuto 75 semellaba daría a vitoria. Unha marabilla propia da luva de seda do internacional dinamarqués capaz de imprimir ao balón un inesperado cambio de traxectoria.

Mais tamén os tres goles do equipo catalán puxeron en evidencia o fracaso do esquema defensivo de Unzué, atribuíbles tanto a erros individuais de pé de banco como a ineficacia dunha presión zonal, que no encerado táctico a todos afecta mais da que na lameira ninguén se responsabiliza. Errou Jonny, moi baixo esta tempada, cando permitiu que Portu rematase un centro sen excesivos problemas. Como errou Hugo na marca cando deixou cabezar a pracer a Maffeo para que despois Stuani rematase a porta baleira o segundo xironés. Como Cabral tamén puido facer algo máis no decisivo gol do empate de Juanpe, que culminaba unha xogada na que naufragou toda a nosa cobertura. Mais tamén é certo que os celestes perderon case todos os duelos individuais propostos polos visitantes e apenas foron capaces de facerse con algunha pelota dividida, botando moito en falta a presenza do lesionado Tucu Hernández.

Ben é certo que foi un partido de tolear, onde as posibilidades de marcar se repartiron e ambos os dous gardametas evitaron unha táboa de marcas con cifras de escándalo. Na primeira parte, Rubén chegou de forma incrible a un xutazo do lateral Maffeo e Gorka Iraizoz evitou que marcasen Sisto ou Maxi cando o estadio xa cantaba o gol. No tempo de desconto, Aspas, moi nervioso e implicado durante todo o encontro, tivo na súa biqueira ese gol que a fortuna lle está negando, mais outra vez apareceu Gorka no chan para evitalo.

O partido diante do Girona non resolveu dúbidas para o estilo de xogo que teimosamente defende Unzué. A esta altura é dificil prognosticar se esta vai ser unha tempada tranquila ou axitada, se o Celta vai pelexar pola media táboa ou por evitar o descenso. Agardemos que se consoliden os valores expresados e se vaian corrixindo os defectos mostrados. Hai vimbios de abondo e marxe para facelo.

Campo do Fragoso CVI

bretemas —  8 de Maio de 2011

GROGGY
Abondaron apenas vinte e cinco minutos para que o Celta quedase groggy fronte un Girona que viña a Balaídos coa intención de achegarse aos cincuentas puntos que lle asegurasen a continuidade na categoría a vindeira tempada. Un campo que os cataláns sabían moi asequible para acadar este obxectivo xa que o equipo de Paco Herrera desde que obtivera o liderado leva case tres meses sen gañar na casa, acadando un punto de dezaoito posibles, unha restra de cinco derrotas insoportable, mesmo para unha afección tan curtida en fracasos nas últimas cinco tempadas como é a celeste. O Celta xa quedou atordado aos cinco minutos cando Despotovic abriu o marcador no que sen dúbida sería un dos mellores partidos da súa vida (anotou un “hat-trick”), fronte a unha defensa e unha portaría celeste en tempada de rebaixas, que se quedou parada protestándolle ao auxiliar un posible fóra de xogo, mentres que o dianteiro serbio aproveitaba a pracer a pelota que un dos seus compañeiros xa enviara ao traveseiro. Tras golpe tan prematuro, o Celta conducido polo Trashorras dos días bos semellaba que podía nivelar decontado o encontro. No minuto dez o noso artista de Rábade deliñou un grande pase interior (unha marabilla!) ao que chegou uns segundos tarde De Lucas; porén, oito minutos despois, foi o extremo catalán quen caneou pola banda e ofreceu un balón de ouro a David Rodríguez que o toledano non soubo enviar ás redes; como tampouco superou ao porteiro xironés un xutazo que minutos despois realizou David tras unha xogada persoal, con cano incluído ao seu central marcador. Tres goles feitos estragados durante un cuarto de hora de fútbol celeste prometedor que quedou en auga de bacallao cando un erro monumental de Catalá facilitaba que o Girona sentenciase o encontro. Corría o minuto vinte e seis e o Celta quedaba groggy, atordado por este segundo golpe, que sete minutos máis tarde sería aínda máis paralizante tras un novo tanto de Despotovic, volvendo aproveitar as facilidades dunha defensa celeste de verbena. A partir de entón, o partido convertiuse nun auténtico calvario para un Celta noqueado, impotente, unha sombra da sombra daquel equipo sólido que asombraba deica o mes de febreiro. Tras a reanudación, Paco Herrera agardou a introducir os primeiros trocos cando Despotovic volveu a bater a un pouco afortunado Yoel; mudanzas pouco acertadas, sobre todo a que supuxo a retirada do terreo de Trashorras, o único xogador dos nosos que procuraba recuperar o sentido e poñer unha certa orde en tan enorme catástrofe. Nin a incorporación de Aspas nin a de Joan Tomas nin a de Abalo, a pesar de que crearon algunhas xogadas de perigo e provocaron algúns escintileos claros de gol, puideron mitigar na media hora final de xogo o patético espectáculo dun equipo sen forzas, sen coraxe e, sobre todo, sen alma, que está provocando moita dor e confusión entre os seus seareiros que non saben explicar as razóns do suicidio que presencian cada nova xornada en Balaídos. Semella que Paco Herrera non está sendo capaz de inocular no seu cadro as doses necesarias de orde e disciplina que unha situación tan delicada require. A estas alturas, a pesar do enganoso da clasificación, nin sequera está asegurada a participación na promoción de ascenso. Que o mellor do encontro fose a estrondosa e agarimeira ovación que recibiu da bancada o ex-capitán Noguerol cando entrou no terreo de xogo é unha proba máis da grave doenza dun equipo que comeza a ser asubiado polos seus propios seguidores.