Onte 1201: «Leviathan»

Leviathan-Andrei_ZvyagintsevLeviathan, a película de Andréi Zviáguintsev, comeza e remata con senllos longos planos secuencia que percorren a beleza fría do mar de Barents, ao norte de Rusia, onde emerxen os cascos de embarcacións náufragas e o esquelete dunha grande balea. Ósos que representan a Leviatán, ese monstro da corrupción da Rusia de Putin, o tema central desta desacougante e desoladora película na que corren pola pantalla ríos de vodca e de bágoas. A corrupción dun sistema fracasado que corroe todos os ámbitos da vida social. A do poder político, representada por un alcalde pallaso e borrachuzas, amparado pola violencia. A da administración de xustiza e da policía, sometidas ao poder político. A do poder relixioso, encarnada no pope da igrexa ortodoxa e os seus patéticos discursos de falsa espiritualidade, capaz de someter ao poder político. Unha desfeita moral que corroe as relacións familiares e a cada un dos individuos enfrontados a súa incapacidade para enxergar un futuro.

Leviatán reinterpretado por Andréi Zviáguintsev pola figura do guindastre que nunha das escenas finais (de enorme tristeza) leva por diante a casa do protagonista, un pobre mecánico que ousou enfrontarse ao poderoso coa intención de manter o seu predio.

Gustei da estratexia narrativa de Zviáguintsev, capaz de combinar a lentitude introspectiva dalgunhas escenas dramáticas, coa vertixe doutras nas que aparece o humor e a sátira desapiadada, como naquela memorable do tiro ao blanco sobre os retratos das figuras da URSS. Como é maxistral a utilización da elipse narrativa, capaz de explicar ou retratar nuns segundos as situacións máis complexas dun guión moi ben resolto.

Leviathan propón ao espectador unha indagación non contemplativa sobre a degradación moral e as escasas posibilidades de comunicación e de solidariedade de seres humanos aos que se lles nega a liberdade e o seu futuro. Aquí hai poucas posibilidades para o optimismo. A coincidencia citada dos planos iniciais e finais aconsella mantérmonos á espreita. Esa besta mariña da corrupción continúa na beiramar.

Así foi Culturgal 2014

Moito agradezo a Jesús Andrés Tejada esta peza audiovisual que preparou sobre Culturgal 2014. Debe quedar no noso arquivo,

Onte 1195: A estrelada de Celso Emilio Ferreiro

Máis alá da controversia erudita arredor de se Celso Emilio naceu o día 4 ou o 5 de xaneiro de 1912, en todo caso na víspera de Reis, todos os seus biógrafos acreditan en que o poeta de Celanova chegou ao mundo cando os tempos estaban a mudar. El mesmo o recoñece nestes versos: «Moitas vegadas / a miña nai contoumo. / O día que ti naciches / houbo estrañas sinales no ceo. / Outro era entón o vento de xaneiro, / as pombas do solpor tornaban lentas / na serán sosegada.» Quizais por esa estrelada sosegada e afortunada daquel xaneiro de hai cento tres anos, Celso nunca perdeu a lumieira que acompañou a súa obra. Hoxe continua accesa en milleiros de persoas. Un caso case único na literatura galega. Convido hoxe a escoitar un extraordinario documento oral, as entrevistas que lle fixeron María Xosé Porteiro e Xosé Antonio Perozo en 1978. Ergamos un vaso de caíño na súa lembranza.

No 2015 seguiremos no camiño

Acredito na posibilidade de crear tradicións modernas. Acompañar cada serán de San Silvestre cun temazo de Oasis é unha das miñas angueiras. Este ano escollín «Stop Crying Your Heart Out» (2002) xa que entendo apela a continuidade no noso camiño. Benvida a xoldra efémera do aninovo! Cos meus votos de esperanza para 2015.

Chuva no Mar

«Chuva no mar», esta marabilla das miñas admiradas cantoras Marisa Monte e Carminho, sobre texto de Arnaldo Antunes e animación de Nicolau, acáelle coma anel a este tránsito entre o ano vello que remata e o que comeza devagariño.

Os meus votos de esperanza para facermos xuntos o camiño novo, o horizonte aínda está ao lonxe.

Onte 1187: «Os fenómenos»

Os_fenomenosNa cola dos cines Norte escoitamos onte como a persoa que nos precedía preguntaba se Os fenómenos era en galego. A contestación da taquilleira foi reveladora: «Non, en mezclado». E non lle faltaba razón, xa que o confuso e prexuizoso abordaxe bilingüe (só utilizan o galego algúns albaneis) é o punto máis fraco dunha película moi digna sobre a orixe e os efectos da chamada «crise do ladrillo».

A gran interpretación de Lola Dueñas subliña o valente enfoque feminista que Alfonso Zarauza (o director de Encallados) escolleu para contar unha historia social que polas paisaxes e espírito solidario da cuadrilla nos lembrou a narrativa d’ Os luns ao sol. Escenas memorables como a do vestiario, as do pagamento dos salarios en a e en be ou a do albanel xubilado que retorna á obra merecen os maiores parabéns, como as excelentes interpretacións do elenco de actores galegos como Ledicia Sola, Miguel de Lira, Morris, Uriarte, Touriñán, Federico Pérez, entre outros.

Porén, o abuso de tópicos para as escenas de humor, como o tratamento rutineiro no guión do triángulo amoroso, fan que a película decaia nalgúns momentos. Xaora, a resolución escollida fai que gañe densidade e interese no seu treito derradeiro, deixando no espectador un sabor inequivocamente amargo. En definitiva, outra moi interesante achega do cine galego actual que, a pesar dalgunhas pequenas eivas, paga moito a pena ver.

Onte 1184: «Do voltar», nadaliña cinematográfica

«Do voltar» é o título desta magnífica nadaliña cinematográfica que Víctor Hugo Seoane preparou para o blog «Acto de primavera». Lembremos que o pasado ano a nadaliña foi esta peza de Carla Andrade, en 2012  a de Eloy Domínguez Serén e no 2011 a de Xurxo Chirro. Parabéns a Martín Pawley, Xurxo González e José Manuel Sande, responsables do blog, por poñer en valor a creación audiovisual neste eido, algo aínda pouco frecuente na cultura galega.

Onte 1181: «Mr. Turner»

MV5BMjUzNTg0MzM3NF5BMl5BanBnXkFtZTgwNDg3NTY5MjE@._V1_SY317_CR0,0,214,317_AL_Gustoume Mr. Turner, o retrato cinematográfico que Mike Leigh fixo de Joseph Mallord William Turner, a gloria da pintura paisaxistica inglesa do século XIX. Cun guión lixeiro, enfiando unhas poucas situacións dramáticas, componse unha película fermosa na que a paisaxe e a pintura son protagonistas e o retrato humano dun artista rosmón, fanfurriñeiro e ás veces violento funciona apenas como contrapunto. Xenial pintor da luz, Turner introducía durante uns minutos aos seus clientes nun cuarto escuro para logo pasalos ao seu estudio onde quedaban decontado abraiados pola luz dos seus cadros. Un xogo de contraste entre luz e escuridade que se mantén ao longo de toda a metraxe, nun xogo de recorrencias e detalles engaiolantes. Algunhas escenas memorables, como a do pintor atado ao mastro dun galeón, vivindo a experiencia da luz da tormenta na noite ou a da daguerrotipo, na que o pintor ironicamente pregunta se a cámara capta as cores, axudan a compoñer este fermoso cadro cinematográfico.

Onte 1172: Booktuber gaba «Black Air» e cita a literatura galega

black_airFoi unha sorpresa coñecer que a booktuber londiniense Sanne de Booksandquills (117.000 seguidores) dedicase a súa primeira recomendacion do mes de novembro a Black Air, a novela de Agustín Fernández Paz, traducida por Jonathan Dunne e publicada en inglés por Small Stations dentro da colección «Galician Wave». Un feito moi relevante xa que Sanne encadra o texto dentro da literatura galega, gaba a nova colección xuvenil e o deseño cool das súas cubertas, ao tempo que comenta o seu interese por ler máis obras do autor. A peza leva xa máis de 32.000 visionados e non está de máis deterse a ler os comentarios, onde participan lectoras galegas e catalás de Agustín. O fenómeno booktuber (lectores e lectoras novos que comparten as súas lecturas e comentarios no seu vlog de youtube) ten cada vez máis importancia na literatura xuvenil internacional, pola súa grande influencia na conformación de tendencias entre o lectorado.

Dende hai meses coñezo o caso de Sebas G. Moure, un booktuber galego (máis de 31.000 seguidores), un mozo de Lugo de dezaoito anos (con 25.000 seguidores en Twitter), estudante de xornalismo en Madrid, que publica os seus comentarios en «El coleccionista de mundos» e «O rocho das ideas» (en galego). Nos vindeiros días afondaremos no fenómeno booktuber en galego e nas experiencias de lecturas compartidas que se veñen facendo na rede galega de bibliotecas escolares.

Onte 1162: Desolación e responsabilidades

frente atleticoDesoladora é a noticia da morte violenta de Francisco Romero Taboada «Jimmy», membro da sección Los Suaves dos Riazor Blues, tras ser golpeado e guindado ao río Manzanares nunha extraña «liorta» con membros do Frente Atlético. Uns feitos gravísimos sobre os que se ofrecen versións contraditorias que deben ser investigados pola autoridade xudicial e sobre os que haberá que establecer responsabilidades políticas e deportivas.

Non obstante, foi onte decepcionante a morneza coa que foron valorados en primeira instancia polos clubs, sobre todo polo presidente do Atlético de Madrid, mais tamén polos responsables da LEFP e da Federación, incapaces sequera de suspender o encontro. Como tamén debe ser explicadas polos responsables da Delegación do Goberno as razóns de contar cun dispositivo policial tan insuficiente como ineficaz para un partido no que se desprazaron a Madrid medio milleiro de deportivistas.

No entanto, a pesar da confusión (interesada?) sobre o acontecido, non hai dúbida que os membros do FA levan facendo dende hai tempo ostentación de símbolos nazis e fascistas no espazo que ocupan no estadio Calderón, un comportamento consentido polo club e pola propia Delegación do Goberno, incompatible coa democracia e inadmisible en calquera espectáculo deportivo. Como tamén é un feito que nesa mesma bancada se continúa celebrando con cánticos o asasinato hai dezaseis anos de Aitor Zabaleta, seareiro da Real Sociedade, unha barbaridade que conta coa complicidade conformista dos que acoden ao estadio e dos responsables do club que non lle poñen couto nin tacha a ese comportamento noxento. Probablemente aí se foi cocendo devagariño o caldo onde fermentou o odio que matou onte a Jimmy no Manzanares.

Acredito no que rezaba na tarde de onte nunha pancarta no Sánchez Tartiere: «O fútbol é unha paixón que non merece unha vida». No fútbol, sexa no amador coma no profesional, non ten cabida manifestación ningunha de violencia nin na lameira nin nas bancadas. O fútbol é un deporte colaborativo complexo e un espectáculo fermoso. Só recuperando os valores da cultura do fair play, dentro e fóra dos estadios, será posible erradicar esta lacra noxenta do fascismo e do racismo ultra nos estadios de fútbol.

Sei que é perfectamente posible expresar nas bancadas a nosa fachenda por pertencer a unha comunidade futbolística, por compartir con milleiros de persoas o mesmo sentimento por unhas cores e idéntica emoción para afrontar as rivalidades. Sei que é posible expresalo, sentilo e compartilo utilizando só os sintagmas da paixón, da emoción e do entusiasmo. Aqueles seareiros que non acepten este camiño dubido que compartan o afán de pertencer a esa comunidade fraterna e emotiva que crea o equipo e, polo tanto, deberán quedar fóra dos estadios, onde non hai sitio para eles.

Xaora, as miñas condolencias para a familia e as amizades de Francisco Romero, como para as persoas que comparten o sentimento deportivista. Nunca máis outra morte por causa da violencia no fútbol.