Listado de la etiqueta: xogo

Onte 557: Tastarabás

Chegou a miña mesa un dos primeiros exemplares de Tastarabás, a enciclopedia de brinquedos populares de Antón Cortizas. Unha grande obra de referencia que cataloga un milleiro de xoguetes populares, cuxa construción se explica con todo detalle, ademais de acompañala con cadansúas referencias na literatura popular e culta.

Confeso que despois de máis de dúas décadas traballando na edición é unha beizón que non ten prezo que a chegada dun libro da imprenta continúe provocando emoción e entusiasmo ao noso equipo. E razóns abondas hai para emocionarse cando publicamos un libro tan excepcional coma este Tastarabás de Cortizas, sexa polo seu peso de case catro quilos e medio, as súas mil oitenta páxinas de formato case folio, o seu lombo de seis centímetros, as máis de 2.500 fotografías, a súa elegante maquetación, o acabamento acartonado coidadísimo, as ilustracións de David Sierra (incluída a creación dun alfabeto de enredos)… O traballo de edición tan complexo de Tastarabás foi un proceso coordinado que ocupou a varias persoas do noso equipo editorial. O editor Ramón Domínguez Veiga coidou a creación editorial durante case cinco anos, nunha conversa permanente con Cortizas, ocupándose da revisión dun orixinal magnífico (texto e fotos), o deseño e a complexísima confección da maqueta, así como de varias revisións concienciudas. Xosé García Crego, o director de edición de Xerais, responsabilizouse dun proceso de fabricación non exento de dificultades pola singularidade da obra. Mais o traballo editorial de Tastarabás continúa na campaña de pre-publicación dirixida por Celia Torres, a directora de promoción de Xerais, que se desenvolverá até o 15 de abril, data na que a obra terá un prezo de 80 euros.

Estou convencido que a pesar do contorno actual de devaluación interna (que reduce as vendas na libraría) e de mudanza do paradigma da comunicación editorial (que abre o mercado dixital), os libros impresos con contido culturalmente relevante e edición coidada e atractiva continuarán tendo a súa oportundiade entre os lectores e lectoras. Con esta convicción publicamos un libro como Tastarabás, que sabemos cumprirá un papel esencial na recuperación da brinquedia, ese mundo do xogo e xoguete popular, parte esencial dese patrimonio intanxible da nosa cultura tradicional. Un libro obxecto moi fermoso, unha achega valiosa para a nosa cultura.

 

Parques infantís

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre a necesidade de incluír o arranxo dos espazos de xogos para a rapazada dentro das políticas de humanización urbana.

Unha das cuestións nas que máis adoito reparar cando visito por vez primeira unha cidade é como están organizados os espazos de xogo para a rapazada. Probablemente na cantidade e na calidade destas instalacións –sexan os “parques infantís, as “zonas verdes” ou espazos deportivos informais– atopemos algúns dos indicadores máis fiables da calidade de vida da cidade e do benestar da súa cidadanía. Por ventura, os espazos deste tipo cos que contamos en Vigo melloraron nos últimos vinte e cinco anos unha barbaridade, imitando ou importando as características e calidades daqueloutros que antes nos asombraban nas cidades do Reino Unido ou nos países escandinavos modélicos nesta cuestión.

A existencia destes espazos urbanos é un dereito da infancia recoñecido na “Convención dos Dereitos do Neno” asinada na ONU en 1989 que estipula que “Todo neno [toda nena] ten dereito ao xogo no fogar, na escola e no ambiente comunitario para que poida despregar as súas actividades lúdicas liberadoras”. Un xeito de expresar a importancia decisiva do xogo como celme definidor da vida infantil en todas as culturas e comunidades. Os nenos e as nenas xogan porque xogando se fan a si mesmos. Xogar é moi importante para eles xa que, ademais de lles proporcionar pracer, é o seu primeiro laboratorio, xa que contribúe a que poidan descubrise a si mesmos, a probarse, a explorar límites, a socializarse e, o que aínda é máis definitivo, a poder comprender a vida.

O arranxo de espazos urbanos especializados para o xogo da infancia –“os parques infantís”– debe formar parte principal das políticas de humanización orientadas para potenciar a convivencia interxeracional e o desenvolvemento urbano sostible. Non está de máis insistir na idea de que humanizar as nosas rúas non pode consistir só en ampliar e empedrar as beirarrúas, renovar as acometidas e sumidoiros, plantar algunhas árbores e xardiñeiras con flores ou instalar novo e máis moderno mobiliario urbano. A pesar da súa necesidade e do pulo que proporcionan á actividade económica en plena recesión estas actuacións por si soas non abondan. Humanizar a cidade tamén é propoñer á cidadanía un novo modelo de mobilidade, que reduza de forma eficaz a utilización do vehículo privado e incite a camiñar polo rueiro. Humanizar é crear máis espazos de convivencia para as persoas adultas, facilitando a instalación de terrazas, colocando bancos ou creando, cando sexa posible, novas prazas ou sendas verdes peonís…

Como humanizar a cidade supón deseñar uns parques infantís que faciliten o desenvolvemento da actividade lúdica, da socialización e da conquista da autonomía dos picariños, un segmento da poboación moitas veces invisible para a clase política. Corresponde aos concellos a responsabilidade de crear espazos de xogo e lecer que, ademais de dispoñer de aparellos para que rapaces e rapazas de diferentes idades poidan arrandearse, saltar, escorregar ou gabear con completa seguridade, conten con elementos naturais (as árbores como a vexetación vizosa son imprescindibles) e cunha topografía irregular (non necesariamente plana) e de diversas texturas que favoreza as actividades lúdicas que desenvolvan a motricidade fina e a discriminación perceptiva dos seus usuarios. Hoxe, máis ca noutrora, cando se sacraliza o sedentarismo do xogo solitario de horas e horas diante das pantallas, as nosas crianzas precisan de saír da casa e vivir no “parque” con outras iguais a experiencia insólita do contacto directo coa terra e auga, enzoufándose con estes elementos ou xogando ao guá, como nós faciamos hai cinco ou seis décadas. En definitiva, a cidade ten a responsabilidade de contar con espazos ao aire libre seguros concibidos para facilitar a diversa tipoloxía de xogos en autonomía de nenos e nenas de diferentes idades, desque comezan a camiñar até que debutan nas actividades predeportivas.

Tras un período de moita preocupación municipal por esta cuestión, na que o concello de Vigo, moi implicado no programa de cidades educadoras, arranxou e modernizou máis dun centenar destes “parques infantís”, tanto do centro como do periurbano, precísase de maior atención no mantemento, seguridade e limpeza dos xa existentes (algúns, magoadamente, en condicións deplorables por mor do vandalismo e da invasión das súas instalacións por parte de cans) como de pulo para a ampliación ou creación doutros novos. Espazos para a infancia que poden ser complementados cos denominados “parques biosaudables”, un tipo de mobiliario urbano que semella facilita o exercicio físico de persoas maiores, e do que existen máis de trinta áreas en Vigo. Atender a esta demanda de picariños e maiores, de netos e avós, é unha aposta pola humanización real da nosa cidade. Paga a pena.