Listado de la etiqueta: xesús_marcos

«O Brindo de ouro II», quedei rendido diante desta novela de Xesús Marcos

Dende que hai ano e medio abrimos o blog de Xerais (xa leva preto de mil anotacións) en escasísimas ocasións falamos nestas brétemas de libros publicados pola editorial. Porén, non me resisto a expresar o meu entusiasmo tras gozar estes días da lectura vagorosa da segunda novela da serie O Brindo de ouro de Suso Marcos, hoxe o escritor primeiro do Courel e mestre da literatura de espada e bruxaría na nosa lingua.

Trabúcanse os que minusvaloren esta grosa novela de 416 por ser publicada na colección Fóra de Xogo (dirixida, tamén, a público xuvenil) ou por continuar a serie iniciada con A chamada do brindo, a novela gañadora do Premio Merlín 2004 (daquela de literatura infantil e xuvenil) e do Premio The White Ravens 2005. Como xa sucedeu outras veces con outros títulos publicados nesta nosa exitosa colección, só hai que vencer prexuízos e deixarse levar polos fíos da narración e comprobaremos que esta serie de aventuras de Marcos é unha marabilla! Con todo, hei confesar que con esta segunda entrega, A Táboa da Hospitalidade, quedei absolutamente rendido; penso que non é esaxerado  considerala como mellor novela de fantasía publicada na nosa lingua dende Arnoia Arnoia.

Xesús Marcos nesta segunda entrega consolida o seu espazo literario propio, o das Terras Outas dos arxinas, fronteirizas coa Devesa da Rogueira, coas Terras Érmedas dos alobri da raíña Ildara e coa Abellonenia trasunto na fantasía do Courel dos Tesos cumes que ollan de lonxe e que espreita cada amencer no bicarelo do bico do brelo. Xesús Marcos, ademais, tira moito partido do cadro dos personaxes que deseñara para a serie, sexa ese trío masculino formidable de Selmo (o Gardián do Brindo de ouro que protexe ao pobo arxina dende o Pico do Brío) e os seus amigos Toimil (o alobri que protagoniza a traizón e o romance deste segundo volume) e Oulego (ese fermoso home salgueiro dono das palabras que serven para defender o mundo); sexa ese impoñente cadro de mulleres, vencendo convencións e estereotipos de xénero, aquí sempre poderosas, dende a raíña Ildara ás Xidas e Barxas das que depende cada palabra ou cada decisión que se tome en cada unhas das parroquias arxinas, pasando pola Bruxa dos Broncedos e da Morda Maior que rexe nos territorios da soterra. Tras a batalla da Mina da Toca (episodio central no primeiro volume) será agora a procura do Longo Trabadelo a que enfronte ao pobo arxina co seu destino e co dos seus veciños os mougas do príncipe Proendos.

Unha prosa fluidísima e fermosa (moi fermosa), unha acción trepidante (onde non faltan escenas de loitas de espada e outros episodios bélicos) e un permanente xogo coas convencións propias do xénero (dende o amor cortés ao respecto dos mitos e da tradición) fan desta segunda novela do Brindo unha lectura engaiolante. Para aqueles que gostan da literatura de fantasía, esta é unha novela máis que recomendable. Estou convencido de que esta é unha serie de novelas que se fose traducida ao inglés axiña se situarían nos andeis das librarías a carón das máis valoradas polos afeccionados ao xénero. Como facemos para conseguilo? Velaí un reto.

Suso Marcos é, dende un punto de vista técnico, un dos nosos narradores máis interesantes, ademais de ser dos máis renovadores tematicamente. Tras o Premio Merlín, lembremos que en 2007 obtivo o Terra de Melide con A lúa dos Everglades (unha das mellores novelas que se teñen escrito sobre o fenómeno da emigración), este ano publica este grande Brindo e na vindeira primavera aparecerá A marca da derrota, a súa segunda novela en Xerais Narrativa, protagonizada por un soldado galego en Bosnia. Insisto, recomendo vivamente esta segunda entrega do Brindo.