Recuperar a regueifa
No artigo da semana en Faro de Vigo abeizoo o proceso de recuperación da regueifa e a posta en marcha do Centro de Interpretación da Oralidade do concello de Vigo.
Un dos gravados máis coñecidos do Vigo do século dezanove é “A regueifa de San Roque”, un debuxo a pluma que Meléndez publicou en 1879 en “La Ilustración Gallega y Asturiana”. Tratábase dunha representación da “danza do molete”, unha muiñeira executada cos brazos abaixados, no que unha das bailadoras, “a madriña”, levaba unha bóla de pan na cabeza. A danza tiña a súa orixe na cerimonia de “cantar a regueifa”, un desafío dialéctico a base de coplas improvisadas, que nas vodas protagonizaban os convidados da parroquia e os de fóra dela para desputarse o pan ou roscón da voda, nalgúns lugares chamado tamén “canelo” ou “regoxos”. No desafío dialéctico, utilizando estrofas de catro versos octosílabos, non faltaba nin o humor nin o escarno entre as familias, o que nalgunhas ocasións facía subir a temperatura entre ambas as dúas partes e obrigaba aos da casa a preparar decontado a muiñeira e logo repartir o molete entre todos os participantes. Nesa foliada está a orixe da regueifa, as cantigas improvisadas nas que dúas ou máis persoas (os “regueifeiros”) debaten sobre un tema, fenómeno que algúns relacionan coa “tenzón” medieval, unha desputa entre un trobeiro e un xoglar, un xénero menor das cantigas de escarnio.
A regueifa é un dos xéneros da literatura de tradición oral galega, como o brindo, os contos, as lendas, as cantareas, as lengalengas, os trabalinguas, as adiviñas e outras composicións orais, asociadas unhas veces coa improvisación e outras coa danza. Pezas todas que constitúen un extraordinario legado do noso patrimonio inmaterial, expresións afortunadas do saber do pobo, de cada unha das súas comunidades, transmitido de xeración a xeración fose por comunicación oral ou por transmisión escrita, onde está cifrado o ADN da lingua galega e o da súa cultura agraria e mariñeira. Un fío cultural e lingüístico milenario, un patrimonio oral inmaterial que como as formas de vida aldeá foi esmorecendo até a súa práctica desaparición e precisa agora ser recuperado, posto en valor, anovado e transmitido ás novas xeracións. Unha tarefa dignificadora urxente e necesaria, capaz de atraer ás novas xeracións ao uso cotián do galego no entorno das novas culturas urbanas.
O da recuperación da regueifa e outras tradicións populares improvisadas de carácter oral é un labor no que traballa o Centro Veciñal e Cultural de Valadares organizador do Certame Internacional de Improvisación Oral, cuxa décimo sexta edición foi celebrada o pasado mes de febreiro. Un certame que cada ano reúne as maiores figuras desta expresión da nosa cultura popular, dende os Regueifeiros de Bergantiños como Suso e Antón de Xornes e Guillermo “da Rabadeira”, pasando por improvisadores en verso como Pinto d’ Herbón, Bieito Lobariñas e Josinho da Teixeira, até o tamén gaiteiro e zanfonista Luís “O Caruncho”, un dos recuperadores do xénero do brindo, xunto a outras chegadas de fóra de Galicia como portugueses “Cantores ao desafío” ou repentizadores e improvisadores da poesía popular chegados de diferentes lugares da península e América Latina. Unha cita moi consolidada protagonizada sempre pola regueifa, “unha arte da ironía e do sarcasmo”, como adoita dicir Carlos Alonso, presidente da Asociación Oral de Galicia e alma mater do encontro e da defensa dos regueifeiros, merecedores de ser recoñecidos pola sociedade como auténticos artistas do enxeño verbal.
Recollendo o fío deste proxecto a concellaría de Normalización Lingüística do concello de Vigo creou este curso de forma pioneira o Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo (CIOV) con sede central no Instituto Municipal de Educación e coa intención de convertirse en lugar de formación e axente dinamizador da oralidade. Xaora, o CIOV pretende formar novos regueifeiros e regueifeiras, novos contadores de historias e coñecedores da tradición oral galega e das modernas formas asociadas á oralidade como o rap, hip hop e slam por medio de dous cursos, un de narración oral (os martes) e outro de improvisación oral en verso (os mércores). Outrosí sucede coas actividades de dinamización dirixidas a toda a cidadanía realizadas en diversos puntos de Vigo (rúas, cafetarías, centros comerciais…) como regueifas, contadas ou manifestacións poético-musicais. Sen esquecer actividades como os obradoiros de regueifas nos centros escolares de Secundaria, o programa “Contos e cantos” para pais e nais de picariños ou o “Cóntame os teus contos” para centros de terceira idade. O do CIOV é un programa de innovación lingüística e etnográfica merecedor do interese da Universidade da Sorbona de París onde hai apenas dúas semanas foi presentado pola concelleira Isaura Abelairas. Parabéns ben merecidos para ela e para o seu equipo técnico polo esforzo por recuperar a regueifa.