Terrorismo machista
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao terrorismo machista:
O asasinato de María José Mateo García “Sesé”, tras a explosión de gas butano provocada na súa casa de Chapela pola súa ex-parella Emilio Fernández Castro, é o máis recente atentado de terrorismo machista na área metropolitana de Vigo. Un crime executado a sangue frío, tras un plan concienzudamente preparado en todos os seus detalles, que amosa a ferocidade deste asasino que puxo todos os medios para impedir que a muller puidese escapar ou defenderse. “Sesé” foi outra vítima a engadir á lista de 17 mulleres (de todas as idades) asasinadas en España polas súas parellas ou exparellas dende comezos de 2017, período considerado como o peor de violencia machista na última década. Un fenómeno terrorista que, a pesar dos esforzos de concienciación social, repunta no seu número de vítimas e, segundo fontes policiais e xudiciais, no seu nivel de violencia.
Sabemos que esta lacra de morte e moita dor (canto menos tres mulleres foron asasinadas en Galicia en 2016 e 45 desde 2007) non vai ser doada de erradicar. As cifras son moi teimudas e demostran que nos últimos anos non se mitiga o número de casos e de denuncias relacionadas coa violencia machista (arredor de 15 diarias en Galicia, das que 3 corresponden ao xulgado de Vigo) medrando o número de mulleres obrigadas a vivir baixo algunha medida de protección (máis de tres mil), das cales máis de mil teñen protección policial activa. Datos que son apenas orientativos, xa que os criterios de contabilización de vítimas do feminicidio varían en función do organismo público que os realice (Consello Xeral do Poder Xudicial, Ministerio de Sanidade, Ministerio do Interior ou a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia), cinguíndose aos casos contemplados na Lei 1/2004 de Medidas de Protección Integral de Violencia de Xénero, na Lei 8/2015 de protección da infancia e adolescencia e na Lei 11/2007 galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero, ou dos utilizados polas organizacións feministas que contemplan todas as formas de violencia e agresión sobre as mulleres.
A violencia sobre as mulleres é unha ferida que se agranda e da que os asasinatos son apenas o iceberg desoutra perigosa doenza do machismo, cultura relacional inoculada de forma explícita ou implícita nos máis diversos eidos da vida social. Un machismo que lonxe de mitigarse continúa estando moi presente, xa dende o berce, na educación familiar que diferencia entre o universo azul dos nenos e o mundo rosa das nenas. Machismo falocéntrico consolidado nos modelos actuais de amor romántico adolescente, simbolizados polo cadeado e a sumisión feminina, cuxas formas de sometemento e exaltación do control están presentes nas letras dalgunhas cancións de moda e son aceleradas pola utilización de Whatsapp e outras redes sociais. A educación na igualdade dende o berce, tanto no eido familiar coma escolar, semella a longo prazo a única vacina eficaz para erradicar os comportamentos machistas que están na orixe desta violencia contra as mulleres.
Mais esa revolución educativa pola igualdade require de tempo e dun gran consenso social e institucional aínda por forxar capaz de sensibilizar ao conxunto da cidadanía que vivir en igualdade non só é posible, senón a única forma digna de facelo. Un proceso que pretende erradicar a violencia contra as mulleres que debe ser acelerado por un gran pacto galego contra a violencia machista. Acordo (por ventura) aprobado por unanimidade polo Parlamento de Galicia hai un mes, a proposta de Ana Pontón, no que, entre outras, se contemplen as medidas de protección e asistencia das vítimas, o recoñecemento do concepto de feminicidio, a mellora dos medios e recursos xudiciais, a intensificación de medidas de prevención, a colaboración cos concellos, a potenciación do funcionamento do Observatorio Galego de Violencia de Xénero e a implicación dos medios de comunicación social públicos e privados no combate á violencia machista evitando o morbo e o sensacionalismo no seu tratamento informativo. Un pacto galego cuxas achegas deben ser incorporadas a esoutro imprescindible Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
Erradicar o terrorismo machista obriga á cidadanía a participar de forma activa promovendo comportamentos en igualdade, visibilizando a súa repulsa, denunciando aos agresores e arroupando con firmeza e agarimo ás vítimas. Unha obriga que para os poderes públicos e os medios debería ter a consideración de “cuestión de estado”. Por acción ou por omisión todos e todas podemos contribuír a parar este feminicidio, que é perfectamente evitable.