Listado de la etiqueta: teresa_moure

«A intervención» de Teresa Moure

Este serán (ás 20:00 horas) acompañaremos a Teresa Moure na presentación da súa novela máis recente A intervención. Teresa volve aos andeis das librarías, tras a aclamadísima Herba moura, pola que obtivera o Premio Xerais de novela 2005, Benquerida catástrofe e Unha primavera para Aldara, cunha novela na que aborda as relacións entre as artes e a natureza, cuestión que xa esculcara no seu ensaio máis recente O natural é político. Empregando unha coidadísima técnica de múltiple perspectiva, nesta súa quinta novela Teresa Moure reúne a cinco persoas para formar un comando artístico interxeracional que ten como obxectivo argallar unha performance nas montañas do Courel que sensibilice á cidadanía sobre as relacións entre a arte e natureza. Mentres levan a cabo o seu escrupuloso plano, a chegada inesperada dunha nova personaxe, unha psiquiatra vienesa, obrígaos a rexistrar por escrito as súas actividades clandestinas. Desde a múltipla perspectiva que emana dos seus diarios, os membros do grupo van dando as súas respectivas versións, que conforman unha historia colectiva, e que conectan a paixón creativa co pasado remoto de cadaquén, coa súa infancia e cos seus medos máis agochados.

A intervención será presentada hoxe, 4 de maio, martes, ás 20:00 horas na Feira do Libro de Santiago. No acto acompañarán á autora a académica e catedrática Margarita Ledo Andión. O primeiro capítulo desta magnífica novela pode baixarse en en pdf aquí. Con anterioridade, a partir das 19:00 horas, nas mesmas instalacións Antón Dobao e X.L Regueira, membros da plataforma Prolingua, presentarán o libro 55 mentiras sobre a lingua galega. Agardámosvos, pois, nunha Feira que nesta edición semella recuperar o seu pulo.

Teresa Moure, pregón da Feira do Libro de Santiago

Teresa Moure leu o pasado primeiro de maio un pregón formidable na inauguración da Feira do Libro de Santiago. O novo conselleiro de Cultura, que por vez primeira participaba nun acto público, debeu tomar boa nota. O texto completo do discurso de Teresa Moure pode descargarse aquí. No entanto, recollo dous fragmentos sobre o papel do libreiro e o valor social da lectura que deben quedar ben gardadiños no blog:

  • Se asumirmos o compromiso de nos internarmos nas librarías é para darlle sentido ao mundo da lectura. O libreiro, a libreira non é só esa persoa que se achega ao computador para consultar os catálogos das editoriais, ou quen solicitamente apunta un encargo; é un axente especializado en adiviñar se tal libro pode gustar ou non a tal cliente, pedíndolle opinións para avisar outras persoas con semellantes intereses, gustos ou ideoloxía. Os verdadeiros libreiros son aqueles que lembran que a última vez que os visitamos pedimos un título que non estaba dispoñíbel e que nos informan que hoxe si o teñen.
  • A nosa sociedade funciona sobre o suposto falso de que todas as persoas debemos posuír un coche e non, por exemplo, unha biblioteca. Por que non educar para ver a lectura como algo máis que un tempo morto de lecer, como un investimento para a vida, como un consolo para aliviar a angustia da existencia, de xeito que a biblioteca propia se vise como unha das posesións menos materialistas e máis libres que sexa posíbel soñar?