Vigo e a súa colonia alemá
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo para celebrar a reedición da obra de Antonio Giráldez Vigo y su colonia alemana en la Segunda Guerra Mundial (IEV 2024):
Entre o grupo de fundadores do Instituto de Estudios Vigueses (IEV), que dende hai máis de tres décadas investigan incansables a historia de Vigo, Antonio Giráldez Lomba ocupouse dalgúns dos temas chave para entender a cidade nosa da primeira metade do século XX. Dende o seu primeiro libro, El año del “Desastre” 1898 en Vigo (IEV, 1998), iniciado como o seu traballo de licenciatura, Giráldez abordou en diversas publicacións o impacto desastroso da guerra de Marrocos de 1921 (IEV 2003), os primeiros días da guerra civil (Xerais 1993) e os posteriores anos da fame (IEV 1999), lembrou como os tranvías de Vigo configuraron a cidade metropolitana actual (Deputación de Pontevedra 2005; IEV 2014) ou afondou singularmente nas pegadas viguesas da Segunda Guerra Mundial. Temáticas de investigación exhaustiva que non lle impediron abordar unha intensa actividade de divulgación da historia de Vigo en publicacións como «Diario de la Reconquista de Vigo» aparecido en Faro de Vigo en artigos diarios entre o 31 de xaneiro e o 28 de marzo de 2009 ou o libro 200 años de Vigo. 1810-2010. Metamorfosis de una ciudad, publicado en fascículos por Faro de Vigo con motivo do bicentenario.
Labor divulgador da historia de Vigo e de Galicia que o profesor Giráldez desenvolve tamén nas súas conferencias amenísimas e didácticas, nas rotas históricas que conduce pola cidade e pola ría, no seu labor docente no Programa para Maiores da Universidade de Vigo ou nas súas intervencións radiofónicas no programa de Onda Cero «Pasión por la historia de Vigo». Sen esquecer o seu criterio sempre rigoroso e de longo alcance no deseño do ciclo anual de conferencias do Fórum do Instituto de Estudios Vigueses, entidade da que é vicepresidente, como das iniciativas da Sociedade Verne de Vigo, da que é fundador. Activista da causa viguesa, Antonio Giráldez posúe unha grande habilidade para relatar oralmente e por escrito os principais episodios da nosa historia, como fixo na súa primeira novela 1598: la peste en Vigo. El secreto del reclinatorio del prior (Ediciones Elvira 2020), prologada polo cronista Ceferino de Blas, na que reconstrúe con doses de intriga como era a cidade no século XVI a partir dun informe atopado no arquivo diocesano de Tui e elaborado polo prior da Colexiata sobre os danos causados pola invasión de Francis Drake.
Tras o interese co que foi acollido o libro Vigo y su colonia alemana durante la Segunda Guerra Mundial (IEV 2014), Giráldez acaba de presentar unha nova edición ampliada (IEV 2024), na que tras continuar coa investigación cose algúns cabos que lle quedaran soltos e engade novos protagonistas e historias. Un relato que comeza coa incorporación en 1905 de oficiais alemáns á oficina do Cable Alemán da rúa Velázquez Moreno e continúa coa chegada en 1916, coincidindo coa Primeira Guerra Mundial, de intereses empresariais alemáns instalados até entón en Portugal. Emigración alemá en Vigo que se intensifica nos anos vinte de crise (bancarrota) da economía alemá grazas á liña marítima regular entre Vigo e Hamburgo pola que irán chegando empresarios, químicos e comerciantes alemáns que se establecerán na cidade, participarán da súa actividade portuaria e fundarán en 1926 o Colexio Alemán que funcionará na rúa Pi e Margall até 1976. Colonia alemá que en 1939, ás portas do conflito mundial, era xa de duascentas persoas, con delegación local do partido nazi incluída, que se incrementará durante os anos da guerra e do «escuro obxecto de desexo» que constituía o volframio. Giráldez esculca sobre a actividade empresarial e social desta comunidade, ecos de sociedade incluídos, como rescata do esquezo outras historias heroicas, como a da fuxida de xudeus polo porto de Vigo, a partir de 1943, cando a policía franquista xa non estaba ás ordes da Xestapo e os submarinos nazis xa non reabastecían na ría de Vigo.
Apoiada nunha sólida documentación fotográfica, a nova edición do libro de Giráldez incorpora, entre outras novidades, a historia de Hanns Oswald Kukla, o soldado da Lexión Cóndor que desapareceu en Italia e acabou casando cunha viguesa, como aqueloutra protagonizada por Karel Holemans, o pintor flamengo que traballou para intelixencia militar alemá e recibiría en 1945 un premio de pintura do concello de Vigo. Testemuña daquela presenza alemá que desde 1980 ofrece na Praza da Industria a imaxe do «Ferreiro», primeira escultura moderna da cidade, icona do Vigo fabril, ensamblada peza a peza polo vigués Guillermo Steinbrüggen, neto dun oficial do Cable Alemán chegado a Vigo en 1905 e fillo de Francisco Steinbrüggen Klinkhart, coñecido como «Paco Radio», aquel deportista e amante das Cíes que formou parte do exército de Hitler e ao regreso da guerra abriu na rúa Joaquín Yáñez nº 13 unha tenda de reparación de radios.