Listado de la etiqueta: secundaria

Folga no ensino

Os mestres e mestras do meu tempo, hoxe retirados, non esquecemos a folga do profesorado do ensino público do curso 1987-1988. Máis de vinte xornadas de paros intermitentes para reclamar equiparación retributiva co resto do funcionariado, tanto de salarios coma de pensións, así como melloras das condicións de traballo docente, da súa consideración social e protección civil. Unha folga histórica, ás portas da reforma educativa da LOXSE (1990), na que a Consellaría de Educación de María Jesús Sainz fixo abandono expreso das súas competencias e responsabilidades. Porén, aquel fora un conflito que pola súas reclamacións contara coa simpatía das familias e dunha boa parte da sociedade que pouco despois se mobilizaría en todo o estado o 14 de decembro de 1988, na folga xeral contra a política económica de Felipe González e a súa pretensión de abaratar o despido. Folga heroica dunha xeración docente que por intencionalidade lembra a mobilización da CIG Ensino e STEG que reclaman hoxe a apertura das negociacións coa Consellaría de Educación arredor dunha táboa de melloras da calidade educativa: baixada de ratios en todas as etapas (medida que o goberno Sánchez pretende garantir por lei); recuperación do horario lectivo docente vixente antes da crise de 2011 (21 horas en Infantil e Primaria, 18 no resto das ensinanzas); incremento do mapa das prazas  e de persoal dos departamentos de orientación (un profesional por cada 250 estudantes, ademais do incremento persoal de PT e AL); posibilidade de redución de xornada a partir de 55 anos até a atención preferente á situación de emerxencia da lingua galega nos centros. Coma sucedera naquel 1988, curso no que se autorizou con carácter experimental a xornada lectiva en sesión única, o que pelexan hoxe os docentes é o futuro do ensino público galego para as vindeiras dúas décadas, para o que cómpre incrementar xa nos Orzamentos de 2026 as partidas dedicadas a Educación. Coma hai trinta e sete anos, os profes e as profas en folga teñen razón.

Publicado en Nós diario: 29/10/2025

Medio metro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao adiamento do reinicio do curso en Secundaria

O comezo do curso adíase en Galicia unha semana en ESO, Bacharelato e FP pola incapacidade da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade para regular en tempo e forma na organización da súa rede de institutos e colexios a etiqueta sanitaria dos 3 M (metros, máscara e mans) fixada en xuño pola OMS e polo Ministerio de Educación como requisito para volver as aulas tras o confinamento. Fixeron falta tres meses e dous equipos no cumio da Consellaría para entender que aquel metro e medio de distancia entre mesas obrigaba nesta etapa a reducir a ratio de alumnado por aula e polo tanto tamén a crear máis grupos, contar con novos espazos e incrementar o número de docentes. Unha evidencia que, porén, choca coa doutrina do presidente da Xunta de intentar reducir a custe cero o regreso á ensinanza presencial, mesmo a pesar de contar a maiores con máis de noventa millóns de euros procedentes dos fondos Covid do estado.

Meses de esforzos inútiles dos equipos directivos dos institutos obrigados a deseñar a organización dos grupos e dos espazos respectando a ratio de até 30 alumnos por aula e un metro de distancia entre o centro das cadeiras, unha arriscada interpretación espacial establecida pola Consellaría no seu primeiro protocolo de xullo. Medición que a comezos de setembro as autoridades educativas galegas se viron obrigadas a modificar, tras asumir por medio das instrucións do 31 de agosto a corrección do protocolo. Dende entón, utilizouse o metro e medio como distancia de seguridade, como xa sucedía no resto das comunidades, e abriuse a posibilidade de facer desdobres en última instancia. Medio metro decisivo que se amosou como determinante para provocar nos institutos o colapso do modelo escolar covid de Feijoo, defendido contra vento e marea pola conselleira Carmen Pomar e polo secretario xeral técnico Jesús Oitavén, o que non impedíu que fosen cesados polo presidente na remuda do seu goberno.

Crise do modelo Feijoo que aparentemente non afectou ao comezo do curso en Infantil e Primaria, grazas ao criterio de organización de «grupos de convivencia estable», burbullas de até 25 alumnos con máscara (na Primaria) durante toda a xornada lectiva, que permiten nestas etapas obviar a existencia dunha distancia social estrita entre postos escolares, substituída nas instrucións de 31 de agosto co eufemismo voluntarista de «a máxima que permita a aula», e manter estable o cadro docente dos colexios. Inicio de actividade que, porén, non pode considerarse completamente satisfactorio na medida que polo momento non funcionan de forma normalizada os servizos complementarios de conciliación familiar e laboral imprescindibles, como as aulas matinais e os comedores escolares, xestionados de forma alternativa polas propias ANPAs, como sucede nalgúns centros do Vigo metropolitano.

Coa volta á consellaría de Román Rodríguez, a quen os comentaristas identifican como un dos homes de Feijoo, abriuse un escenario no que máis alá de asumir con realismo a imposibilidade de abrir os institutos na data prevista non deseña polo momento un modelo alternativo. Máis aínda, todo parece indicar que volve a improvisación como amosa a proposta de utilización nas aulas de anteparos de metacrilato («mamparas») para evitar o metro e medio de distancia, outra ocorrencia coa que se regresa ao modelo do metro entre cabezas do pasado xullo. Como tampouco acaba de concretar este novo equipo un compromiso do incremento do profesorado, que permita a creación de novos grupos naqueles centros colapsados ou con alumnado máis vulnerable nin tampouco as condicións de equidade nas que se desenvolvería unhas posibles ensinanzas a distancia nos cursos superiores. Semella que a solución Rodríguez sería que ao abeiro da súa autonomía cada instituto na organización das aulas fose facendo o que mellor entendese, agardando o apoio posterior da Inspección Educativa, o que resulta a esta altura tan ineficaz como ben pouco alentador para os sufridísimos equipos directivos sobre os que se volve deitar toda a responsabilidade.

Para saír desta crise na que Feijoo meteu a educación en Galicia non existen máis receitas que as que se están utilizando noutras comunidade. A primeira, dotar aos centros de máis recursos humanos (profesorado, persoal coidador e de enfermaría). A segunda, asumir a procura da igualdade como eixo de todas as actuacións. E a terza, abrir un diálogo empático e permanente coa comunidade educativa (representación sindical do profesorado, representación das ANPAs e representación dos concellos). Sabendo que non existen solucións máxicas, a saída pasa por abandonar a doutrina do custe cero e asumir que a situación excepcional que a pandemia provocou no sistema educativo obriga a asumir tamén custes excepcionais.