Entre os recoñecementos á excelencia na creación e promoción da cultura galega, entregados na trixésimo sétima edición dos Premios da Crítica Galicia, foi moi significativo o de Berrogüetto na modalidade de música. Un premio aclamadísimo que chega, quizais, un pouco tarde cando o grupo vigués decidiu disolverse a pasada primavera “cun sorriso e coa satisfacción do traballo realizado”, o que non evitou a a decepción e tristeza saudosa dos que somos os seus incondicionais seareiros.
Tras o inesquecible derradeiro concerto de despedida no García Barbón do 29 de xuño, Berrogüetto deixa unha herdanza importante para a cultura galega: os máis de sesenta temas de cinco discos memorables, “Navicularia” (1996), “Viaxe por Urticaria” (1999), “Hepta” (2001), “10.1” (2006) e “Kosmogonías” (2010); ademais dun gran libro disco biográfico con gravación de concerto ao vivo, “Berrogüetto. O pulso da Terra” (2011). Como salientou o xurado dos Premios da Crítica Galicia no seu ditame recoñeceuse por fin a Berrogüetto “pola súa excelente traxectoria artística de case vinte anos constituíndose nunha referencia imprescindible da música de raíz galega e un conxunto de prestixio no panorama internacional que deixa un legado permanente na nosa cultura”.
A prehistoria de Berrogüetto está en Matto Congrio, que publicou o seu único disco en 1993, mais que, como sinalou o crítico Óscar Losada, “marcou o signo dos tempos modernos no folk do país” e abriu para el dous vizosos vieiros. Dous membros da formación que vestiu cun traxe moderno o folk galego, Pancho Álvarez (baixo) e Diego Bouzón (guitarra) acompañaron a Carlos Núñez (gaita) na súa nova banda, a que gravaría “A irmandade das estrelas” (1996). Os outros tres compoñentes, Santiago Cribeiro (acordeón), Isaac Palacín (percusión) e Anxo Pintos (gaitas e zanfona) decidiron crear un novo grupo, ao que convidaron a Quico Comesaña (harpa) de Fía na Roca, Paco Juncal (violín) de Armeghin e Guillermo Fernández (guitarra) de Fol de Niu.
Dende os seus primeiros concertos no verán de 1995, a nova formación, bautizada como Berrogüetto –un nome que significaría “berro dos oprimidos”, mesturando un berro positivo saído da nosa estirpe cunha vontade de afastarse de calquera “ghetto” ou “apartheid”– non deixou de asombrar ao público galego (e despois ao internacional da chamada “world music”) pola súa proposta musical innovadora, experimentando novas sonoridades e instrumentos que permitisen enxergar horizontes contemporáneos para a música galega de raíz. A aparición de Berrogüetto significou, pois, unha aposta pola innovación, que o grupo levou a todos os eidos da súa actividade, con atención especial ao coidado gráfico e presentación de todas as súas producións e a súa vontade para dedicarse profesionalmente á música, o que constituíu unha novidade no folk galego. Tras a marcha de Juncal, Berrogüetto incorporaría en 1999, a partir do seu segundo disco, a voz de Guadi Galego e o violín de Quim Fariña, consolidando un septeto no que, tras a saída de Guadi en 2010, se integrou o cantante Xabier Díaz.
Cada un dos temas de Berrogüetto constitúe unha pequena alfaia sonora labrada por estes alquimistas de soños, navegantes que viaxaron en cada disco ou en cada concerto, onde sempre foron tan sútiles como enérxicos, polos océanos musicais máis diversos (intelixentes que son, ningún mar sonoro lles foi alleo). Sete músicos que aproaron a súa nave entre os ritmos da muiñeira, do vals, da polca, do alalá e o das linguaxes musicais contemporáneas, nunha travesía na que nunca perderon a súa raíz galega. A calidade instrumental, a rigorosidade compositiva e a afouteza para asumir riscos creativos fixeron de Berrogüetto unha das representacións máis acaídas da identidade cultural galega contemporánea, desa fantasía de traducir a tradición milenaria na expresión do noso tempo.
Rosa Aneiros escribiu que “Berrogüetto foi a nosa propia voz feita música. Eles fannos soñar que outra música, outra orde cósmica é posible”. E abofé que así foi até que a severidade desta crise coa cultura galega arrasou o seu proxecto modernizador e a súa incipiente presenza nos mercados internacionais. Neste entorno, a imposibilidade da continuidade de Berrogüetto co seu proxecto primixenio é un síntoma do fracaso do conxunto do sector cultural galego. O “Alalá da noite”, canción composta por Quico Comesaña e Xabier Díaz, incluída en “Kosmogonías” (2010), ten como letra un poema que Manuel Rivas enviou ao grupo tras o concerto de presentación de Díaz como o seu cantante. Difícil é resumir mellor o que supuxeron os anos de traballo do grupo vigués que neste retrouso: “Eu non sabía que había / tanta alegría nas bágoas / nin neve nas bidueiras / nin esperanza nas mágoas”. Berrogüetto sempre!