Artigos

Onte 1107: A marca do editor

Maquetación 1Roberto Calasso, o editor de Adelphi, fixo en Cien cartas a un desconocido unha escolma dos seus textos de contracuberta ou lapela. Agora, no libro publicado tamén en Anagrama, La marca del editor, expresa a súa poética da edición cultural, para el un xénero literario híbrido, e a súa concepción da empresa editorial como unha forma e unha marca. Un ensaio no que aposta polo editor de libros únicos, eses títulos que poden correr risco de non ser editados, mais tamén por que son agarimados polo traballo do editor que deixa neles a súa marca, sexa na escolla tipográfica, na composición da páxina ou na elección dunha imaxe adecuada para a cuberta. Un editor que vai deixando a marca na confección dun catálogo, onde se pode ler a súa auténtica autobiografía. Interesoume moito a insistencia de Calasso sobre o valor do libro como obxecto, concedendo singular importancia ao deseño das portadas no actual proceso de hibridación editorial: «a portada é a lembranza de que a mente pode actuar tamén sobre a base analóxica, sen detremento da dixital».

Son moi luminosas as súas reflexións sobre a relación de complicidade entre cada colección editorial e o seu anónimo, complexo e perceptivo público, que non é outra cousa que a relación do editor cos lectores e lectoras: «a complicidade con persoas que non se coñecen pode crearse só sobre a base das reiteradas experiencias de non desilusión». Noutras palabras, o editor ten a obriga de non decepcionar aos seguidores das súas coleccións, minimizando os seus libros errados. Como tamén son importantes para forxar e continuar esa complicidade o xeito no que son presentados os libros e o contexto onde aparecen; dúas funcións esenciais do editor, a da comunicación e promoción editoriais.

En libro tan suxestivo para os que somos profesionais da edición, que non podo máis que recomendar a editores e letraferidos, recupero para o arquivo dixital unhas cantas afirmacións memorables:

«Un bo editor é aquel que publica aproximadamente unha décima parte dos libros que quixera e quizais debería publicar.»

«Unha boa editorial sería a que supostamente publica, dentro do posible, só bos libros. Ou sexa, libros dos que o editor tende a estar orgulloso e non a avergonzarse.»

«Propoño que se considere a arte da edición como unha forma de bricolaxe.»

«Unha cultura literaria recoñécese tamén polo aspecto dos seus libros».

Onte 300: Cartas a un descoñecido

Souben da novelesca aparición do Códice Calixtino mentres preparaba a redacción do texto de cuarta de cuberta de Eu,pel, a primeira novela xuvenil de Teresa González Costa, que publicaremos no mes de setembro en Fóra de Xogo. Non é doada para min a escritura destas apenas quince liñas nas que presentamos diante dos potenciais lectores e lectoras as características de cada obra. Xunto á elección da imaxe de cuberta, tamén responsabilidade do editor, na redacción da cuarta xógase unha parte das posibilidades do libro diante do lectorado. Roberto Calasso escolmou en Cien cartas a un desconocido un cento dos máis de mil textos de contracuberta que escribiu en Adelphi. Para Calasso o texto de contra é o fío sutil que une ao editor co lectorado, un vínculo no que o editor acompaña cada libro, que debe considerar como único e singular, «o lugar no que deberían apararecer e revelarse diante do lector os motivos que levaron á elección do libro». As contracubertas son as cartas do editor a un lectorado descoñecido, pezas breves, moi sintéticas, que sinalan a liña do proxecto editorial, moito máis que parte dos fríos metadatos, hoxe viralizados na rede polas librarías virtuais. Teño a convicción que onte redactei a cuarta dunha das novelas xuvenís máis potentes e orixinais incluídas no catálogo de Xerais, a primeira novela grande dunha autora chamada a marcar un fito na literatura galega do noso tempo. Eis a grande responsabilidade do editor, non é doado comunicar ao lectorado semellante entusiasmo da forma máis convincente e atractiva.